O atún é un peixe azul clásico da nosa cociña. Sen dúbida, un dos peixes máis consumidos en todo o mundo que destaca polo seu exquisito sabor. Baixo en calorías, rico en proteínas e en ácidos graxos Omega 3, achéganos tamén vitaminas do grupo A, D e B.
Todas estas propiedades, entre outras, convérteno nun alimento de alto valor nutricional, perfecto para a túa dieta equilibrada.
Ademais, ofréceche unha gran versatilidade, xa que podes preparalo ao forno, á prancha, guisado, mariñado; consumilo fresco, en conserva... Imposible aburrirse. A ti, como che gusta máis?
A nós encántanos preparalo en tacos, nunha sinxela receita de inspiración mexicana. Queres saber como?
Sigue o paso a paso da nosa Receita de Tacos de atún
Ingredientes para 2 persoas
- 1 filete de atún.
- 1 cebola.
- 1 aguacate.
- 1 ravo.
- 4 tomates cereixa.
- 2 tortillas para tacos.
- Media lima.
- Coandro.
- Xenxibre.
- 1 chisco de sal e pementa.
Paso a paso
1. Corta o filete de atún en tacos duns 2 centímetros cada un, o máis homoxéneos posibles.
2. Co atún nun recipiente, salpementa, rela o xenxibre e a pel de media lima.
3. Cubre o atún co zume da lima, tapa con filme e mete na neveira 5 minutos.
4. Mentres, corta a cebola á xuliana moi fina, o aguacate en abano, o ravo en rodas e os tomates cereixa en cuartos.
5. Retira o atún do zume de lima e reserva.
6. Nunha tixola, quenta as tortillas polas dúas caras, que collan algo de cor.
7. Coloca o aguacate na base da tortilla, no centro, e enriba os tacos de atún.
8. Remata coa cebola, o ravo e os tomates cereixa.
9. Esparexe co coandro acabado de cortar segundo vos guste.
Outras recomendacións
Outra opción moi equilibrada para os teus xantares e as túas ceas é esta Receita de Pescada con verduriñas ao vapor.
Apetéceche preparar unha Receita con Bacallau?