No Nadal triunfan os pratos de peixe. Por iso, traémosche unha receita de peixe branco que non só destaca polo seu sabor, senón que é unha elección chea de frescura e encanto. O mellor de todo é que a súa preparación é moi sinxela.
Esta é unha opción nutritiva e equilibrada que encaixa perfectamente na túa mesa de Nadal. Unha forma de coidar os teus seres queridos sen renunciar á auténtica cociña caseira. Apúntaste?
Sigue o paso a paso da nosa Receita de Pescada ao vapor con verduras e salsa de herbas aromáticas
Ingredientes
- 4 lombos de pescada.
- 1 cebola doce.
- 1 dente de allo.
- 1 porro.
- 250 g de cabaciña.
- 3 rodas de xenxibre.
- 1 rama de apio.
- 1 limón.
- 2 chalotas.
- 1 cenoria.
- 10 g de perexil.
- 30 g de espinacas.
- 10 g de menta.
- 100 g de manteiga.
- Aceite de oliva.
- Sal gordo.
- Pementa negra.
- ½ vaso de viño branco.
Paso a paso
Para a salsa de herbas
1. Escalda en auga fervendo, apenas 5 segundos, as herbas (perexil, menta e espinacas), xunto ás rodas finas de xenxibre fresco pelado.
2. Arrefría en auga con xeo inmediatamente, escorre unha vez frío, seca e conxela todo. Reserva para máis adiante.
Para a pescada con verduras
1. Nunha pota, bota auga con sal, uns grans de pementa negra e 1 cullerada de aceite de oliva. Quenta ata que ferva.
2. Engade as verduras (cenoria, cebola doce, porro, cabaciña e apio), que cortaramos previamente á xuliana grosa, e cóceas xusto al dente (uns 2 minutos). Retira as verduras e mantenas quentes. Reserva a auga da cocción.
3. Para cociñar a pescada, coloca un cestiño ou vaporeira sobre a propia pota con auga, intentando manter o máximo illamento do produto para facilitar a cocción ao vapor. Coloca os lombos de pescada salpementados (duns 200 g cada un), tapa e coce 4-5 minutos, aproximadamente.
Pasos finais para a salsa de herbas
1. Nunha cazola cun pouco aceite de oliva, refoga o dente de allo picado e as chalotas picadas.
2. Engade o viño branco e medio vaso da auga coa que se fixeron as verduras e a pescada. Reduce ata deixar só medio vaso deste novo caldo.
3. Nun batedor (de vaso a ser posible), pon o novo caldo reducido, engade un pouco zume de limón, a manteiga, as herbas verdes conxeladas e un chorriño de aceite. Tritura e rectifica de sal.
4. Sirve nun prato fondo coa salsa verde no fondo, as verduras enriba e a pescada coroando. Decora cun fío de aceite cru.
Outras recomendacións
Gústache a pescada combinada con verduras? Sorprende este Nadal con esta Receita de pescada con verduriñas ao vapor. É moi orixinal e fácil de preparar.
Se necesitas unha sobremesa lixeira e refrescante, proba a nosa Mousse de limón sen glute.