Este Halloween prepara unhas Minipizzas “de medo” para toda a familia. Terroríficas, moi divertidas e, ademais, están riquísimas.
Aos máis pequenos encántanlles as pizzas, e moito máis se son de Halloween e están ben decoradas con motivos arrepiantes, así que non deixes pasar esta oportunidade de pasalo en grande con eles.
Sigue o noso paso a paso para a Receita de Minipizzas de Halloween
Ingredientes para 4 unidades
- 550 g de cabaza
- 1 ovo
- 60 g de fariña integral
- 20 g de lévedo en po
- 1 culleradiña de sementes de sésamo
- 1 culleradiña de allo granulado
- Sal
- Pementa negra moída
Para a decoración de Halloween:
- Olivas verdes e negras
- Perlas de mozzarella
- Liscos de mozzarella
- Xamón cocido natural
- Mozzarella relada
- Pemento vermello
- Tomate frito
Paso a paso
Aquí tes a elaboración completa e detallada desta receita para Halloween:
1. Corta en anacos e asa a cabaza no forno a 200 ºC durante 40 minutos. Cando estea asada, tritura e fai un puré. Deixa arrefriar.
2. Separa a clara da xema e bate a clara.
3. Engádelle a clara batida ao puré de cabaza, o sal, o allo granulado e un chisco de pementa negra. Mestura ben.
4. Mestura a fariña co lévedo e as sementes e engade á mestura anterior ata que quede unha masa suave.
5. Estende a masa nunha bandexa con papel de forno en forma de minipizzas. Mete no forno a 200 ºC uns 20 minutos (ata que quede dourada).
6. En todas as bases engade tomate frito, mozzarella relada e xamón cocido.
7. Agrega os topping para decorar con motivos de Halloween:
a. Fai arañas con olivas negras.
b. Fai un fantasma con mozzarella en liscos e decora a boca e os ollos con olivas negras.
c. Escribe a palabra “BOO” con olivas negras.
d. Fai un monstro con ollos de mozzarella, olivas verdes e negras e boca de pemento vermello.
8. Volve meter no forno a 200 ºC durante 7 minutos aproximadamente.
Outras recomendacións
Se buscas outras receitas de Halloween, aquí tes estas fantasmais galletas.