Gústanche os Tacos mexicanos? Este é un dos pratos emblemáticos da cociña mexicana, estendido por todo o mundo. Coa nosa receita paso a paso, vas aprender a preparalos como nunca os probaches.
A orixe desta deliciosa preparación remóntase á Antigüidade, cando os habitantes do que hoxe coñecemos como México utilizaban tortillas de millo como a forma máis adecuada de apoiar, envolver e transportar alimentos.
En México, os tacos énchense cunha ampla variedade de ingredientes, que van dende polo ata marisco e peixe, pasando por porco, tenreira e opcións vexetarianas como frijoles (feixóns), fungos e verduras frescas.
Se segues as nosas indicacións, aprenderás a preparar uns auténticos Tacos mexicanos co sabor da mellor taquería de México. Sen saír da túa cociña, directos á túa mesa para deleitar a familiares e amigos. Sigue lendo!
Paso a paso para preparar a nosa receita de Tacos mexicanos
Ingredientes para os tacos mexicanos (4 persoas)
- 1 kg de faceira de porco.
- Aceite de oliva.
- 2 cebolas doces.
- 4 dentes de allo.
- 4 g de xenxibre.
- 1 culleradiña de pementa negra en gran.
- 1 caiena.
- 150 ml de viño branco.
- 2 laranxas.
- 1 limón.
- Sal.
- 1 folla de loureiro.
- 2 tomates pera.
- Coandro.
- 1 culleradiña de pemento picante.
- 1 culleradiña de comiño moído.
- Minitortillas de trigo.
Ingredientes para a crema de aguacate
- 1 aguacate.
- Sal.
- 1 lima.
Ingredientes para a crema de nata agre
- 200 ml de nata fresca.
- 1 lima.
Ingredientes para a cebola en vinagre
- 2 cebolas vermellas.
- Sal.
- 1 culleradiña de pementa negra en gran.
- 2 cravos.
- 1 folla de loureiro.
- 2 limas.
- 40 ml de vinagre de mazá.
- Auga morna.
Paso a paso
1. Nunha pota a presión, marca as faceiras salpementadas por ambos os dous lados ata que douren. Resérvaas.
2. No aceite sobrante incorpora a cebola cortada, os dentes de allo enteiros e o anaco de xenxibre coas bólas de pementa e a caiena.
3. Refoga o conxunto un par de minutos e engade o pemento e o comiño. Dálle un par de voltas e, enseguida, engade os tomates cortados en anacos.
4. Pasados 2 minutos, incorpora o viño branco para desglasar e, deseguida, o zume de laranxa e o de limón. Rectifica de sal.
5. En canto evapore o alcohol do viño, volve introducir as faceiras na pota xunto á folla de loureiro.
6. Tapa a pota a presión e cociña uns 45 minutos dende que comece a asubiar.
7. Mentres se cociñan as faceiras, prepararemos os aderezos dos nosos tacos:
- Crema de aguacate: machuca o aguacate cun garfo e mestura cun chisco de sal e o zume da lima.
- Crema de nata agre: mestura, con enerxía, a nata fresca co zume da lima. Tapa con papel filme e reserva durante 2 horas na neveira.
- Cebola en vinagre: corta as cebolas á xuliana e mestura con sal, os grans de pementa negra, o cravo, a folla de loureiro, o zume de lima, o vinagre e unha pouca auga morna. Tapa con papel filme e reserva 2 horas na neveira.
8. Destapa a pota cando perdera a presión, separa as faceiras da salsa e esmigállaas.
9. Tritura a salsa cun batedor e cóaa. Leva o resultante a unha cazola ao lume e comeza a reducir.
10. En canto a salsa teña a textura adecuada, incorpora a faceira esmigallada, mestura e reserva.
11. Quenta na tixola as minitortillas de trigo, volta e volta, 15 segundos por cada lado.
12. Sirve coa carne no centro, unha pouca crema de aguacate, a crema de nata agre, cebola en vinagre e coandro picado.
Outras recomendacións
Mira estas outras suxestións de Tacos que podes preparar coas nosas Minitortillas de trigo.
Propoñémosche outra receita de inspiración mexicana: Tacos de atún con aguacate.
Se che gustan os sabores picantes, proba o noso Chili con carne e aproveita a súa facilidade de preparación e consumo.