A teoría témola clara: hai que cear lixeiro para evitar as dixestións pesadas e facilitar o descanso. Pero ás veces descoidámonos, por aburrimento, cansazo, falta de inventiva ou de planificación. Como remedialo?
Para que poidas gozar de ceas lixeiras, fáciles de preparar e con diversidade de ingredientes, imos darche uns sinxelos consellos e propoñerche 13 receitas equilibradas e nutritivas coas que resolver as túas ceas da mellor maneira.
O primeiro que debes ter en conta é que debes comer con moderación. Se te pasas ceando podes ter unha mala dixestión que perturbe o teu sono. Pero se non chegas á cantidade mínima de alimentos e nutrientes que o teu organismo necesita, non contarás coa suficiente enerxía para aguantar o teu día a día e ás poucas horas volverás ter fame.
O segredo dunha cea equilibrada
Deixámosche unha serie de consellos básicos que poden axudar a mellorar as túas ceas e o teu descanso:
- Cea cedo: así, evitas ir durmir co estómago cheo, para que a dixestión non prexudique o descanso. Aconséllase cear polo menos dúas horas antes de deitarse para previr as molestias.
- Leva unha correcta hidratación: a mellor opción é sempre a auga, que axuda a mellorar a dixestión.
- Mastiga ben os alimentos: come amodo e con tranquilidade, para favorecer a dixestión.
- Evita alimentos picantes ou irritantes: poden xerar unha mala dixestión e empeorar o noso descanso.
13 receitas fáciles e rápidas para as túas ceas lixeiras
Presentámosche todas estas receitas, cuxos ingredientes están pensados para 2 persoas.
Espetos de polo e cabaciña
Ingredientes
- 350 g de solombos de polo
- 100 g de cabaciña
- ½ laranxa
- 1 cullerada de mel
- 1 culleradiña de sésamo
1. Mestura nun recipiente o mel e o zume de laranxa.
2. Corta os solombos e a cabaciña en cubos regulares.
3. Ensarta o polo e a cabaciña nun espeto, alternándoos.
4. Salpementa e pon os espetos á prancha a lume intenso.
5. Cando xa estean case ao punto, pinta ambas as dúas caras coa mestura de mel e laranxa. Repite a operación un par de veces.
6. Esparexe cun chisco de sésamo.
Arroz refogado con verduras e gambas
Ingredientes
- 200 g de refogado de verduras asadas
- 2 vasiños de arroz basmati
- Gambas conxeladas
- Coandro segundo vos guste
- 4 culleradas de salsa teriyaki
1. Prepara o refogado de verduras coas gambas nunha tixola ampla (ou un wok) cun fío de aceite, e refoga uns 8 minutos a lume intenso, sen deixar de remover.
2. Engade os vasiños de arroz, esmigallados, na mesma tixola e refoga un par de minutos ata que todo se integre ben.
3. Remolla coa salsa teriyaki, remove e sirve no prato.
4. Remata esparexendo coandro acabado de picar.
Lombo de salmón á prancha sobre espinacas á crema
Ingredientes
- 2 lombos de salmón
- 250 g de espinacas á crema
- 1 limón
1. Refoga as espinacas á crema seguindo as instrucións do fabricante: 8 minutos na tixola con aceite ou 10 no microondas.
2. Salpementa o salmón polas dúas caras.
3. Nunha tixola ben quente cun pouquiño aceite, cociña o salmón polos dous lados, uns 3 minutos por cada lado.
4. Sirve no prato poñendo na base do prato unha capa xenerosa de espinacas á crema e, sobre esta, o salmón.
5. Remata cun golpiño de reladura de limón e pementa negra acabada de moer.
Lombo de bacallau con alcachofas
Ingredientes
- 4 lombos de bacallau
- 1 bandexa de corazóns de alcachofa en aceite
- 4 culleradas de aliño de aceite, allo e perexil
1. Salpementa e marca os lombos de bacallau, xa desconxelados, polos dous lados nunha tixola cun pouco aceite.
2. Quenta as alcachofas seguindo as instrucións do fabricante: perfora a tapa e quenta 2 minutos a 800W.
3. Sirve no prato colocando o bacallau e as alcachofas e condimenta o conxunto co aliño de aceite, allo e perexil.
Crema de garavanzos e cenoria
Ingredientes
- 400 g de garavanzos cocidos
- 1 bolsa de cenoria relada
- 150 g de cebola conxelada
- 150 ml de auga
- Minitaquiños de xamón
1. Nunha cazola cun pouco aceite pon a refogar a cebola uns minutos. Enseguida, engade a cenoria relada. Remove e refoga.
2. Engádelle os garavanzos escorridos e a auga e pon a ferver o conxunto 5 minutos.
3. Tritura co batedor e rectifica de sal e pementa.
4. Refoga uns taquiños de xamón nunha tixola para que tosten. Sirve nun prato fondo a crema e o xamón por enriba para terminar.
Refogado de brócoli con améndoas e queixo feta
Ingredientes
- 400 g de brócoli conxelado
- 150 g de queixo feta
- 1 dente de allo
- Limón espremido
- 25 g de améndoas laminadas
1. Cociña o brócoli con auga fervendo durante 3-4 minutos.
2. Nunha tixola ampla cun fío de aceite, tosta lixeiramente as améndoas. Engádelle enseguida o brócoli cociñado e refoga uns minutos a lume intenso. Salpementa segundo vos guste.
3. Mestura chafando co garfo o queixo feta, un pouco limón espremido e o allo relado.
4. Sirve no prato o brócoli e salsea coa crema de queixo feta.
Mestura de verduras con tiras de polo ao natural
Ingredientes
- 350 g de mestura de verdura conxelada: coliflor, brócoli e cenoria
- 5 dátiles sen óso
- 140 g de tiras de polo
- 1 culleradiña de comiño moído
- 1 limón
- 25 g de améndoas sen pel
1. Prepara a mestura de verduras (coliflor, brócoli e cenoria) no microondas, durante 5 minutos.
2. Nunha tixola tosta lixeiramente as améndoas previamente cortadas en anacos e reserva. Na mesma tixola, cun pouco aceite, doura as verduras.
3. Engade o comiño, as tiras de polo ao natural, as améndoas, os dátiles picadiños e mestura ben.
4. Sirve no prato engadindo o zume dun limón espremido.
Cuscús de coliflor con beicon
Ingredientes
- 400 g de migas de coliflor conxelada
- 125 g de cintas de beicon
- 1 cullerada de salsa de soia
- 1 culleradiña de comiño moído
1. Nunha tixola ben ampla, refoga as cintas de beicon ata que doure e vaia liberando graxa.
2. Engade as migas de coliflor e cociña tapado e removendo primeiro durante 8 minutos. Despois, refoga a lume forte un par de minutos máis.
3. Engade o comiño e a soia, refoga e sirve no prato.
Grellada de verduras con burrata
Ingredientes
- 300 g de grellada de verduras
- 1 burrata
- 1 cullerada de carochos
- 1 culleradiña de pipas de cabaza
1. Prepara a grellada de verduras refogando nunha tixola con aceite de oliva.
2. Sirve no prato as verduras e, sobre estas, a burrata, as pipas de cabaza e os carochos.
3. Remata cun chorriño de aceite de oliva, sal e pementa acabada de moer.
Strogonoff de peituga de pavo
Ingredientes
- 350 g de solombo de pavo
- 80 g de cebola conxelada
- 100 g de champiñóns laminados
- 1 cullerada de ketchup
- 1 vasiño de arroz basmati
- 1 culleradiña de mostaza Dijon
- 200 ml de nata para cociñar
1. Corta o solombo de pavo en tiras alongadas e salpementa.
2. Refoga as tiras de pavo nunha tixola con aceite ata que douren lixeiramente. Reserva.
3. Refoga a cebola e os champiñóns laminados durante non máis dun par de minutos.
4. Engade a nata para cociñar, espera a que ferva e incorpora mostaza e ketchup.
5. Engádelle o pavo á salsa, cociña o conxunto un par de minutos e sirve no prato cunha gornición de arroz basmati sabroz.
Alcachofas con mozzarella e xamón
Ingredientes
- 1 mozzarella de búfala
- 1 bandexa de alcachofas
- 5 liscos de xamón
- 100 g de tomates cereixa
1. Lava os tomates cereixa e refógaos, enteiros, nunha tixola cun fío de aceite.
2. En canto a pel comece a engurrar, incorpora as alcachofas.
3. Na base dun prato, esmigalla a mozzarella de búfala, que quede estendida por toda a superficie.
4. Coloca 2 liscos de xamón entre papel de forno, sen que monten, e méteos no microondas ata que quede crocante.
5. Sobre a mozzarella bota o refogado de tomates cereixa e alcachofa e remata co xamón crocante esmigallado, un fío de aceite de oliva virxe extra e pementa negra acabada de moer.
Tortillas integrais con espinacas e pavo
Ingredientes
- 4 tortillas 100 % integral
- 80 g de espinacas
- 8 liscos de pavo
- 4 liscos de queixo Gouda
1. Coloca unha tortilla 100 % integral sobre unha tixola para quentala. Cando colla temperatura, dálle a volta.
2. Enseguida, coloca as espinacas, dúas cortadas de peituga de pavo, a cortada de queixo Gouda e unha volta de pementa.
3. Dobra as tortillas á metade, formando unha queixada, e doura lixeiramente polas dúas caras, asegurándonos de que funda ben o queixo.
Refogado de cogomelos, xamón e ovo escalfado
Ingredientes
- 200 g de refogado de cogomelos
- 80 g de minitaquiños de xamón
- 2 ovos
- 1 dente de allo
- Perexil
1. Nunha tixola ampla, cun fío de aceite, doura o dente de allo picado moi fino.
2. Enseguida, engade os taquiños de xamón e refoga.
3. En canto empece a tostar, engade os cogomelos e refoga a lume intenso uns 10 minutos.
4. Pon auga a ferver e, cando estea a punto, apaga o lume.
5. Casca o ovo e engádello a auga, removendo cunha culler para que este quede no centro. Cociña 3 minutos e retira.
6. Sirve no prato os cogomelos co xamón, o ovo por enriba e remata cun chorriño de aceite e perexil acabado de picar.
Outras recomendacións
Queres coñecer unhas Receitas e trucos de cociña con coliflor e brócoli?
Neste consello falamos das ceas lixeiras e equilibradas, pero tamén podes tomar nota destas 3 ideas para un almorzo perfecto.