Coñeces a Torta Pavlova? É unha receita clásica da repostería, famosa en todo o mundo pola súa combinación de sabores, que desborda elegancia e atractivo visual.
Tradicionalmente prepárase con nata montada, pero para estas festas propoñémosche unha suxestiva versión: na nosa receita o crocante do merengue vén acompañado de queixo mascarpone e complétase coa frescura inconfundible das froitas silvestres.
Unha torta perfecta para calquera ocasión, dende unha cea íntima a unha celebración festiva. Anímaste a preparala? É fácil!
Paso a paso para preparar a Receita de Pavlova con mascarpone e froitas silvestres
Ingredientes para 6 persoas
- 6 claras de ovo.
- 300 g de azucre.
- 300 g de mascarpone.
- 1 cullerada de vinagre.
- 2 gotas de aroma de vainilla.
- 125 g de amoras.
- 125 g de arandos.
- 125 g de framboesas.
- ½ granada.
- Menta.
Paso a paso
1. Nun cunco, pincela as paredes con vinagre. Engade as claras de ovo e bate cunhas variñas.
2. Cando as claras comecen a escumar, incorpora o aroma de vainilla e engade o azucre lentamente. Bate as claras a punto de neve.
3. Deixa de bater cando o merengue quede ríxido e brillante, formando picos.
4. Na bandexa do forno, coloca o merengue sobre papel vexetal. Cunha culler forma un círculo, deixando un oco no centro para colocar o recheo.
5. Mete no forno o merengue 2 horas a 140 ºC e, logo, deixa arrefriar.
6. Enche o oco do centro do merengue co queixo mascarpone e, sobre este, coroa coas froitas silvestres, os grans de granada e unhas folliñas e menta.
Segredo do xefe de cociña
A mellor maneira de recoñecer que un merengue está ben batido consiste en que, ao tocalo cos dedos, non se note o granulado do azucre.
Outras recomendacións
Se buscas ideas para as túas preparacións reposteiras, aquí tes as receitas de Biscoito sen glute con recheo de crema de limón e froitas silvestres e a de Plumcake de pataca doce con pistachos.
Para outros momentos doces, descubre as novidades da nosa ampla selección de Turróns.