Os pratos de cordeiro son clásicos no Nadal, pero se queres saír un pouco da liña e ofrecer algo máis alá do tradicional, suxerímosche esta receita que equilibra coma ningunha outra os sabores doces e os ácidos.
Esta pa de cordeiro marabillará aos teus invitados e creará un momento culinario único arredor da mesa de Nadal. Prepárate para ofrecer unha receita única: a tradición do cordeiro aliada coa frescura dos cítricos.
É un prato principal elaborado, pero non creas que ten moita dificultade. Basta con que sigas as nosas indicacións e sairá redondo.
Paso a paso para preparar a nosa receita de Pa de cordeiro con salsa cítrica
Ingredientes para 4 persoas
- 1 pa de cordeiro.
- 2 limóns.
- 1 cebola doce.
- 4 dentes de allo.
- 400 g de patacas.
- 1 cenoria.
- Aceite de oliva.
- Pementa negra.
- Sal.
- 10 g de perexil fresco.
- ½ rama de apio.
- 70 ml de viño branco.
- 30 g de azucre.
- 15 g de manteiga sen sal.
Paso a paso
1. Quenta o forno previamente. Salpementa a pa, engade os allos sen pelar e adereza cun fío de aceite. Mete no forno 30 minutos a 220 ºC, ata que doure.
2. Mentres, corta en anacos a cebola, o apio e a cenoria en dados. Reserva.
3. Lava os limóns en auga quente e seca. Dun deles, saca finas láminas da pel cun pelador. Retira o exceso da parte branca da peladura. Pica moi finas as láminas resultantes. Pon a ferver auga nunha pota e escalda 2 minutos as peles picadas do limón. Escorre e refresca.
4. Saca os cuarteiróns do limón pelado coa axuda dun coitelo, individualmente, evitando a pel ou membrana que separa os cuarteiróns. Reserva.
5. Nun cazo, pon o azucre, dúas culleradas de auga e o zume do outro limón. En canto se disolva, engade as peladuras de limón picadas e a manteiga. A lume baixo, remove ata que confeite (10 minutos) e se faga como un xarope.
6. Transcorridos os 30 minutos de enfornado, saca a pa e engade as verduras cortadas en anacos xunto a un vaso de auga e sigue enfornando durante 1 hora a 180 ºC, hidratando a pa cos zumes e a auga cada pouco se reduce demasiado.
7. Cando xa estea lista a pa, coa os zumes da cocción e mestura co xarope elaborado coa peladura de limón. Engade tamén os cuarteiróns de limón cortados e perexil acabado de picar para obter unha salsa cítrica.
8. Sirve a pa cuberta coa salsa e o resto nunha salseira.
Gornición: Enforna 400 g de patacas en láminas cun chorriño de aceite e outro de viño, sal e pementa, uns 30 minutos.
Segredo do xefe de cociña
Para que non se fagan en exceso, convén asar as patacas na súa propia fonte, cortadas en láminas finas. Unha vez feitas, engadiremos as verduras cociñadas coa pa e salsearemos a carne na propia fonte das patacas para que se empapen do zume cítrico.
Outras recomendacións
Se che vai a carne combinada con sabores cítricos, proba esta receita de Solombo de pavo con salsa de laranxa.
Outro prato gourmet que podes ofrecer no Nadal é esta deliciosa Paviña ao forno con cremoso de pataca, cogomelos e tomiño.
Elixe entre a nosa ampla variedade de Turróns, que inclúe interesantes novidades.