A Sopa de cebola é moito máis que unha simple receita. É un prato clásico da cociña francesa, cheo de historia e tradición, que conquistou os padais de todo o mundo e que agora te invitamos a recrear na túa cociña. Anímaste?
As súas orixes remóntanse á Idade Media e, aínda que a Sopa de cebola foi evolucionando ao longo do tempo, mantén como o primeiro día o seu status de prato reconstituínte, ideal para os meses de inverno.
Ademais, é unha proba fidedigna do valor da cociña tradicional e da importancia dos ingredientes básicos. O crocante do pan tostado, cuberto xenerosamente con queixo gratinado, fóndese coa suavidade da cebola confeitada e o ovo, creando unha harmónica sinfonía de sabores.
Se che gustan os pratos de culler, vas preparar unha Sopa de cebola tan deliciosa coma se estiveses nun pequeno restaurante típico de París. Que aproveite!
Paso a paso para preparar a nosa receita de Sopa de cebola
Ingredientes para 4 persoas
- 1 kg de cebola doce.
- 60 ml de aceite de oliva virxe extra.
- 30 g de manteiga sen sal.
- 1 cullerada de fariña.
- 200 ml de viño branco.
- 1,5 litros de auga.
- Sal gordo.
- Pementa negra.
- 24 rodas de pan bagueta.
- 4 ovos.
- 150 g de queixo emmental para gratinar.
Paso a paso
1. Nun recipiente fondo para o lume, rustre a cebola doce cortada á xuliana cun fío de aceite e a manteiga a lume baixo uns 20 ou 25 minutos. A cebola hai que rustrila e confeitala lixeiramente.
2. Engade a cullerada de fariña, remove e deixa que cociñe uns minutos máis.
3. Cubre co viño branco e sube lixeiramente o lume. Remove e, cando se evapore o alcohol, engade a auga.
4. Rectifica de sal e pementa, e pon a cocer o conxunto uns 15 ou 20 minutos.
5. Mentres, quenta o forno e torra lixeiramente as rodas de pan bagueta (uns 5 minutos a 200 ºC).
6. Preparar 4 recipientes fondos aptos para forno e engade un ovo en cada un deles.
7. Reparte o caldo ben quente coa cebola rustrida nos propios recipientes sobre o ovo.
8. Enriba, coloca as rodas de pan torrado (a cantidade dependerá do diámetro do recipiente) e abundante queixo emmental relado.
9. Méteos no forno e retíraos en canto gratinen ben; con 4 ou 5 minutos, a máxima potencia co gratinador, será suficiente.
Outras recomendacións
Descubre os 5 tipos de Cebola que podes encontrar en Mercadona e cal é a que mellor vai para preparar esta sopa.
Non perdas a nosa selección de cremas saudables para o inverno.
Incorpora á túa dieta froitos secos e froitas deshidratadas que contribúen á túa alimentación equilibrada.