Ata agora non te atreviches a preparar unha Musaca? Pois chegou o momento. Con esta receita vas descubrir o fácil que é e que che sae estupendamente.
A Musaca é un deses pratos que hai que probar polo menos unha vez na vida. Tradicional en varias culturas de Europa, sobre todo da zona dos Balcáns e de Oriente Medio, hoxe en día converteuse nun estandarte da gastronomía grega.
É unha especie de lasaña de berenxenas, cuxa orixe se remonta á Antigüidade. Co tempo, esta sabia combinación de carne e vexetais experimentou unha rica evolución co engadido de diferentes ingredientes que lle deu fama mundial.
Sigue as nosas indicacións para preparar unha Musaca caseira e sorpréndete co magnífico resultado. Acompáñasnos?
Paso a paso para preparar a nosa receita de Musaca
Ingredientes para 6 persoas
- 2 patacas.
- 1 berenxena.
- Aceite.
- Sal.
- 2 dentes de allo.
- 2 cebolas doces.
- 500 g de carne de tenreira picada.
- Pementa negra.
- Noz moscada.
- 1 bote de tomate triturado (800 g).
- 800 ml de bechamel.
- 100 g de queixo semicurado.
Paso a paso
1. Pela a pataca e córtaa en láminas de non máis de medio centímetro.
2. Corta a berenxena en rodas homoxéneas, de arredor dun centímetro e medio.
3. Nunha tixola ampla cun fío de aceite, doura a lume medio as patacas por ambas as dúas caras. Non deben cociñarse por completo, só tostalas e alcanzar unha media cocción. Resérvaas en papel absorbente e sálgaas.
4. Na mesma tixola, engade algo más de aceite e tosta as berenxenas por ambos os dous lados. Resérvaas en papel absorbente, esmagando coa man para retirar o exceso de graxa. Sálgaas.
5. En paralelo, pica os allos e as cebolas en dados pequeniños. Bótaos nunha pota ampla cun fío de aceite. Salpementa.
6. En canto estean transparentes, engade a carne a lume intenso. Salpementa e incorpora a noz moscada removendo ata que a carne estea cociñada.
7. Engade deseguida o bote triturado de tomate e deixa reducir uns 40 minutos a lume baixo. Se vai secando o guiso engade unha pouca auga. Rectifica de sal.
8. Nunha cazola rectangular apta para forno, coloca unha base de patacas. Completa o seguinte estrato coas berenxenas. Enriba, bota o guiso de carne ben reducido e remata cubrindo coa bechamel.
9. Esparexe o queixo semicurado relado e enforna o conxunto entre 30 e 40 minutos a 200 ºC.
10. Deixa repousar a bandexa uns 20 minutos a temperatura ambiente antes de desenmoldar, empratar e gozar.
Outras recomendacións
Se prefires outras opcións sen carne, aquí tes esta Receita de Lasaña vegana.
E para seguir explorando na cociña, propoñémosche 5 exquisitas receitas con fariña de millo precocida.