Xa sabes que en Mercadona podes encontrar Edamame, un aperitivo saudable, ideal para calquera momento do día e co que darás un toque oriental, exótico e divertido á túa mesa.
“Edamame” é o nome que recibe o prato cociñado das vainas de soia verdes, chegado do afastado Oriente. É un aperitivo que se consome con frecuencia nalgúns países asiáticos, como China e Xapón.
Este alimento pode dar moito xogo na túa cociña. A ti como che gusta máis consumilo? A continuación, ofrecémosche tres receitas, cada unha máis exquisita ca outra e moi sinxelas de preparar.
Ideas de consumo con Edamame
Edamame en Aperitivo
1. Coce (ou prepara ao vapor se dispós de vaporeira) as vainas de Edamame uns 5 minutos.
2. Nunha tixola, quenta e tosta unha cullerada de sésamo, ata que aromatice.
3. Sirve as vainas de Edamame quentes, con abundante sal en escama, un chisco de sésamo tostado e un chorriño de aceite de oliva.
Cunco con Edamame e tofu mariñado
1. Corta 100 g de tofu en cubos e macera un mínimo de 15 minutos (canto máis tempo, máis sabor) nunha mestura de:
- 2 culleradas de salsa de soia,
- 1 cullerada de vinagre de mazá,
- 50 ml de auga,
- 1 culleradiña de allo en po,
- un chisco de caiena en po e
- 1 cullerada de mel.
2. Coa o tofu e dóurao nunha tixola quente. No líquido restante engade unha culleradiña de maicena para que espese. Engade a mestura ao refogado de tofu, para que reduza e quede ben impregnado.
3. Nun cunco, dispón os ingredientes por separado:
- espinacas crúas,
- ½ aguacate cortado en láminas,
- un puñadiño de edamame cocido,
- un pouco brócoli cocido ao vapor,
- cenorias en tiras,
- ravo en láminas,
- 1 vasiño de arroz integral
- e o tofu mariñado.
4. Prepara un aliño de aceite de oliva e zume de limón cunha roda desta para acompañar.
Hummus de Edamame
1. Coce todo o paquete de Edamame coa súa vaina. Pela e reserva os grans, xa cocidos.
2. Nun batedor ou nunha amasadora mestura:
- o edamame,
- o zume dun limón,
- 1 dente de allo,
- 2 culleradas de aceite de oliva,
- 2 culleradas de tahini e
- 1 culleradiña de comiño.
3. Condimenta e tritura ata que quede unha crema fina. Engade auga da cocción do Edamame se fose necesario.
4. Sirve nun cunco e culmina esparexendo 1 culleradiña de pemento, ½ ducia de edamames cocidos, 1 folla de menta e 1 chorriño de aceite de oliva.
Edamame, un aperitivo saudable
Trátase dun alimento 100 % natural, libre de colesterol e glute, baixo en calorías e que constitúe unha excelente fonte de proteínas, ferro e calcio.
Ademais, o consumo da proteína de soia/edamame, como unha alternativa á proteína animal, axuda a reducir os niveis de colesterol.
Outras recomendacións
Outra forma de preparar un exquisito cunco con Edamame é incorporar Salmón afumado. Combinan á perfección!
Se buscas ideas de produtos veganos para a túa alimentación equilibrada, recomendámosche o Seitán, fonte de proteína 100 % vexetal.