Supermercado de Mercadona en Peligros co novo Modelo de Tenda Eficiente da compañía.

Mercadona acelera o seu plan de innovación dixital da man de SAP

21 de xullo de 2017
  • O acordo a cinco anos con SAP é parte do plan estratéxico de transformación dixital de Mercadona para optimizar todos os seus procesos e suporá despregar a grande escala o software e os servizos de SAP.

Mercadona, compañía líder de supermercados de capital 100% español e familiar, asinou un contrato con SAP España para o desenvolvemento e a execución do seu proxecto total de transformación dixital.

Este acordo con SAP a cinco anos fai parte do plan de innovación dixital de Mercadona para transformar e optimizar todos os procesos da súa cadea de valor (aprovisionamento, loxística, finanzas, recursos humanos, xestión de tenda e relación cos clientes), e suporá o despregamento a grande escala do software e os servizos de SAP. Todo isto será xestionado desde a nube privada de SAP, o que permite diminuír o risco de implementación, nunha contorna totalmente escalable e segura, desde a que operarán todas as aplicacións de misión crítica, mediante unha solución integrada que simplificará a xestión e a infraestrutura de IT (tecnoloxías da información) de Mercadona.

A plataforma SAP S/4 HANA, deseñada para construír a base dixital das empresas, permitiralle a Mercadona eliminar as fronteiras tradicionais entre sistemas transaccionais, analíticos e de planificación, proporcionando información inmediata con análise en tempo real, así como simplificar e estandarizar de xeito masivo procesos e tecnoloxías mediante un sistema que elimina replicacións de datos, conciliacións ou redundancias. Todo isto permitiralle a Mercadona obter en todo momento un dato único, veraz e en tempo real de calquera punto dos seus procesos.

Mercadona adoptará tamén a suite específica de SAP para o sector Retail, deseñada para axudar as empresas do sector distribución minorista a satisfacer as demandas da economía dixital, dando soporte a todos os procesos básicos da distribución, desde a xestión de datos mestres até o punto de venda, o que permitirá ofrecerlles a mellor experiencia e servizo aos "Xefes" (clientes) de Mercadona.

A nova solución de SAP permitirá realizar a análise dos datos operativos ao máximo nivel de granularidade, tales como evaluacións precisas dos niveis de existencias, proporcionando información contextual e en tempo real para unha toma de decisións máis rápida e mellor integrada con procesos acelerados de misión crítica como o reaprovisionamento de plataformas loxísticas e de tenda. Esta información en tempo real permitiralle a Mercadona anticiparse ás necesidades cambiantes dos seus "Xefes" (clientes) e do mercado, e facilitará a toma de decisións.

O proxecto tamén suporá a posta en funcionamento de SAP Success Factors, unha plataforma de xestión de Recursos Humanos, que cubrirá os 79.000 traballadores de Mercadona e que implica a dixitalización dos seus procesos nesta área chave. A nova plataforma dotará dunha maior autonomía e participación dos directivos á hora de coordinaren os equipos e xestionaren o talento. Xunto aos ámbitos de recrutamento, nómina, formación, Mercadona tamén disporá dunha solución que lles permitirá planificar e xestionar os seus recursos humanos como activo chave.

En definitiva, a aposta de Mercadona polos servizos integrais de SAP, que supoñen unha mudanza innovadora e transformadora para a compañía, vai permitir responder con maior axilidade ás necesidades dos seus "Xefes" (clientes), traballadores e fornecedores, vindo a gañar en flexibilidade e eficiencia e garatindo a excelencia no servizo que sempre caracterizou a Mercadona, así como incrementar as posibilidades de aproveitar as novas oportunidades no futuro. 

Para Aleix Juan, Director Xeral de Informática de Mercadona, "implantar SAP nos nosos procesos permitiranos acceder ás vantaxes de termos unha informática única e sinxela, en que os procesos de negocio se vexan reflectidos e aos que poidamos achegar máis valor".

Pola súa parte, João Paulo da Silva, General Manager de SAP en España, Portugal e Israel afirma que “con este paso Mercadona convértese nunha das primeiras empresas españolas en apostar por un modelo de transformación dixital de grande alcance. Estamos moi satisfeitos con este acordo que nos permite afianzar a estreita relación baseada na confianza que ambas as organizacións mantemos.”

Sobre Mercadona

Mercadona é unha compañía de supermercados de capital integramente español e familiar que finalizou o exercicio 2016 cunha facturación de 21.623 millóns de euros (+4%) e un beneficio de 636 millóns de euros (+4%). Actualmente conta con 1.620 supermercados en España e un cadro de persoal de 79.000 persoas con emprego estable e de calidade, que desenvolven a súa vida profesional na compañía para satisfaceren as necesidades dos 5,1 millóns de fogares que depositan a súa confianza acotío na empresa.

Sobre SAP

Como o líder do mercado en software de aplicacións de negocio, SAP (NYSE: SAP) axuda as empresas de todos os tamaños e sectores a melloraren o funcionamiento do seu negocio. Desde as funcións administrativas até as propias da sala de xuntas, do almacén á tenda, do computador de sobremesa aos dispositivos móbiles, SAP fortalece os profesionais e organizacións para que traballen unidos de xeito máis eficiente e poidan utilizar mellor a visión empresarial co fin de se situar nas primeiras posicións da competición. As aplicacións e servizos de SAP permiten a máis de 350.000 clientes obteren rendabilidade, adaptárense continuamente aos cambios e creceren de xeito sustentable. Para máis información, visite www.sap.com.