Responsable de Mercadona y Bancos Alimentos de Euskadi

Mercadona entrega 8.500 quilos de produtos á Federación de Bancos de Alimentos de Euskadi

21 de xullo de 2017
  • A cadea de supermercados renova o seu Convenio de colaboración coa Federación de Bancos de Alimentos de Euskadi.
  • Mercadona doou 166,8 toneladas de produtos de primeira necesidade en 2016 en Euskadi.

Mercadona dooulle á Federación de Bancos de Alimentos de Euskadi 8.500 quilos de produtos de primeira necesidade. Concretamente, tratouse de leite, aceite e legumes cocidos. Esta doazón forma parte da renovación do compromiso adquirido coa sinatura do convenio de colaboración entre ambas as entidades. Nel tamén se inclúen outros aspectos, como a participación das tendas da cadea de supermercados en Euskadi en campañas de recollida de alimentos organizadas pola Federación.

Na entrega estiveron presentes Daniel Fernández, presidente da Federación de Bancos de Alimentos de Euskadi; José Manuel Pineda, presidente do Banco de Alimentos de Guipúscoa; José Andrés Gabilondo, vicepresidente do Banco de Alimentos de Áraba; Luis Crovetto, vicepresidente do Banco de Alimentos de Biscaia; e Patricia Cortizas, directora de Relacións Externas de Mercadona en Euskadi. Cortizas remarcou “o importante labor” que desenvolve a Federación ao recoller e repartir alimentos “entre os máis necesitados. Como parte da responsabilidade social de Mercadona queremos apoialos”. Pola súa parte, desde a Federación agradeceron “a axuda de Mercadona” porque “sen estas doazóns non dariamos levado a cabo o noso traballo”.

Como parte da súa responsabilidade social corporativa, Mercadona non só realiza esta colaboración coa Federación de Bancos de Alimentos de Euskadi, senón que colabora tamén acotío co comedor social Nuestra Señora de los Desamparados de Vitoria-Gasteiz, que atende diariamente unha media de 600 persoas, e coas Hermanitas de los Pobres de Bilbao e Vitoria-Gasteiz.

A colaboración con entidades sociais en Euskadi, durante 2016, atinxiu as 166,8 toneladas de alimentos doados. Mercadona colabora con máis de 120 comedores sociais e 60 bancos de alimentos e entidades benéficas e, en 2016, doou 6.500 toneladas de alimentos, o equivalente a uns 108.000 carros da compra.

Sobre Mercadona en Euskadi

Mercadona mantén a súa aposta decidida por Euskadi, onde conta con 13 tendas: 5 en Vitoria-Gasteiz (Áraba), tres en Bilbao, unha en Barakaldo e unha en Basauri (Biscaia); e unha en Irun, Eibar e Oiartzun (Guipúscoa). O seu cadro de persoal está composto por 691 persoas, con emprego estable e de calidade. Está a construír un bloque loxístico en Vitoria-Gasteiz que suporá un investimento de 50 millóns de euros, nunha primeira fase, así como a creación de 100 postos de traballo, e abastecerá os supermercados da zona norte. Do mesmo xeito, ten relación comercial con 1.240 pemes desta comunidade e en 2016 realizou compras a fornecedores vascos por valor de 370 millóns de euros. A aposta de Mercadona polo produto local fixo que, durante a última campaña, comprase 236.000 quilos de pataca de Áraba, máis de 3.900 toneladas de peixe fresco nas costas biscaíñas e guipuscoanas e máis de 40.000 quilos de kiwi.

Sobre a Federación de Bancos de Alimentos de Euskadi

A Federación de Bancos de Alimentos de Euskadi integra o Banco de Alimentos de Áraba, o de Biscaia e o de Guipúscoa e, á súa vez, está integrada dentro das Federaciones Española e Europea de Bancos de Alimentos (FESBAL). Busca mellorar as condicións alimentarias de persoas en risco ou situación de exclusión social, como base para a súa integración.

 

Imaxe cabeceira: José Manuel Pineda, presidente do Banco de Alimentos de Guipúscoa; Daniel Fernández, presidente da Federación de Bancos de Alimentos de Euskadi; Patricia Cortizas directora de Relacións Externas de Mercadona en Euskadi; e Luis Crovetto, vicepresidente do Banco de Alimentos de Biscaia.