Interior cuarta Colmea de Mercadona en Alacant

Mercadona sigue apostando pola venda en liña coa apertura da súa cuarta Colmea en Alacant

26 de maio de 2022
  • Coa apertura desta nova Colmea, Mercadona estima chegar aos 2 millóns de pedidos en liña anuais. 
  • Na Colmea de Alacant prevese contar cun cadro de persoal de 185 persoas.
  • O investimento realizado para a súa construción foi de 14 M€.
  • Este novo almacén dedicado en exclusiva á venda en liña, chamado internamente Colmea, súmase aos que a compañía ten en Valencia, Barcelona e Madrid.

Mercadona inaugura hoxe a súa cuarta Colmea, almacén exclusivo para a venda en liña, na cidade de Alacant. Nela investíronse máis de 14 millóns de euros e espérase contar cun cadro de persoal de 185 persoas. A compañía iniciará o novo servizo na zona centro de Alacant e irá ampliando o seu raio de acción nas próximas semanas ata chegar a gran parte da provincia e á cidade de Murcia. Coa apertura desta nova Colmea de Mercadona en Alacant, a compañía estima chegar aos 2 millóns de pedidos en liña anuais.

Todos os clientes das zonas de repartición no raio de acción das Colmeas teñen acceso á nova web e app para realizar a súa compra, e poden recibila de 7:00 a 22:00 de luns a sábado. Mercadona ten distintos modelos de venda en base á demanda dos pedidos que hai en cada localidade, se ben todos os clientes destas zonas gozan da mesma experiencia de compra.

Por un lado, o modelo “Colmeas” atende zonas cunha alta densidade de pedidos en liña. A Colmea de Alacant súmase ás outras tres que a compañía ten operativas noutras cidades como a de València, en marcha dende 2018; a de Barcelona, dende 2019; e a de Madrid, dende 2020. A elas haberá que sumar a quinta Colmea de Sevilla que está prevista que abra ao longo do segundo semestre deste ano.

Por outro lado, tamén se está desenvolvendo para as zonas de menor concentración de pedidos, un novo modelo de preparación e repartición dende as tendas físicas. Por agora este modelo está en marcha en parte de Castelló e Tarragona e está previsto seguir expandíndoo en máis tendas co obxectivo de facer chegar a nova compra en liña ao resto das cidades.

O equipo de Mercadona Online fórmano 1.600 persoas con emprego estable e de calidade, na súa maioría pickers e repartidores. Investíronse máis de 45 millóns de euros na construción das catro Colmeas actuais e 15 millóns de euros nunha flota de camións propios. En 2021 incrementou as súas vendas ata os 510 millóns de euros, un 40 % máis que en 2020.

Segundo Juana Roig, directora xeral de Mercadona Online, “coa apertura da nosa cuarta Colmea en Alacant, damos un paso máis na nosa visión de satisfacer aos nosos clientes en liña en toda España e Portugal. Unha vez conseguido o reto de alcanzar a rendibilidade, hoxe en día enfrontámonos ao da expansión. Para iso, o uso da tecnoloxía é vital”. De feito, a principios deste mes abríronse novas oficinas de Mercadona para o proxecto en liña en Madrid coas que se busca incorporar talento ao equipo tecnolóxico, ampliando o acceso aos devanditos perfís.

Imaxe de cabeceira: Interior cuarta Colmea de Mercadona en Alacant.