Sabes cales son as patoloxías máis frecuentes que lles afectan aos gatos?

Sabes cales son as patoloxías máis frecuentes nos gatos?

21 de xaneiro de 2021

Se tes un gato, seguramente saberás que, como todas as especies, teñen máis propensión a padecer unhas patoloxías ca outras.

Neste sentido, os gatos tenden a ser máis sensibles aos problemas urinarios e aos trastornos dixestivos derivados da inxestión de pelo cando se asean. Analizámolos a continuación e dámosche consellos para axudar a previlos.

Os problemas urinarios nos gatos

Os problemas urinarios son un dos motivos habituais na consulta do veterinario, xa que os gatos son moi propensos a desenvolvelos nalgún momento da súa vida.

Un dos máis habituais é a cistite idiopática felina. Descoñécese con exactitude a causa que a provoca e adoita resolverse espontaneamente en poucos días (cando non existe obstrución das vías urinarias). Estes episodios poden ser recorrentes nalgúns casos e incluso poden chegar a volverse crónicos.

O estrés xoga un papel moi importante na súa aparición, xa que este trastorno pode provocar unha alteración na vexiga.

Cando non hai problemas obstrutivos o gato adoita presentar algúns síntomas como dor ao ouriñar, faino fóra da bandexa, hai sangue nos ouriños, ouriña moitas veces pero pouca cantidade, etc.

Cando hai problemas obstrutivos poderemos ver que o gato acode á bandexa continuamente pero non consegue ouriñar e incluso pode ter vómitos.

Outro dos problemas frecuentes nos gatos é a formación de cálculos. Nesta patoloxía interveñen múltiples factores como a idade, sexo, raza, esterilización, obesidade, etc.

Texto 1 Imagen Patología Gatos

Un dos maiores perigos destes cálculos é que poden chegar a obstruír a saída dos ouriños ao exterior e poñer en risco a saúde da nosa mascota. Neste caso, veremos que o gato presenta unha intensa dificultade para ouriñar e tamén poden darse outros síntomas como vómitos, letarxia, falta de apetito ou dor abdominal, entre outros.

Como axudar a evitalos?

  • Beber auga con frecuencia: a mellor maneira para axudar a minimizar a formación dos cálculos urinarios é que o noso gato inxira auga de maneira frecuente, o que lle axudará a diluír os ouriños. Para iso é importante que teña sempre auga limpa e fresca á súa disposición.
  • Manter a súa bandexa limpa: segundo o tipo de area que utilicemos, cambiala ou limpala varias veces ao día, lograremos que o gato ouriñe con máis frecuencia.
  • Dieta específica: ademais, é importante seguir unha dieta adecuada, sobre todo en gatos con predisposición a este tipo de problemas.

Infeccións urinarias

Outra das patoloxías máis comúns son as infeccións urinarias, que son moito menos frecuentes que nos cans. Adoitan aparecer de maneira secundaria a outras patoloxías (diabetes, incontinencia urinaria) e son máis probables na vellez do animal. Os axentes causantes son principalmente bacterias e, en menor medida, fungos.

Trastornos dixestivos provocados polas bólas de pelo. Causas e consellos para axudar á súa expulsión e prevención

Texto 2 Imagen Patología Gatos

Outro dos problemas de saúde máis frecuentes que teñen os gatos son as bólas de pelo. Os felinos son animais moi limpos aos que lles encanta lamber o seu pelo diariamente para realizar o seu aseo persoal. Pero este proceso de hixiene leva consigo inevitablemente a inxestión de pelos que acaban no seu estómago en forma de bólas.

Problemas de saúde derivados das bólas de pelo

Normalmente este pelo expúlsano coas feces, pero ás veces o gato non é capaz de eliminalo por si só, o que pode causar problemas de saúde no animal: trastornos dixestivos, vómitos, náuseas, estrinximento, falta de apetito e, en casos máis graves, pode chegar a ser necesaria a intervención cirúrxica.

Importancia dunha alimentación rica en fibra para previr as bólas de pelo

Para evitar esta situación e manter un bo estado de saúde, é recomendable que o alimento que lle proporcionemos á nosa mascota incorpore fibras vexetais que favorezan o arrastre e a expulsión dos pelos inxeridos, minimizando a incidencia de vómitos por este motivo.

Cepilla o teu gato con frecuencia para previr este problema

Ademais dunha alimentación adecuada, é recomendable realizar un bo cepillado para axudar a previr a formación de bólas de pelo. Para as razas de pelo curto, é suficiente cun cepillado unha ou dúas veces á semana, mentres que os gatos de pelo longo requiren cepillado diario.

Outras recomendacións

Aprende a alimentar a túa mascota segundo a súa etapa vital.