Pasamos revista ás alerxias máis habituais que lles afectan a cans e gatos.

Que alerxias son máis habituais en cans e gatos?

24 de marzo de 2021

As alerxias son patoloxías frecuentes tanto nos cans coma nos gatos e adoitan cursar, fundamentalmente, con sintomatoloxía cutánea (erupcións, sarabullo, eritema, proídos de diversa intensidade...) pero tamén poden acompañarse de signos respiratorios e dixestivos.

Estes síntomas prodúcense porque o sistema inmunitario das nosas mascotas reacciona de forma esaxerada fronte a unha substancia (alérxeno).

Clasificación das alerxias en cans e gatos

Dependendo do tipo de alérxeno que lle provoque os síntomas á nosa mascota as alerxias pódense clasificar en varios tipos:

Dermatite alérxica por picadura de pulgas e outros insectos

Texto 1 Imagen Alergias perros

É a alerxia máis frecuente en cans e gatos. A saliva da pulga ou insecto provoca unha resposta desmedida do sistema inmunitario no lugar da picadura. Isto provoca unha reacción inflamatoria e un proído na pel, e é habitual que o animal se rasque na zona da picadura.

As zonas máis comúns adoitan ser a parte baixa do lombo, na unión coa base da cola, así como na pel da cara interna das coxas e do abdome. É moi importante a prevención, utilizar repelentes de pulgas ou insectos, e incluso usar produtos de limpeza ou hixiene adecuados para minimizar a presenza de pulgas ou insectos nas nosas mascotas, xa que unha soa pulga pode provocarlle unha reacción alérxica ao teu animal se sofre este tipo de alerxia.

Alerxias ambientais

Texto 2 Imagen Alergias perros

Estas son as alerxias que adoitamos encontrar en segundo lugar nas nosas mascotas. Son debidas á exposición a alérxenos que se encontran nos ambientes onde están as nosas mascotas, polo que é moi difícil que o noso animal non teña contacto con eles.

Os alérxenos que podemos encontrar neste tipo de alerxias adoitan ser:

  • poles de árbores;
  • plantas e herbas como as gramíneas;
  • mofos;
  • ácaros do po do interior de vivendas;
  • etc.

Alerxias alimentarias

Texto 3 Imagen Alergias perros

En terceiro lugar, teríamos as alerxias de tipo alimentario, as cales son moito menos frecuentes que as anteriores. Entre os principais alérxenos alimentarios que poden ocasionar algún problema, encóntranse principalmente:

  • as proteínas de orixe animal;
  • outro tipo de proteínas de cereais ou vexetais, ou
  • outro tipo de ingredientes que formen parte do alimento.

Hai que aclarar que, aínda que a nosa mascota teña un problema tras o consumo dun alimento, non quere dicir que o alimento estea en mal estado. O que realmente acontece é que o noso animal ten unha susceptibilidade a algún dos ingredientes do alimento.

Reaccións alérxicas por contacto

Son as menos habituais e poden aparecer tras minutos ou horas de contacto externo da nosa mascota coa substancia alerxénica. Adoitan producirse polo uso de:

  • xabóns;
  • medicamentos;
  • produtos de limpeza do fogar;
  • produtos agrícolas;
  • etc.

Como se detectan as diferentes alerxias?

En todo tipo de alerxias, o que se debe facer en primeiro lugar é identificar o tipo de alérxeno que lle causa os problemas á nosa mascota, xa que evitando a exposición a este conseguiremos que non aparezan os síntomas.

O recomendable, polo tanto, sería acudir ao noso veterinario ante calquera síntoma de alerxia, quen lle realizará diferentes probas para determinar o tipo de alérxeno causante da reacción alérxica e, posteriormente, pautar un tratamento adecuado.

Outras recomendacións

Sabes cales son as diferenzas entre alimentos completos e complementarios e para que serve cada un?