É fundamental alimentar o teu can ou gato segundo a súa etapa vital. Explicámosche como.

Aprende a alimentar a túa mascota segundo a súa etapa vital (Júnior, Adulto e Sénior)

17 de septembro de 2020

É importante adaptar a alimentación á idade que teña a túa mascota. Ademais, existen distintas variedades de penso para cans e gatos: pensos para animais Júnior (cachorros), pensos para adultos e pensos para animais Sénior (de idade avanzada), xa que as necesidades van variando ao longo da vida do animal e os requisitos nutricionais son diferentes para cada unha destas etapas.

Períodos de cada etapa da vida da túa mascota

O primeiro que temos que ter claro é como se dividen as etapas vitais en cans e gatos.

Infografía Etapas perros gatos gallego

No caso dos cans:

  • Considérase que son cachorros (Júnior) ata os 8 meses de idade nas razas pequenas, ata os 12 meses para razas medianas e ata os 15 meses para razas grandes.
  • Polo tanto, un can é adulto a partir dos 8 meses en razas pequenas, a partir do ano para razas medianas e a partir dos 15 meses para razas grandes.
  • Mentres, un can considérase que é Sénior sobre os 8 anos de idade para as razas pequenas, sobre os 7 anos en razas medianas e arredor dos 6 anos en razas grandes.

Respecto aos gatos:

  • Considérase que son gatiños (júnior) ata o ano de idade.
  • Un gatiño, a partir do ano de vida, pasa á etapa de adulto.
  • E considérase sénior cando fai os 10 anos de idade, se ben a partir dos 7 anos se volven máis sensibles aos efectos do paso do tempo.

Como alimentar o can e o gato segundo a súa idade

Júnior

Se se trata dun cachorro, é fundamental alimentalo cun penso específico para cachorros, xa que estes teñen unhas necesidades de alimentación especiais por encontrarse na primeira etapa da súa vida, con maiores requirimentos nutricionais.

Así pois, é necesario usar unha dieta equilibrada e nutricionalmente completa que achegue diariamente todos os nutrientes necesarios que necesita un cachorro para un correcto desenvolvemento físico e mental.

É fundamental comprobar que a dieta permite unha ganancia de peso, pero sempre evitar sobrealimentalo para previr problemas de obesidade ou esqueléticos, sobre todo no caso das razas grandes. Non é recomendable suplementar a dieta con outros alimentos, xa que poderían producirse desequilibrios nutricionais.

No caso dos gatiños, as necesidades de enerxía e de nutrientes son moito máis elevadas que as dos gatos adultos e necesitan recibir unha alimentación apropiada que permita o seu desenvolvemento normal para preparalo para unha vida longa, activa e saudable.

Polo tanto, é necesario usar un alimento especificamente deseñado para os gatiños xa que estes crecen moi rapidamente e dobran o seu peso aos dez días de nacer. Unha vez que os gatiños empezan a inxerir outros alimentos ademais do leite materno, debe manterse o comedeiro perfectamente limpo e renovar o alimento dúas veces ao día como mínimo.

A cantidade de alimento sólido inxerida aumenta coa idade, de tal forma que a partir das seis semanas os gatiños xa poden ser destetados.

Adulto

Se o can ou gato é un animal adulto, débese alimentar cun penso deseñado para esta etapa, xa que teñen outras necesidades diferentes aos cachorros.

É fundamental alimentar o animal cunha dieta equilibrada e nutricionalmente completa que achegue diariamente todos os nutrientes necesarios, cubrindo as súas necesidades e achegando todo o sabor para o gozo da súa comida.

Sénior

Cando os animais alcanzan unha idade máis avanzada e entran na súa etapa Sénior, polo xeral son máis sedentarios e non necesitan tanta achega de enerxía, ademais de ter outras necesidades nutricionais.

Por este motivo é moi importante levar unha dieta específica para esta etapa da vida, cun adecuado nivel de proteína que axude a manter a masa muscular, un óptimo nivel de fibra e unha densidade calórica menor a través dunha achega limitada de graxas, pero subministrando todos os ácidos graxos esenciais.

Alimentación en cadelas e gatas lactantes

A lactación é a etapa fisiolóxica de maior esixencia para as cadelas e as gatas, durante a cal as súas necesidades enerxéticas poden aumentar de tres a catro veces máis do normal.

O aconsellable nesta etapa é alimentalas cun penso para cachorros no caso das cadelas ou para gatiños no caso das gatas, que poida ser consumido tamén polos cachorros/gatiños no momento de comezar a desteta.

Trátase de pensos cun contido enerxético e nutricional máis alto que outro tipo de alimentos para adultos, para que a nai manteña un bo estado de saúde xeral, produza suficiente leite e alimente os cachorros/gatiños para poder garantir así, o óptimo crecemento da camada.

No caso das cadelas lactantes as necesidades varían en función do número de cachorros, idade, raza, condicións ambientais e segundo a semana de lactación na que se encontren; as cantidades indicadas nas guías de alimentación deberían repartirse ata en tres tomas.

Sempre que a cadela sexa capaz de racionar o alimento, recoméndase deixar o alimento a libre disposición durante o período de lactación, para que coma ao longo do día a cantidade que necesite.

Para as gatas lactantes, as necesidades enerxéticas son máis altas que durante a xestación, xa que durante as catro primeiras semanas de vida os gatiños dependen completamente do leite da nai. É normal que durante este período de lactación a gata perda algo de peso a medida que vai utilizando as súas reservas corporais (nunca máis do 10%), peso que recupera cando se destetan os gatiños.

Despois da desteta débese diminuír gradualmente a cantidade de alimento ata que a gata inxira as cantidades normais para o seu mantemento.

Outras recomendacións

Se necesitas cambiarlle a alimentación á túa mascota, explicámosche como facelo de forma progresiva para que o resultado sexa un éxito.