Fito de Mercadona en enerxía renovable

Mercadona inaugura a súa maior planta fotovoltaica e alcanza os 100 MW de enerxía renovable en toda a cadea

21 de xuño de 2024
  • Situada no bloque loxístico de Abrera (Barcelona), esta nova instalación conta con 16.500 paneis solares, unha potencia de 8 MW e unha capacidade de xeración de 9,5 GWh anuais, que evitarán a emisión de 1.270 toneladas de CO2 ao ano.
  • Mercadona suma 100 MW instalados na cubertas (autoconsumo “on-site”). Esta potencia permitiralle xerar o consumo anual enerxético equivalente a 40.000 vivendas e evitar a emisión de 16.000 toneladas de CO2 ao ano.

Mercadona, compañía de supermercados físicos e de venda en liña, tras finalizar a instalación da que é ata o momento a súa maior planta fotovoltaica situada no bloque loxístico de Abrera (Barcelona), alcanza os 100 MW de enerxía renovable en toda a súa cadea. A suma de todas as súas cubertas con fotovoltaica supón producir unha enerxía anual aproximada de 125 GWh, equivalente ao consumo anual de 40.000 vivendas. Con esta enerxía producida evítase a emisión de 16.000 toneladas de CO2 ao ano, similar á cantidade que neutralizan 350.000 árbores (case o 90 % do arboredo que hai na cidade de Valencia).

A compañía, que dende 2020 iniciou o seu plan de enerxía sostible cunha aposta firme pola fotovoltaica, leva investidos máis de 75 M€ na instalación de placas solares. Este investimento permitiu instalar uns 200.000 módulos solares, que producirán o 6 % da enerxía consumida de toda a cadea.

Dos máis de 1.660 supermercados e 23 bloques loxísticos e “colmeas” (almacéns exclusivos de venda en liña) cos que Mercadona conta en España e Portugal, máis de 400 tendas, 8 bloques loxísticos e “colmeas”, e as súas oficinas centrais situadas en Albalat dels Sorells (Valencia), contan con placas solares nas súas cubertas. Con toda esa potencia instalada, a compañía espera aforrar a enerxía equivalente ao consumo anual acumulado de máis de 125 tendas.

Durante os próximos anos, Mercadona prevé continuar potenciando o uso de enerxías limpas e máis respectuosas co medio ambiente, co obxectivo de dispoñer dunha potencia fotovoltaica total de 250 MW; isto supoñería unha capacidade de autoconsumo do 15 % da enerxía total consumida anual.

Abrera, a maior planta fotovoltaica de Mercadona.

A instalación de paneis, iniciada a finais do pasado ano e concluída durante o pasado mes de maio, supuxo un investimento de case 7 M€. En detalle, a cuberta conta con 16.500 placas solares, unha potencia instalada de 8 MW que xera 9,5 GWh/ano e que evita a emisión de 1.270 toneladas de CO2 ao ano. Trátase da maior planta fotovoltaica coa que conta a compañía entre as súas instalacións. Grazas a esta, o centro producirá, polos seus propios medios, un 25 % da súa demanda enerxética anual.

O bloque loxístico de Mercadona en Abrera ocupa unha parcela de 200.000 metros2, dos cales, máis de 110.000 destináronse a superficie edificada. Supuxo un investimento de 300 millóns de euros, conta con capacidade para albergar 75.000 palés de mercadorías e está preparado para dar servizo a 250 supermercados.

Vista aérea das placas fotovoltaicas no bloque loxístico de Abrera (Barcelona).Vista das placas fotovoltaicas no bloque loxístico de Abrera (Barcelona).