Camión propulsado con gas natural licuado utilizado por Mercadona

Mercadona e os seus fornecedores de transporte investirán 4 millóns de euros máis en 2018 en tecnoloxías limpas

15 de febreiro de 2018
  • Na súa aposta polo transporte sustentable e a calidade do aire, incorporarán en Madrid, Barcelona e mais Valencia 40 camións propulsados con gas natural.
  • O 92% da frota de vehículos cumpre cos estándares máis exixentes en materia de emisións. 

Mercadona e os seus fornecedores de transporte destinarán 4 millóns de euros máis no 2018 para incorporaren 40 camións propulsados con gas natural licuado (GNL) nas cidades de Madrid, Barcelona e mais Valencia, que se sumarán aos 7 vehículos destas características cos que contan desde o 2017 e que supuxeron un investimento de 1 millón de euros. Este esforzo investidor responde ao compromiso que, quer Mercadona quer os seus fornecedores de transporte, manteñen con respecto ao medio ambiente, unha aposta pola sustentabilidade da súa actividade traducida na optimización continua da súa frota de transporte e da súa loxística para reducir as emisións e mellorar a calidade do aire nos núcleos urbanos.

Con este obxectivo, ao longo do ano, hanse de incorporar á frota, paulatinamente, vehículos de categoría ECO que circularán prioritariamente por núcleos urbanos de alta densidade de poboación e de movemento, contribuíndo a reducir o risco de superar os límites permitidos de NOx e mais de partículas en suspensión que este tipo de cidades habitualmente presenta.

Esta iniciativa súmase ás que se están a realizar en vehículos para a chamada “última milla” de reparto en cidades. Para iso, a compañía xa dispón de 3 furgonetas transformadas a dual fuel (gas/gasóleo) e no 2018 ten previsto utilizar tamén 3 furgonetas 100% GNC (Gas Natural Comprimido). Para alén de, actualmente, estar a realizar probas cunha furgoneta eléctrica para estudar as melloras e as súas posibilidades de adaptación aos medios de frío.

O esforzo realizado nos últimos anos permitiu que o 92% da frota que utiliza a compañía conte co distintivo categoría C da DXT, é dicir, vehículos que cumpren cos estándares Euro VI e Euro VI C, os máis exixentes en materia de emisións. Estes motores reducen as emisións de óxidos de nitróxeno (NOx), prexudiciais para a saúde.

Alén de apostar por combustibles menos contaminantes, Mercadona continúa a desenvolver a súa estratexia de sustentabilidade medioambiental ao optimizar a carga dos vehículos para aproveitar ao máximo cada viaxe e reducir deste xeito o número de traxectos e mais as emisións de gases de efecto invernadoiro.

Unha política de acción social sustentable integrada na estratexia de RSE de Mercadona

Un dos compromisos que Mercadona mantén coa sociedade é devolverlle parte de canto recibe. Con tal obxectivo desenvólvese o Plan de Responsabilidade Social da compañía que atende o compoñente social e mais ético a través de diferentes liñas de actuación sustentables que reforzan a súa aposta polo crecemento compartido. Como parte desta política, Mercadona traballa no Proxecto de Distribución Urbana Sustentable e na mellora da calidade do aire nas nosas cidades mediante o emprego de camións e furgonetas propulsados por tecnoloxías máis limpas e eficientes, así como na construción de cubertas axardinadas e de xardíns verticais nas súas tendas.

Outra liña estratéxica do Plan de Responsabilidade Social de Mercadona é a sustentabilidade medioambiental. Para iso, Mercadona conta cun Sistema de Xestión Medioambiental propio, focado na optimización loxística, a eficiencia enerxética e a redución de refugallo. Parte deste sistema está baseado nos principios da Economía Circular e procura, xunto cos interfornecedores, a conversión de refugallo en novos recursos.

Ademais, Mercadona colabora con máis de 140 comedores sociais e 60 bancos de alimentos e outras entidades benéficas de toda España para a doazón cotiá de alimentos, para alén da colaboración en campañas de recollida de alimentos. Do mesmo xeito, traballa con máis de 27 fundacións e centros ocupacionais na decoración das súas tendas con murais de trencadís, elaborados por máis de 1.000 persoas con discapacidade intelectual.

Mercadona é desde o 2009 membro do Foro Europeo da Distribución para a Sustentabilidade (REAP), un organismo copresidido pola Comisión Europea en que todos os seus participantes son auditados periódica e externamente en materia de sustentabilidade. Ademais, está adherida desde o ano 2011 ao Pacto Mundial de Nacións Unidas pola defensa dos valores fundamentais en materia de Dereitos Humanos, Normas Laborais, Medio Ambiente e Loita contra a Corrupción.