Entrega produtos á iniciativa de Alicante Gastronómica Solidaria

Mercadona únese á iniciativa de Alicante Gastronómica Solidaria coa entrega diaria de produtos

20 de abril de 2020
  • Inicia a súa colaboración coa entrega de 2.800 flans para confeccionar o menú que diariamente se elabora nas cociñas do CdT e que Alicante Gastronómica Solidaria reparte aos colectivos máis necesitados coa coordinación de Cruz Roja e Cáritas.
  • A compañía, ata o momento, doou ás distintas entidades e organizacións sociais da provincia de Alacant máis de 31.700 quilos de produtos.
  • En 2019 a compañía doou un total de 135 toneladas de alimentos de primeira necesidade na provincia de Alacant.

Mercadona, compañía de supermercados físicos e de venda en liña, reforza o seu Modelo Responsable durante a situación excepcional que se vive ocasionada polo Covid-19. Neste sentido, iniciou a súa colaboración con Alicante Gastronómica Solidaria coa entrega de 2.800 flans de ovo para completar os menús diarios que se elaboran dende os Cdt de Alacant e Torrevieja. Este proxecto solidario púidose levar a cabo impulsado pola Cámara de Comercio de Alacant, Deputación de Alacant, GVATurisme, a Institución Ferial Alicantina e CEV Alacant, entre outras moitas asociacións e institucións.  

A esta primeira entrega seguiralle a achega diaria de produtos que Mercadona realizará dende algúns dos seus supermercados para a elaboración dos distintos menús diarios que se elaboren por parte de Alicante Gastronómica Solidaria. Esta colaboración vén sumarse ás que a compañía vén realizando durante a situación excepcional que se vive ocasionada polo Covid-19. Neste sentido, no que levamos de mes entregou, de forma gradual, máis de 31.700 quilos de alimentos de primeira necesidade a diversas entidades sociais de Alacant, como aos comedores sociais La Sal de la Tierra e a Asociación Social La Prosperidad ambos de Alacant cidade, cos que a compañía xa colabora habitualmente. Tamén se realizaron entregas ao comedor social da Asociación Extiende tu Mano de Dénia e ao de Alimentos Solidarios de Torrevieja, así como ao Banco de Alimentos da provincia, Cáritas, Cruz Roja e a DYA Elche. 

Por outro lado, o Presidente de Alicante Gastronómica Solidaria, Carlos Baño, quixo agradecer a solidariedade e xenerosidade de Mercadona, destacando “que está sendo todo un exemplo no conxunto do país e por suposto, dende a organización queremos trasladar toda a nosa gratitude, xa que achegas como as de Mercadona, son as que nos permiten chegar a cociñar 1.000 racións ao día no CdT de Alacant e poder acender os fogóns do CdT de Torrevieja, coa idea de poder chegar a toda a provincia de Alacant”.

Unha política de acción social sostible integrada na estratexia de RSE de Mercadona

Mercadona, dentro do compromiso de compartir coa sociedade parte de canto recibe dela, desenvolve o Plan de Responsabilidade Social comentado anteriormente, que atende o compoñente social e ético a través de distintas liñas de actuación sostibles que reforzan a súa aposta polo crecemento compartido. Como parte desta política, Mercadona colabora con máis de 240 comedores sociais e máis de 60 bancos de alimentos e outras entidades sociais de España e Portugal, ás que doa diariamente alimentos e participa nas campañas de recollida de alimentos que as devanditas entidades organizan.

De feito, no que vai de ano a compañía doou a todas estas entidades e organizacións un total de 2.565 toneladas de alimentos, 2.450 en España e 115 en Portugal, cantidades que se foron incrementando dende que a compañía o 26 de marzo, tras a paréntese producida como consecuencia do impacto que o Covid-19 tivo nos procesos da compañía, tomase a decisión de reactivar os procesos de doazón de produtos de primeira necesidade aos Comedores Sociais e Bancos de Alimentos cos que a compañía viña colaborando habitualmente.

Igualmente, Mercadona colabora intensamente con 32 Fundacións e Centros ocupacionais na decoración das súas tendas con murais de trencadís, elaborados por máis de 1.000 persoas con distintos graos de discapacidade.

Outra liña estratéxica do Plan de Responsabilidade Social de Mercadona é a sostibilidade medioambiental. Para iso, Mercadona conta cun Sistema de Xestión Ambiental propio, enfocado á optimización loxística, á eficiencia enerxética e á redución de residuos; parte deste sistema está baseado nos principios da Economía Circular e busca conxuntamente cos Provedores Totaler a conversión dos residuos en novos recursos.  Ademais, traballa no Proxecto de Distribución Urbana Sostible e na mellora da calidade do aire nas nosas cidades mediante camións e furgonetas propulsados por tecnoloxías máis limpas e eficientes.

Mercadona é dende 2009 membro do Foro Europeo da Distribución para a Sostibilidade (REAP), un organismo copresidido pola Comisión Europea no que todos os seus participantes son auditados periódica e externamente en materia de sostibilidade. Ademais, é socio dende o ano 2011 do Pacto Mundial das Nacións Unidas para a defensa dos valores fundamentais en materia de Dereitos Humanos, Normas Laborais, Medio Ambiente e Loita contra a Corrupción.

IstoNONtenquePARAR porque Isto Pasará

Imaxe de cabeceira: Entrega a Alicante Gastronómica Solidaria.