Logo de Mercadona realizado con plantas

Mercadona promove os obxectivos de desenvolvemento sustentable do Pacto Mundial das Nacións Unidas

11 de abril de 2018
  • Mercadona, como socia da Red Española del Pacto Mundial das Nacións Unidas, forma parte dun grupo de traballo xunto a outra vintena de organizacións para promover os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) na industria da alimentación e das bebidas coa publicación dunha Guía de Boas Prácticas para o sector.
  • De xeito adicional, o modelo de empresa de Mercadona contribúe ao cumprimento doutros obxectivos de desenvolvemento sustentable como o de Igualdade de Xénero ou a Redución de Desigualdades. 

No ano 2015 os líderes mundiais adoptaron un conxunto de metas globais a conseguir no 2030: erradicar a pobreza, protexer o planeta e asegurar a prosperidade para todos como parte dunha nova axenda de desenvolvemento sustentable. Para atinxir estas metas definíronse 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) que lles permiten aos gobernos, ao sector privado e mais á sociedade civil construír unha visión de futuro e emprender medidas sustentables para este planeta.

A Red Española de Pacto Mundial, organización pertencente ás Nacións Unidas que traballa pola defensa dos valores fundamentais en materia de Dereitos Humanos, Normas Laborais, Medio Ambiente e Loita contra a Corrupción, e da que Mercadona é socia desde o 2011, xunto cunha vintena de compañías, pemes e asociacións sectoriais, creou un grupo de traballo para promover estes Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) na industria da alimentación e das bebidas. O obxectivo do grupo foi a creación dunha Guía de Boas Prácticas para dar a coñecer as diferentes accións que se poden incorporar no Plan Estratéxico das empresas que quixeren contribuír ao desenvolvemento dos mesmos.

Documento en español:

 

Guía Sectorial en ODS. Sector agroalimentario

Descargar

 

 

 

 

No ámbito da Responsabilidade Social de Mercadona cómpre destacarmos a contribución ao ODS 5 (Igualdade de Xénero), xa que co seu modelo empresarial a compañía réxese polo Principio de equidade de "igual responsabilidade, mesmo soldo" sen discriminación de ningún tipo. Alén diso, grazas ás colaboracións de Mercadona con varias fundacións e centros ocupacionais contouse co traballo de máis de 1.000 persoas con discapacidade intelectual para a elaboración de murais decorativos para as tendas coa técnica de trencadís, contribuíndo deste xeito ao desenvolvemento do OD 10 (Redución das Desigualdades).

Unha política de acción social sustentable integrada na estratexia de RSE de Mercadona

Un dos compromisos que Mercadona mantén coa sociedade é contribuír ao seu desenvolvemento e progreso de forma sustentable. Con este obxectivo, desenvólvese o Plan de Responsabilidade Social da compañía que atende á compoñente social e ética a través de diferentes liñas de actuación que reforzan a súa aposta polo crecemento compartido. Como parte desta política, Mercadona traballa no Proxecto de Distribución Urbana Sustentable e na mellora da calidade do aire nas nosas cidades mediante camións e furgonetas propulsados por tecnoloxías máis limpas e eficientes, así como na construción de cubertas axardinadas e de xardíns verticais nas súas tendas.

Outra liña estratéxica do Plan de Responsabilidade Social de Mercadona é a sutentabilidade medioambiental. Para iso, Mercadona conta cun Sistema de Xestión Medioambiental de seu, enfocado cara á optimización loxística, a eficiencia enerxética e mais a redución de refugallo. Parte deste sistema está baseado nos principios da Economía Circular e procura, conxuntamente cos interfornecedores, a conversión de refugallo en novos recursos.

Para alén diso, Mercadona colabora con máis de 140 comedores sociais e 60 bancos de alimentos e outras entidades benéficas de toda España para a doazón cotiá de alimentos, así como a colaboración en campañas de recollida de alimentos.

Mercadona é desde o 2009 membro do Foro Europeo da Distribución para a Sustentabilidade (REAP), un organismo copresidido pola Comisión Europea en que todos os seus participantes son auditados periódica e externamente en materia de sustentabilidade.