Visita das autoridades do Goberno Vasco ás instalacións do bloque loxístico de Mercadona situado en Vitoria-Gasteiz

Mercadona inicia a construción da segunda fase do seu bloque loxístico en Euskadi en que se van investir 15 millóns de euros e contratar 50 traballadores

16 de marzo de 2018
  • A conselleira de Desenvolvemento Económico e Infraestruturas do Goberno Vasco, Arantxa Tapia, visitou as instalacións situadas no polígono de Jundiz, Vitoria-Gasteiz.
  • Recentemente culminouse a primeira fase do proxecto, que supuxo un investimento de 50 millóns de euros e a creación de 200 postos de traballo estables e de calidade.

Mercadona anunciou que inicia a construción da segunda fase do seu bloque loxístico en Euskadi, situado no polígono de Jundiz de Vitoria-Gasteiz. A cadea de supermercados concluíu a primeira fase do bloque loxístico, cun investimento de 50 millóns de euros e a contratación de 200 traballadores. Esta nova fase suporá un investimento adicional de 15 millóns de euros e a creación de 50 postos de traballo estables e de calidade.

Arantxa Tapia, conselleira de Desenvolvemento Económico e Infraestruturas do Goberno Vasco, visitou as instalacións para coñecer de primeira man como foi o arranque e os pormenores deste novo proxecto. “É un proxecto moi interesante porque, ademais de ser estratéxico para Araba a nivel loxístico, é un exemplo de investimento en I+D como fundamento para a xeración de emprego”  afirmou a conselleira Arantxa Tapia.

Patricia Cortizas, directora de Relacións Institucionais de Mercadona en Euskadi, explicou que "hai xa unha década Mercadona adoptou o compromiso de innovar na súa rede loxística e apostar por un traballo de calidade, eliminando os sobreesforzos dos traballadores, e neste novo bloque de Vitoria-Gasteiz temos continuado a traballar na mesma liña”.

Manuel Antonio Gómez, coordinador do bloque loxístico de Mercadona, detallou que a área de frescos conta co sistema automatizado PPG (Picking Puente Grúa), un sistema innovador de almacenaxe e preparación de paletes de carne, froita e vexetais. "O sistema elimina os sobreesforzos en todo o proceso, desde a recepción da mercadoría até a formación das paletes que lles serán expedidas ás tendas. Para alén de garantir a correcta manipulación dos produtos, asegurando a calidade dos mesmos. Esta eficiencia nos procesos é chave para cumprir o obxectivo da compañía de lles garantir a máxima calidade e frescura aos clientes".

Representantes do Goberno Vasco e responsables de Mercadona visitan as instalacións do bloque loxístico de Mercadona en Vitoria-GasteizMiryam Oca, xerente de Relacións Externas de Mercadona en Euskadi; Iván González, coordinador de Mantemento do bloque loxístico de Vitoria-Gasteiz; Arantxa Tapia, conselleira de Desenvolvemento Económico e Infraestruturas do Goberno Vasco; Manuel Antonio Gómez, coordinador do bloque loxístico de Vitoria-Gasteiz; Bittor Oroz, viceconselleiro de Agricultura, Pesca e Política Alimentaria; e Patricia Cortizas, directora territorial de Relacións Externas de Mercadona, durante a visita ao bloque loxístico de Mercadona en Vitoria-Gasteiz.

A segunda fase consistirá na construción dunha planta de elaboración de pan que ocupará 4.300 m2 e mais dunha nova nave de secos de 16.500 m2 totalmente automatizada. Para o seu funcionamento prevese a contratación de 50 traballadores, que recibirán unha formación específica por conta da empresa.

Actualmente, o bloque loxístico de Vitoria-Gasteiz fornece as tendas de Mercadona en Euskadi, Navarra, A Rioxa, Burgos e Cantabria. Coa culminación da primeira fase xa están operando as áreas de secos (produtos non perecedoiros), frescos (produtos perecedoiros) e envases, esta última xestionada polo interfornecedor Logifruit.  Para alén diso, estase a rematar de poñer en funcionamento a área de produtos conxelados.

Mercadona en Euskadi

Mercadona conta con 15 tendas en Euskadi e un cadro de persoal de case un milleiro de traballadores, con emprego estable e de calidade. A súa aposta polo produto local levouna a manter relación comercial con 1.240 pemes vascas ás que lles realizou compras por valor de 370 millóns de euros no 2016. Dentro da súa responsabilidade social corporativa ten doado máis de 166 toneladas de produtos de primeira necesidade grazas á súa colaboración coa Federación de Bancos de Alimentos de Euskadi, co comedor social Nuestra Señora de los Desamparados de Vitoria-Gasteiz, e coas Hermanitas de los Pobres de Bilbao e mais Vitoria-Gasteiz.

Imaxe de cabeceira: Iván González, coordinador de Mantemento do bloque loxístico de Vitoria-Gasteiz; Patricia Cortizas, directora territorial de Relacións Externas de Mercadona; Bittor Oroz, viceconselleiro de Agricultura, Pesca e Política Alimentaria; Arantxa Tapia, conselleira de Desenvolvemento Económico e Infraestruturas do Goberno Vasco; e Manuel Antonio Gómez, coordinador do bloque loxístico de Vitoria-Gasteiz, durante a visita ao bloque loxístico de Mercadona en Vitoria-Gasteiz.