Nova liña de caixas ergonómicas do Novo Modelo de Tenda Eficiente de Mercadona.

Mercadona inaugura o seu novo modelo de tenda eficiente en Tarragona e investirá 5,7 millóns de euros en reformas en 2017

06 de marzo de 2017
  • O primeiro supermercado con este novo modelo está localizado na cidade de Tarragona e abre hoxe as súas portas após a reforma.
  • O novo modelo de tenda eficiente mellora a experiencia e optimiza o tempo de compra dos clientes, ademais de xerar un aforro enerxético de até o 40% respecto dunha tenda tradicional.
  • Presenta un deseño totalmente renovado con novidades en todas as seccións, novos dispositivos electrónicos para unha xestión interna informatizada e unha mellor xestión da variedade.
  • Durante 2017, a compañía prevé reformar e renovar 4 tendas repartidas polas comarcas de Tarragona.
  • O novo supermercado Mercadona localizado no Mercado Central tamén abrirá co novo modelo.

A cadea de supermercados Mercadona pon en andamento hoxe en Tarragona o seu novo modelo de tenda eficiente, que mellora e optimiza a experiencia de compra dos seus “Xefes”, como a compañía denomina  internamente os seus clientes. Para iso, ten previsto investir 5,7 millóns de euros en reformar e renovar, durante 2017, 4 tendas repartidas polas comarcas de Tarragona.

O primeiro establecemento que xa dispón deste novo modelo de tenda está localizado na cidade de Tarragona, concretamente na Vía Augusta, e abre hoxe as súas portas após a reforma realizada durante os últimos dous meses. Este ano tamén se reformarán as tendas de El Botafoc, no municipio de El Vendrell, a localizada en Els Portals na localidade de Tortosa, e a tenda de Móra d’Ebre, da Avenida Pius XII, s/n. 

De agora en diante, ademais das reformas mencionadas, todas as novas tendas que abra Mercadona incorporarán este modelo, que a compañía comezou a implementar no pasado mes de decembro coa abertura dos dous primeiros supermercados que contan xa con el: un no Puerto de Sagunto (Valencia) e o outro na localidade de Peligros (Granada). O supermercado Mercadona do Mercado Central de Tarragona cidade sumarase tamén á listaxe de novas aberturas que incorporan o novo modelo.

O Mercadona da Vía Augusta: primeiro supermercado co novo modelo de tenda eficiente nas comarcas tarraconenses

O primeiro supermercado Mercadona nas comarcas tarraconenses que abre con este novo modelo está localizado na cidade de Tarragona, concretamente na Vía Augusta, e na súa reforma participaron 65 fornecedores que deron emprego a 90 persoas durante o período de execución da mesma.

O novo modelo de tenda, máis eficiente, renova o deseño de tenda por ambientes iniciado no ano 2000, ao mellorar a distribución, a decoración e a disposición das seccións. Tamén inclúe un deseño totalmente renovado con novas cores e materiais, quer na fachada exterior de acceso ao supermercado quer na distribución das distintas seccións. Aposta por amplos espazos diáfanos que facilitan a entrada de luz natural e cores cálidas na delimitación das distintas seccións, ao tempo que conta con instalacións máis eco-eficientes. 

Novidades en todas as seccións

O novo modelo de tenda presenta novidades en todas as seccións beneficiándose delas tanto os “Xefes”, como os traballadores, os fornecedores e a sociedade. Son exemplos diso a nova entrada con duplo acristalado que evita correntes de aire, os andeis específicos para o leite fresco e os zumes refrixerados, a góndola central na perfumería para a cosmética especializada e a nova exposición da peixería para os produtos de cuncha, entre outros.

O novo deseño procura ofrecer un mellor servizo para facilitar a compra dos clientes mediante a ampliación dos corredores da froita e dos vexetais, un novo carro da compra e varios modelos de cestas, moito máis ergonómicos e lixeiros.

Co obxectivo de facilitar as tarefas cotiás dos traballadores, o novo modelo inclúe múltiples medidas para mellorar a ergonomía e eliminar os sobreesforzos. Para o deseño do novo moble de caixa, Mercadona contou coa colaboración do Instituto de Biomecánica de Valencia. Ademais diso, a compañía redeseñou as zonas comúns para que os empregados gocen dunha maior comodidade nos seus momentos de lecer, así como dunha zona comedor máis equipada ou duns armarios persoais máis amplos e cómodos.

Nova sección de Forno no supermercado de Masquefa, Tarragona, recentemente inaugurado co Novo Modelo de Tenda Eficiente de Mercadona. Nova sección de Forno no supermercado de Vía Augusta, Tarragona, recentemente inaugurado co Novo Modelo de Tenda Eficiente de Mercadona.

Aforro enerxético e xestión totalmente informatizada: tenda eco-eficiente

A nivel medioambiental, tomáronse medidas que permiten reducir até nun 40% o consumo enerxético, a mellora do illamento térmico e acústico coa optimización dos materiais e o grosor de paredes e teitos, e novas arcas de conxelado máis eficientes enerxeticamente e respectuosas co medio ambiente. Ademais, o novo modelo conta cun sistema de iluminación LED automatizado que se regula segundo as zonas e momentos do día, para unha xestión enerxética moito máis eficiente. 

Tamén integra unha serie de dispositivos electrónicos e ferramentas colaborativas, cos que poder compartir información desde calquera sección da tenda, o que facilita a autoxestión de cada supermercado e permite axilizar os procesos de toda a cadea. Entre os novos dispositivos, encóntranse a liña de caixas, as balanzas ou o uso de tabletas electrónicas que sustitúen o papel para realizar xestións administrativas. Todo isto permite optimizar os procesos e coñecer a xestión da tenda en tempo real, facilitando a toma de decisións e contribuíndo a unha maior axilidade, especialmente na xestión dos produtos frescos.