Transporte productos Mercadona

Mercadona entrégalle á Federación Galega de Bancos de Alimentos máis de 3.200 quilos de produtos de primeira necesidade

13 de novembro de 2019
  • Mercadona reforza así o convenio que mantén coa entidade dende 2012.
  • Mercadona doou máis de 710 toneladas de alimentos en 2018 a diversas entidades benéficas e comedores sociais de Galicia.

Este mércores Mercadona doou á Federación Galega de Bancos de Alimentos máis de 3.200 quilos de produtos de primeira necesidade. Refórzase así o convenio de colaboración que ambas as dúas entidades manteñen dende 2012 e a través do que Mercadona doou á entidade produtos de primeira necesidade durante os últimos sete anos.

Mercadona usou a súa rede loxística para achegar a doazón ao almacén que o Banco de Alimentos da capital de Galicia ten no Polígono do Tambre. Na entrega estiveron  presentes José Pita, representando a Federación e Mariña Rivas, Xerente de Relacións Externas de Mercadona en Galicia. Pita agradeceulle a Mercadona "o seu continuo apoio e a súa solidariedade co labor das entidades que traballamos para axudar aos máis desfavorecidos". Rivas á súa vez recoñeceu "o gran labor que realiza o banco de alimentos contribuíndo a mellorar a situación das persoas con menos recursos”.

Acción social de Mercadona en Galicia

Con esta colaboración, a cadea de supermercados consolida o seu programa de axuda con diversas entidades sociais galegas, reforzando o seu compromiso co ámbito social onde desenvolve a súa actividade, xa que ademais das doazóns realizadas á Federación Galega de Bancos de Alimentos, Mercadona doa alimentos de primeira necesidade a outras entidades benéficas da comunidade como Cáritas e colabora diariamente con 12 comedores sociais situados en diferentes cidades de Galicia. A través de todas estas accións solidarias Mercadona doou en 2018 máis de 710 toneladas de alimentos a diversas entidades benéficas e comedores sociais da comunidade.

Responsabilidade Social de Mercadona

Mediante o seu plan de acción social, Mercadona ten o compromiso de devolverlle á  sociedade parte do que recibe dela, por iso apoia e colabora con diversas institucións e entidades sociais que lles axudan a moitas persoas en España. En 2018, a través de distintas iniciativas, a compañía doou 8.300 toneladas de produtos a bancos de alimentos, comedores sociais e outras entidades benéficas, o que equivale a 140.000 carros da compra.

A Federación Galega de Bancos de Alimentos

FEGABAN é unha organización independente sen ánimo de lucro baseada no voluntariado e cuxo obxectivo principal é a consecución e o aproveitamento dos alimentos excedentes con intención de facelos chegar aos centros asistenciais, e a través deles ás familias e ás persoas necesitadas. A súa rede de axuda atende máis de 100.000 persoas a través de máis de 670 asociacións. Fundouse en xullo de 2007 co obxectivo de coordinar o traballo dos distintos bancos de alimentos da comunidade galega para conseguir atender a maior cantidade de persoas necesitadas. Pero a súa contribución vai máis alá de reducir a fame, xa que ademais desenvolve labores de educación e concienciación sobre a problemática alimentaria e as súas alternativas de solución, promove o voluntariado e axuda a desenvolver a conciencia solidaria.