Tenda exterior Mercadona

Mercadona doará diariamente produtos ao Comedor Social San Juan de Dios de Ciempozuelos e á Fundación Padre Garralda Horizontes Abiertos de Madrid

12 de novembro de 2019
  • A empresa de supermercados iniciou senllas colaboracións con estas entidades ás que lles entregará a diario produtos de primeira necesidade contribuíndo así á atención das máis de 80 persoas que son usuarias habitualmente do comedor social de Ciempozuelos e ás 95 que residen no centro que a Fundación ten en Las Tablas (Madrid).
  • Estes acordos súmanse á colaboración que Mercadona realiza con comedores de toda a Comunidade de Madrid, achegando, ademais dos alimentos, recursos loxísticos e humanos para poder realizar a doazón.

A compañía Mercadona deu inicio ás colaboracións co Comedor Social San Juan de Dios (Ciempozuelos) e á Fundación Padre Garralda Horizontes Abiertos de Madrid, pola que, no marco da responsabilidade social da compañía, se compromete a doar diariamente produtos de primeira necesidade a estas entidades. A entrega destes produtos, aptos para o seu consumo pero non para a venda, segundo os criterios da empresa, realizarase grazas á achega tamén, por parte da empresa, dos recursos loxísticos e humanos que permiten que os alimentos cheguen en perfectas condicións de calidade e de seguridade alimentaria.

Dende o departamento de Relacións Externas de Mercadona indícase que "a empresa se sente moi satisfeita co inicio desta colaboración, que vén incrementar a doazón que realiza a empresa aos comedores sociais da CAM e que nos fai sentir orgullosos de poder achegar alimentos a aqueles que máis o necesitan".

Pola súa parte, tanto os responsables do Comedor Social San Juan de Dios como os da Fundación Padre Garralda, agradecéronlle a Mercadona a súa colaboración, que axuda a aumentar os seus recursos diarios con produtos que están en perfectas condicións para o seu consumo. O Irmán Superior do Comedor Social San Juan de Días, Casimiro Dueñas, destaca que "a colaboración de empresas como Mercadona permítenos axudarlle á xente máis necesitada, ofrecéndolle produtos coa máxima calidade. No noso labor resulta fundamental que empresas coma esta se impliquen con nós contribuíndo a que a vida dos máis desfavorecidos sexa un pouco mellor". Por parte da Fundación Padre Garralda, a súa Directora Xeral, Celia Ordoñez, destacou que "dende a Fundación Padre Garralda estamos moi contentos e agradecidos con esta colaboración que nos axuda no día a día do noso compromiso coas persoas que menos teñen".

Colaboración con comedores sociais da Comunidade de Madrid

O compromiso de Mercadona por devolverlle á Sociedade parte do que recibe dela é o que levou á empresa a avanzar e reforzar o seu Plan de Acción Social co apoio a diversas institucións e entidades sociais de todas as Comunidades Autónomas.

En concreto en Madrid, foron varios os comedores que se incorporaron nos últimos meses de localidades como Alcorcón, Móstoles ou Madrid Capital, que se suman aos que a compañía ten repartidos por toda a Comunidade. A eles, e ao Banco de Alimentos de Madrid, Mercadona realizoulles doazóns de máis de 400 toneladas de alimentos ao longo de 2018. A nivel nacional, Mercadona colabora con máis de 170 comedores sociais de toda España.