Entrega de produtos de primeira necesidade de Mercadona ao Banco de Alimentos de Madrid

Mercadona doa 11.700 quilos de produto de primeira necesidade ao Banco de Alimentos de Madrid

26 de novembro de 2021
  • A compañía afianza a súa colaboración co Banco de Alimentos de Madrid entregando produto de primeira necesidade.
  • Mercadona doou na rexión o equivalente a 14.500 carros da compra, un 115 % máis que no ano anterior.
  • Mercadona apoia e colabora con 21 comedores sociais da Comunidade e ademais co Banco de Alimentos e outras entidades sociais da rexión como Cáritas ou a Cruz Vermella.
  • En 2020 a compañía doou un total de 870 toneladas de alimentos de primeira necesidade tan só na Comunidade de Madrid.

Mercadona, compañía de supermercados físicos e de venda en liña, reforza o seu Modelo Responsable durante a situación excepcional que vive o país ocasionada pola Covid-19, e doa 11.700 quilos de produtos de primeira necesidade ao Banco de Alimentos de Madrid. En concreto, doou 24 palés de tomate frito e legumes cocidos.

Iván Díaz, responsable de Relacións Externas de Mercadona na Comunidade de Madrid, destaca que: “A compañía, no seu firme compromiso de estar ao lado dos colectivos máis desfavorecidos, intensifica o seu Modelo Responsable colaborando cos bancos de alimentos e comedores sociais da Comunidade de Madrid, onde doou 870 toneladas de alimentos en 2020. A situación de excepcionalidade que estamos vivindo é moi cambiante e require pola nosa parte axilidade nas nosas decisións e formulacións, cun único obxectivo: facer o que faga falta para dar resposta ás demandas das persoas máis necesitadas nesta situación de extraordinaria complexidade que estamos vivindo”.

Por outro lado, Gema Escrivá, Directora Xeral do Banco de Alimentos de Madrid, en nome da Fundación Banco de Alimentos de Madrid, quixo “agradecer a Mercadona esta importante doazón que nos vai permitir distribuír estes alimentos de primeira necesidade ás persoas máis desfavorecidas. Esta doazón chega nun momento moi oportuno xa que son alimentos básicos pre-cociñados e non necesitan para a súa preparación moitos recursos enerxéticos. Non podemos esquecer o incremento do custo da luz e do gas que lles afecta directamente ás persoas que estamos atendendo”.

Mercadona doou en 2020 un 115 % máis de produto respecto ao ano anterior, o equivalente a 14.500 carros da compra, a través da colaboración con máis de 17 comedores sociais, ademais de Bancos de Alimentos, a Cruz Vermella ou Cáritas de toda a rexión onde a compañía está presente.

Unha política de acción social sostible integrada na estratexia de RSE de Mercadona

Un dos compromisos que Mercadona mantén coa sociedade é devolver parte de canto recibe dela. Con este obxectivo, desenvólvese o Plan de Responsabilidade Social da compañía, que atende o compoñente social e ético a través de distintas liñas de actuación sostibles que reforzan a súa aposta polo crecemento compartido.

Xunto á doazón de alimentos, Mercadona colabora con 32 fundacións e centros ocupacionais na decoración das súas tendas con murais de trencadís, elaborados por máis de 1.000 persoas con discapacidade intelectual.

Outra liña estratéxica do Plan de Responsabilidade Social é a sostibilidade. Para iso, conta cun Sistema de Xestión Ambiental propio, baseado nos principios da economía circular e enfocado á optimización loxística, a eficiencia enerxética, a xestión de residuos, a produción sostible e a redución de plástico.

Nese sentido, Mercadona, xunto cos seus provedores Totaler, traballa na Estratexia 6.25 para conseguir en 2025 un triplo obxectivo: reducir un 25 % de plástico, que todos os envases deste material sexan reciclables, e reciclar todo o residuo plástico. Ademais, traballa no Proxecto de Distribución Urbana Sostible e na mellora da calidade do aire nas nosas cidades mediante camións e furgonetas propulsados por tecnoloxías máis limpas e eficientes.

Dende o ano 2011 é socio do Pacto Mundial das Nacións Unidas para a defensa dos valores fundamentais en materia de dereitos humanos, normas laborais, medio ambiente e loita contra a corrupción.

Entrega de produtos de primeira necesidade de Mercadona ao Banco de Alimentos de MadridResponsables do Banco de Alimentos de Madrid e de Mercadona durante a doazón.