BL Abrera.

Mercadona construirá o seu principal bloque loxístico regulador nunha parcela de Parc Sagunt

07 de decembro de 2016
  • O Consello de Administración do Parque Empresarial de Sagunto, S.L., acordou adxudicar a parcela Z-2 localizada na rúa Motor de Valero do parque empresarial Parc Sagunt, a Mercadona.
  • A súa localización estratéxica convértea nunha das mellores opcións para construír o seu Principal Almacén Regulador que forneza toda a rede loxística da compañía.

Mercadona, empresa de supermercados de capital 100% español e familiar, vai construír un novo bloque loxístico en Parc Sagunt logo de ser adxudicataria da parcela Z-2, localizada na rúa Motor de Valero deste parque empresarial da localidade valenciana de Sagunto.

O Consello de Administración de Parc de Sagunt, que representa a propiedade da parcela, participada ao 50% polo Instituto Valenciano de Competitividade Empresarial e por SEPI Desarrollo Empresarial, acordou no día de hoxe, logo de pasar os trámites administrativos pertinentes, aprobar a oferta presentada por Mercadona de 24 millóns de euros e a correspondente adxudicación da parcela Z-2.

O presidente da Generalitat Valenciana, Ximo Puig, destacou "o apoio crucial" que supón a construción do novo bloque loxístico de Mercadona após o desatasco de Parc Sagunt para conseguir que se convirta no grande centro loxístico da Comunitat Valenciana. "Demostra a confianza dunha grande empresa como Mercadona na nosa terra para se asentar aquí", sinalou o presidente, o cal supón "un impulso decisivo para toda a comarca e para a Comunitat".

Segundo Oriol Montanyà, Director Xeral de Loxística de Mercadona, “os 358.270 metros cadrados da parcela de Parc Sagunt adquirida, sumados á súa estratéxica localización, convértena nunha das mellores opcións para reforzar os servizos loxísticos da compañía, coa construción en sucesivas fases do que significará o seu Principal Almacén Loxístico. A dita parcela é unha oportunidade para reforzar a nosa rede loxística, ao dotala do que será o noso Principal Almacén Regulador para o resto de bloques de todo tipo de referencias”. Do mesmo xeito, manifestou que “esta nova aposta vai permitir incrementar a nosa produtividade e optimizar a eficiencia do resto dos nosos almacéns para continuar, como é o noso obxectivo, a transportar cada vez máis con menos recursos”.

Igualmente Quico Fernández, Alcalde de Sagunto e membro do Consello de Administración de Parc Sagunt, expresou a súa satisfacción “porque este proxecto non só demostra que o grande esforzo que fixemos por reiniciar Parc Sagunt valeu a pena, senón porque estou convencido de que vai atraer moitos máis investimentos que en pouco tempo farán necesario ampliar o parque. Sagunto vai ser a vangarda da reindustrialización e da recuperación económica do noso país. Sempre se falaba de Parc Sagunt como o mellor polígono empresarial do Mediterráneo, pero as empresas non chegaban. Agora imos pasar do virtual ao real e ademais con Mercadona, a empresa valenciana máis importante”.

Do mesmo xeito, desde SEPI Desarrollo Empresarial  (SEPIDES) sinalan que unha das vías para a dinamización da actividade empresarial é o desenvolvemento de programas de revitalización económica a través do deseño, a urbanización e a promoción, en cooperación con organismos oficiais ou de maneira directa de parques empresariais, sendo a operación de venda da parcela Z-2, un claro exemplo da obtención de importantes resultados grazas á unión de distintas Administracións a prol do fomento e a revitalización industrial. A operación de venda da parcela Z-2 a Mercadona suporá un importante apoio para a zona de Sagunto, así como a dinamización e enriquecemento da zona.

Desde este novo e Principal Almacén Regulador abasteceranse á súa vez os demais almacéns repartidos por todo o territorio nacional, realizando unha vital función de pulmón subministrador dos mesmos, para garantir en cada caso os stocks necesarios de todo tipo de produtos, independentemente da orixe e o destino final dos mesmos.

Mercadona dispón actualmente dunha rede loxística eficiente con 13 bloques loxísticos e 3 almacéns satélite. En 2007 decidiu apostar por un novo modelo de almacén, un bloque loxístico intelixente, innovador e totalmente automatizado que aposta por postos de traballo de calidade nos almacéns. Neste novo bloque loxístico, que agora se comezará a deseñar, a compañía ten previsto replicar o seu modelo de almacén intelixente, xa que permite eliminar calquera tipo de manipulación e sobreesforzo innecesarios por parte dos traballadores, o que contribúe a previr o risco de accidentes laborais e, ademais, incrementa a produtividade e a eficiencia. 

Imaxe cabeceira: Fotografía panorámica do Bloque Loxístico de Abrera (Barcelona).