Novo supermercado de Mercadona en Las Palmas

Las Palmas - Mercadona abre un novo supermercado no Mercado Central

05 de outubro de 2023
  • A nova tenda supuxo un investimento de máis de 11 millóns de euros e conta cun cadro de persoal de 55 traballadores.
  • Trátase do primeiro supermercado que abre a compañía nun mercado municipal de Canarias e xa son 36 os que xestiona neste tipo de ámbito.

Mercadona inaugura hoxe un supermercado no Mercado Central, situado no número 24 da rúa Galicia. A instalación desta nova tenda, que conta cun cadro de persoal de 55 traballadores, supuxo un investimento de máis de 11 millóns de euros entre custos directos, indirectos e de ocupación. Ademais, na súa construción participaron 35 provedores que deron emprego a 160 persoas durante a fase de obras.

A inauguración desta tenda no Mercado Central é un fito importante para a compañía, pois trátase do primeiro supermercado que abre nun mercado municipal de Canarias. Mercadona, que aposta pola convivencia de todos os formatos comerciais como factor clave para o desenvolvemento dos barrios, está firmemente comprometida dende hai máis de dúas décadas coa revitalización dos mercados municipais, como poñen de manifesto as 36 tendas que xa xestionaba neste tipo de ámbito en España no momento do peche de 2022.

Este novo supermercado incorpora o modelo de tenda eficiente da compañía, dispoñible xa en 35 centros da provincia, que permite reducir ata un 40 % o consumo enerxético respecto ao modelo de tenda convencional. Neste sentido, conta por exemplo cunha mellora do illamento, tanto térmico como acústico, e cun sistema de iluminación LED automatizado que se regula segundo as zonas e os momentos do día para unha xestión enerxética moito máis responsable.

Ademais, e como parte, entre outras medidas, da súa achega á remodelación do mercado municipal, Mercadona instalou placas solares na cuberta do Mercado Central dentro da súa aposta por complementar a demanda enerxética con fontes renovables; reduce así as emisións e mellora o comportamento ambiental tanto da tenda como do conxunto do mercado municipal.

Cun horario de luns a sábado de 9:00 a 21:30 horas, a tenda dispón dunha chacinería con xamón cortado con coitelo e envasado, unha góndola central na perfumería para a cosmética especializada, servizo de zume de laranxa acabado de espremer, especialidades de sushi, unha nova sección de forno con rebandadora de pan ou pastelería refrixerada, entre outras novidades.

Tamén incorpora a sección “Listo para Comer”, que ofrece pratos listos para consumir servidos en envases fabricados con materiais naturais, como a cana de azucre (material compostable), o cartón ou o papel. A compañía dispuxo unha área de descanso con mesas e cadeiras onde os “Xefes” (como denomina Mercadona aos seus clientes) poden consumir o prato acabado de preparar e acompañalo con bebidas frías.

Tecnoloxía e ergonomía para os traballadores

Co obxectivo de facilitar as tarefas diarias dos traballadores, este novo supermercado inclúe múltiples medidas para mellorar a ergonomía e eliminar sobreesforzos, como o moble de caixa desenvolvido en colaboración co Instituto de Biomecánica de Valencia. A tenda dispón á súa vez de zonas comúns para que os empregados gocen dunha maior comodidade nos seus momentos de descanso, así como un comedor equipado e uns armarios persoais amplos e cómodos.

Ademais, o novo supermercado está completamente conectado tecnoloxicamente mediante a integración dunha serie de dispositivos electrónicos e ferramentas colaborativas para que os traballadores poidan compartir información dende calquera sección da tenda; isto facilita a autoxestión de cada supermercado e axiliza os procesos de toda a cadea.

Mercadona en Canarias

Mercadona conta con 86 supermercados e dous bloques loxísticos en Canarias que suman un cadro de persoal de 4.630 persoas con emprego estable e de calidade. Dentro da súa aposta polo tecido produtivo canario, colabora con máis de 120 provedores de produto e 600 provedores non comerciais nos que investiu preto de 750 millóns de euros en compras durante 2022.

Ademais, e no marco do compromiso que mantén coa sociedade das Illas, en 2022 doou preto de 1.700 toneladas de alimentos e produtos de primeira necesidade a máis de 50 comedores sociais e entidades benéficas de Canarias.

Interior tenda Mercadona do Mercado Central de Las PalmasSección de Listo para Comer do supermercado situado no Mercado Central en Las Palmas.

Logo Mercadona tenda de Las PalmasPrimeira tenda de Mercadona nun mercado municipal de Canarias.