Novo logo de Mercadona

Guipúscoa – Mercadona inaugura a súa primeira tenda en Donostia / San Sebastián

04 de decembro de 2017
  • Esta nova tenda é a primera situada en Donostia / San Sebastián, así como a primeira abertura co Novo Modelo de Tenda Eficiente de Mercadona en Euskadi.
  • Está completamente conectada tecnoloxicamente, presenta un deseño e unhas seccións renovadas que melloran a experiencia total de compra dos clientes, cun aforro enerxético de até un 40% respecto dunha tenda tradicional.
  • O novo supermercado supuxo un investimento de 1,4 millóns de euros e conta cun cadro de persoal de 40 traballadores con emprego estable e de calidade.
  • Na súa construción participaron unha media de 76 fornecedores, que deron emprego a 197 persoas durante a fase de obra.

Mercadona inaugura hoxe o seu primeiro supermercado en Donostia / San Sebastián, concretamente na rúa Fernando Múgica na zona de Belartza. Este supermercado, en que se investiron 1,4 millóns de euros, é o primeiro que abre co Novo Modelo de Tenda Eficiente de Mercadona en Euskadi. Conta cun cadro de persoal de 40 traballadores con emprego estable e de calidade e na súa construción participaron 76 fornecedores que deron emprego a 197 persoas durante a fase de obra.

A nova tenda eficiente de Mercadona en Donostia / San Sebastián conta cunha superficie de sala de vendas de 1.500 metros cadrados e dispón dun deseño totalmente renovado respecto do anterior modelo de tenda con novas cores e materiais, quer na fachada exterior de acceso ao supermercado quer na distribución das diferentes seccións. Aposta por amplos espazos diáfanos que facilitan a entrada de luz natural e cores cálidas na delimitación dos diferentes ambientes.

Novidades en todas as seccións

Ademais, presenta novidades en todas as seccións das que se benefician tanto os “Xefes” (clientes) como os traballadores, os fornecedores e a sociedade. Dispón dunha nova entrada con duplo acristalado que evita correntes de aire, de andeis específicos para o leite fresco e os zumes refrixerados, dun novo punto de acabado para a carne, dunha nova chacinería con xamón ao corte e dunha góndola central na perfumería para a cosmética especializada. Así mesmo, conta cunha nova exposición na peixería para os produtos de cuncha, cunha máquina de zume de laranxa acabado de espremer e cunha nova sección de forno con rebandadora de pan e pastelería refrixerada e mais envasada, entre outras novidades.

Este novo Modelo de Tenda Eficiente de Mercadona tamén procura ofrecer un mellor servizo para facilitar o acto de compra dos clientes mediante a ampliación dos corredores da froita e mais dos vexetais e de dous novos modelos de carros, moito máis ergonómicos e lixeiros.

Adicionalmente, co obxectivo de facilitar as tarefas cotiás dos traballadores, este novo supermercado inclúe múltiples medidas para mellorar a ergonomía e eliminar os sobreesforzos. Para o deseño do novo moble de caixa, Mercadona contou coa colaboración do Instituto de Biomecánica de Valencia. Para alén de dispor de zonas comúns para que os empregados gocen dunha maior comodidade nos seus momentos de lecer, así como dunha zona comedor máis equipada e duns armarios persoais máis amplos e cómodos.

Aforro enerxético e xestión totalmente informatizada: tenda eco-eficiente

A nivel medioambiental, tomáronse medidas que permiten reducir até nun 40% o consumo enerxético respecto do modelo de tenda convencional, por mor da mellora do illamento térmico e acústico, optimizando os materiais e o grosor de paredes e teitos e con novas arcas de conxelado máis eficientes enerxeticamente e respectuosas co medio ambiente. Alén de contar cun sistema de iluminación LED automatizado que se regula segundo as zonas e os momentos do día, para unha xestión enerxética moito máis eficiente. 

Do mesmo xeito, este novo Modelo de Tenda de Mercadona, completamente conectada tecnoloxicamente, integra unha serie de dispositivos electrónicos e ferramentas colaborativas para os traballadores, coas que poderen compartir información desde calquera sección da tenda, facilitando a autoxestión de cada supermercado e axilizando os procesos de toda a cadea. Entre os novos dispositivos encóntranse, por exemplo, a liña de caixas, as balanzas ou o uso de tabletas electrónicas que substitúen o papel para realizar as xestións administrativas. Todo isto permite optimizar os procesos e coñecer a xestión da tenda en tempo real, facilitando a toma de decisións e contribuíndo a unha maior axilidade, especialmente, na xestión dos produtos frescos. 

O horario de abertura do supermercado é de luns a sábado, de 09h15 a 21h15, e dispón dun aparcadoiro de 217 prazas para facilitarlles o acto de compra a todos os clientes que se movan en vehículo privado. Ademais, Mercadona habilitou o seu servizo a domicilio e a compra online.

Con esta nova abertura, os clientes de Mercadona beneficiaranse da súa coñecida política comercial S.P.B. (Sempre Prezos Baixos), que a compañía emprega de xeito exclusivo e que consiste en garantir o menor prezo unitario dos produtos coa mellor calidade, de forma permanente. Grazas a isto, Mercadona pode ofrecerlles aos seus clientes unha variedade eficaz, con independencia de quen fabrique o produto, coa máxima calidade e ao mínimo prezo posible.  

Mercadona ten previsto para o exercicio 2017 investir 180 millóns de euros en reformar e renovar con este Novo Modelo de Tenda Eficiente 126 tendas repartidas por toda España, así como investir 5 millóns de euros en I+D+i en novas melloras informáticas.

Mercadona en Euskadi

Mercadona mantén a súa aposta decidida por Euskadi, onde conta con 14 tendas: 5 en Vitoria-Gasteiz (Áraba); tres en Bilbao, unha en Barakaldo e unha en Basauri (Biscaia); e unha en Irun, Eibar, Oiartzun e mais Donostia / San Sebastián (Guipúscoa). O seu cadro de persoal está composto por 731 persoas, con emprego estable e de calidade.

Está a construír un bloque loxístico en Vitoria-Gasteiz que vai supor un investimento de 50 millóns de euros, nunha primeira fase, así como a creación de 100 postos de traballo, e abastecerá os supermercados da zona norte.

Así mesmo, mantén relación comercial con 1.240 pemes desta comunidade e no 2016 realizou compras a fornecedores vascos por valor de 370 millóns de euros. A aposta de Mercadona polo produto local fixo que, durante a última campaña, comprase 236.000 quilos de pataca de Áraba, máis de 3.900 toneladas de peixe fresco nas costas biscaíñas e guipuscoanas e máis de 40.000 quilos de kiwi.

Dentro da súa responsabilidade social corporativa doou 166,8 toneladas de produtos de primeira necesidade grazas á súa colaboración coa Federación de Bancos de Alimentos de Euskadi, co comedor social Nuestra Señora de los Desamparados de Vitoria-Gasteiz, e coas Hermanitas de los Pobres de Bilbao e Vitoria-Gasteiz.