Logo nunha das portas dun novo supermercado eficiente Mercadona.

Granada – O supermercado Mercadona de Las Gabias reabre co novo Modelo de Tenda Eficiente da compañía

19 de maio de 2017
  • Este novo centro reabre após unha reforma integral cun investimento de 1,7 millóns de euros e coa participación de 15 fornecedores que deron emprego a máis de 89 persoas durante a fase de reforma.
  • O actual supermercado, completamente conectado tecnoloxicamente, presenta un deseño e unhas seccións totalmente renovadas que melloran a experiencia total de compra dos clientes, cun aforro enerxético de até un 40% respecto dunha tenda tradicional.
  • As compras de Mercadona a fornecedores granadinos acadou no ano pasado os 171 millóns de euros, cifra que supera nun 7% a do exercicio anterior.

Mercadona abre hoxe un novo supermercado en Las Gabias (Granada), concretamente no Paseo Carlos Cano, nº 71 (Urbanización Hijares) após unha reforma integral para o adaptar ao novo Modelo de Tenda Eficiente da compañía. Supuxo un investimento de 1,7 millóns de euros e a participación de 15 fornecedores que deron emprego a 89 persoas durante a fase de reforma. Este novo supermercado presenta un novo deseño que mellora a distribución, a decoración e a disposición de todas as seccións co obxectivo de mellorar e de optimizar a experiencia de compra dos seus "Xefes", como a compañía denomina internamente os seus clientes.

A nova tenda eficiente de Mercadona en Las Gabias conta cunha superficie de sala de vendas de 1.600 metros cadrados e dispón dun deseño totalmente renovado respecto do anterior modelo de tenda, con novas cores e materiais quer na fachada exterior de acceso ao supermercado quer na distribución das diferentes seccións. Deste xeito, apóstase por amplos espazos diáfanos que facilitan a entrada de luz natural e cores cálidas na delimitación dos diferentes ambientes.

Novidades en todas as seccións

Ademais, presenta novidades en todas as seccións e delas benefícianse tanto os “Xefes” (clientes) como os traballadores, os fornecedores e a sociedade. Por exemplo, dispón dunha nova entrada con duplo acristalado que evita correntes de aire, de andeis específicos para o leite fresco e para os zumes refrixerados, dun novo punto de acabado para a carne, dunha góndola central na perfumería para a cosmética especializada, dunha nova exposición na peixería para os produtos de cuncha e dunha máquina de zume de laranxa acabado de espremer, entre outras novidades.

Este novo Modelo de Tenda Eficiente de Mercadona tamén procura ofrecer un mellor servizo para facilitar a compra dos clientes mediante a ampliación dos corredores da froita e dos vexetais, dun novo modelo de cesta da compra e de dous modelos de carros, moito máis ergonómicos e lixeiros.

Adicionalmente, co obxectivo de facilitar as tarefas cotiás dos traballadores, este novo supermercado inclúe múltiples medidas para mellorar a ergonomía e eliminar os sobreesforzos. Para o deseño do novo moble de caixa, Mercadona contou coa colaboración do Instituto de Biomecánica de Valencia. Para alén de dispor de zonas comúns para que os empregados gocen dunha maior comodidade nos seus momentos de lecer, así como dunha zona comedor máis equipada e duns armarios persoais máis amplos e cómodos.

Aforro enerxético e xestión totalmente informatizada: tenda eco-eficiente

A nivel medioambiental, tomáronse medidas que permiten reducir até nun 40% o consumo enerxético respecto do modelo de tenda convencional, por mor da mellora do illamento térmico e acústico, optimizando os materiais e o grosor das paredes e dos teitos e con novas arcas de conxelado máis eficientes enerxeticamente e respectuosas co medio ambiente. Ademais, conta cun sistema de iluminación LED automatizado que se regula segundo as zonas e os momentos do día, para unha xestión enerxética moito máis eficiente.

Do mesmo xeito, este Novo Modelo de Tenda de Mercadona, completamente conectado tecnoloxicamente, integra unha serie de dispositivos electrónicos e ferramentas colaborativas para os traballadores, cos que poderen compartir información desde calquera sección da tenda, facilitando a autoxestión de cada supermercado e axilizando os procesos de toda a cadea. Entre os novos dispositivos encóntranse, entre outros, a liña de caixas, as balanzas ou o uso de tabletas electrónicas que substitúen o papel para realizar as xestións administrativas. Todo isto permite optimizar os procesos e coñecer a xestión da tenda en tempo real, facilitando a toma de decisións e contribuíndo a unha maior axilidade, especialmente, na xestión dos produtos frescos.

O horario de abertura do supermercado é de luns a sábado, de 09h00 a 21h30, e dispón dun aparcadoiro de 77 prazas para facilitarlles a compra a todos os clientes que se movan en vehículo privado. Ademais, Mercadona habilitou o seu servizo a domicilio e a compra online.

Con esta nova abertura, os clientes de Mercadona beneficiaranse da súa coñecida política comercial S.P.B. (Sempre Prezos Baixos), que a compañía emprega de xeito exclusivo e que consiste en garantir o menor prezo unitario dos produtos, coa mellor calidade, de forma permanente. Grazas a iso, Mercadona pode ofrecerlles aos seus clientes unha variedade eficaz, con independencia de quen fabrique o produto, coa máxima calidade e ao mínimo prezo posible.

Mercadona ten previsto para o exercicio 2017 investir 180 millóns de euros en reformar e renovar con este Novo Modelo de Tenda Eficiente 126 tendas repartidas por toda España, así como investir 5 millóns de euros en I+D+i en novas melloras informáticas.

Mercadona en Granada: Balance 2016

Mercadona conta con 38 tendas, un bloque loxístico situado no municipio de Guadix e un cadro de persoal de 1.993 traballadores con emprego estable e de calidade na provincia de Granada, onde no último exercicio se crearon 23 novos empregos. Mercadona non só recompensa o esforzo das súas traballadoras e traballadores cun soldo que se mantivo por riba da media do sector (o soldo mínimo bruto de entrada é de 1.297 euros/mes), senón que tamén comparte os beneficios obtidos por medio da súa política de retribución variable, e no seu compromiso co benestar dos traballadores, a compañía continuou a apostar pola conciliación familiar e laboral. Neste sentido, no caso de Granada 66 nais traballadoras optaron en 2016 por alongar en 30 días os catro meses de baixa maternal establecidos legalmente. 

Do mesmo xeito, a aposta de Mercadona polo sector agroalimentario granadino voltou ser unha constante. As compras da compañía a fornecedores de Granada ascenderon a 171 millóns de euros, cifra que supera nun 7% a do exercicio anterior.