Logos de Mercadona e de Fundación ONCE

Fundación ONCE e Mercadona apostan pola plena inclusión das persoas con discapacidade

05 de decembro de 2019
  • As dúas entidades levarán a cabo accións conxuntas en materia de emprego, accesibilidade universal e deseño destinadas a mellorar a calidade de vida dos traballadores con discapacidade.
  • Ambas as dúas entidades asinaron un convenio de colaboración.

Fundación ONCE e Mercadona asinaron un convenio de colaboración polo que se comprometen a traballar conxuntamente para mellorar a inclusión laboral das persoas con discapacidade.

O acordo asinárono Alberto Durán, vicepresidente executivo de Fundación ONCE, e José Elías Portalés, director de contratación de RRHH de Mercadona. Ao acto tamén asistiu Fernando Riaño, Director de Relacións Institucionais e Responsabilidade Social do Grupo Social ONCE.

Para Alberto Durán, a sinatura deste convenio supón unha grande oportunidade para as persoas con discapacidade. “Dende Fundación ONCE entendemos que soamente dende as alianzas podemos avanzar na igualdade de dereitos, na integración laboral e na eliminación de barreiras tal e como nos ordenou o noso fundador hai máis de trinta anos”, asinou. E proseguiu: “Sentímonos orgullosos de poder colaborar cunha organización tan innovadora como Mercadona, porque estou seguro de que o noso traballo dará importantes froitos”.

Pola súa parte, José Elías Portalés asegurou que “esta alianza entre Mercadona e Fundación ONCE vai crear grandes oportunidades e sinerxías entre as dúas organizacións. En Mercadona temos un modelo de xestión no que as persoas ocupan un papel central nas nosas decisións. O noso compromiso coa integración, a igualdade e a accesibilidade das persoas con discapacidade vai saír reforzado coa sinatura deste convenio”.

De acordo co documento, as dúas entidades levarán a cabo accións conxuntas en materia de emprego, accesibilidade universal e deseño destinadas a mellorar a calidade de vida dos traballadores con discapacidade.

O convenio ten carácter anual e renovarase de forma automática ata un máximo de cinco anos.

José Elías Portalés, director de contratación de RRHH de Mercadona, e Alberto Durán, vicepresidente executivo de Fundación ONCE durante a sinatura do convenioJosé Elías Portalés, director de contratación de RRHH de Mercadona, e Alberto Durán, vicepresidente executivo de Fundación ONCE durante a sinatura do convenio.

Fundación ONCE

Fundación ONCE é un instrumento de solidariedade da ONCE creado en 1988 para mellorar as condicións de vida doutros colectivos con discapacidade, mediante programas de inclusión laboral e formación, así como a difusión do concepto de accesibilidade universal, coa creación de ámbitos, produtos e servizos globalmente accesibles.

Unha política de acción social sostible integrada na estratexia de RSE de Mercadona

Un dos compromisos que Mercadona mantén coa sociedade é compartir parte de canto recibe dela. Co devandito obxectivo desenvólvese o Plan de Responsabilidade Social da compañía, que atende o compoñente social e ético a través de distintas liñas de actuación sostibles que reforzan a súa aposta polo crecemento compartido. Como parte desta política Mercadona traballa no Proxecto de Distribución Urbana Sostible e na mellora da calidade do aire nas nosas cidades mediante camións e furgonetas propulsados por tecnoloxías máis limpas e eficientes, así como na construción de cubertas axardinadas e xardíns verticais nas súas tendas.

Outra liña estratéxica do Plan de Responsabilidade Social de Mercadona é a sostibilidade medioambiental. Para iso, Mercadona conta cun Sistema de Xestión Ambiental propio, enfocado á optimización loxística, á eficiencia enerxética e á redución de residuos; parte deste sistema está baseado nos principios da Economía Circular e busca conxuntamente cos Provedores Totaler a conversión dos residuos en novos recursos.

Ademais, Mercadona colabora con 170 comedores sociais e 60 bancos de alimentos e outras entidades sociais de toda España, ás que doa diariamente alimentos, e participa en campañas de recollida de alimentos. Igualmente, traballa con 33 fundacións e centros ocupacionais na decoración das súas tendas con murais de trencadís, elaborados por máis de 1.000 persoas con discapacidade intelectual.

Mercadona é dende 2009 membro do Foro Europeo da Distribución para a Sostibilidade (REAP), un organismo copresidido pola Comisión Europea no que todos os seus participantes son auditados periódica e externamente en materia de sostibilidade. Ademais, é socio dende o ano 2011 do Pacto Mundial das Nacións Unidas para a defensa dos valores fundamentais en materia de Dereitos Humanos, Normas Laborais, Medio Ambiente e Loita contra a Corrupción.