CSIC e peixe de Mercadona

CSIC e Mercadona establecen unha colaboración para mellorar a seguridade e calidade dos produtos da pesca

26 de septembro de 2018
  • Persoal científico e técnico do Instituto de Investigacións Mariñas en Vigo (IIM) investigará os parasitos do peixe, especialmente o Anisakis, para que Mercadona poida consolidar unha cadea confiable nos seus produtos de pesca e mellorar a calidade e o servizo que lles ofrece aos seus clientes.
  • No proxecto “ANICHAIN”, que terá un ano de duración e no que participarán 6 provedores especialistas de peixe de Mercadona, vaise centrar nas especies que proceden de sistemas produtivos de pesca FAO 27, é dicir, do Atlántico Nordés.
  • O fin último é liderar, entre as dúas entidades, un cambio de paradigma na xestión dos riscos asociados a parasitos mediante un enfoque preventivo e innovador baseado na cadea de valor e na análise de riscos.

O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e Mercadona iniciaron unha colaboración para mellorar a seguridade e a calidade dos produtos da pesca por medio da investigación dos seus parasitos. Para iso, o Instituto de Investigacións Mariñas en Vigo (IIM), a través do grupo de investigación ECOBIOMAR e da súa Unidade Técnica de Biobanco, encargarase de analizar en profundidade o comportamento dos parasitos, especialmente do Anisakis. Este innovador estudo permitiralle a Mercadona trasladar as conclusións obtidas á xestión dos seus produtos de pesca co obxectivo de consolidar unha cadea confiable e mellorar  a calidade e o servizo que lles ofrece aos seus clientes.

O proxecto centrarase na análise das especies que proceden de sistemas produtivos de pesca FAO 27, é dicir, do Atlántico Nordés, e contará coa implicación de 6 provedores especialistas de peixe de Mercadona. En concreto, colaborarán Riveira Peixe Fresco, POSA, Mascato, Mastter, Abroma e Castletownbere.

“Con esta iniciativa, o organismo público de investigación e a empresa de distribución alimentaria unen esforzos, intereses e coñecementos co cometido de trasladar toda a evidencia científica ao produto para mellorar a excelencia de servizo ao cliente, reducindo a presenza do parasito nos lotes comerciais e capitalizando a organización mediante a educación sanitaria dos seus empregados e dos seus clientes”, explican Ángel F. González e Santiago Pascual, científicos do IIM-CSIC.

A colaboración entre as dúas entidades articúlase a través dun contrato de apoio tecnolóxico cunha duración inicial dun ano, que se inicia no mes de setembro deste ano con posibilidade de prórroga. A investigación desenvolverase no marco do proxecto “Estudo, deseño e aplicación dunha estratexia de análise de riscos para fortalecer as garantías de seguridade, calidade e calidez do peixe que comercializa Mercadona fronte a parasitos emerxentes e re-emerxentes (ANICHAIN)”, cuxo obxectivo é mellorar os seus aspectos de seguridade alimentaria e calidade.

Fases do proxecto

A finalidade do proxecto é xerar coñecemento, analizalo e distribuílo a través dun sistema eficiente que lle permita a Mercadona implantar unha plataforma de xestión de datos sobre riscos asociados a parasitos no peixe. Para alcanzar este obxectivo, contémplanse catro grandes fases.

A primeira, auditoría do produto a través da aplicación de novas metodoloxías de detección na fracción de stock explotado. A inspección de parasitos en orixe será realizada polos provedores de peixe de Mercadona, cuxos técnicos foron previamente formados polo IIM-CSIC.

A segunda fase iníciase unha vez finalizado o plan de vixilancia epidemiolóxica. Persoal do IIM analizará os devanditos resultados mediante ferramentas bioinformáticas e modelización bioestatística para coñecer a identidade do risco e os parámetros que inciden na presenza de parasitos nos seus lotes.

Posteriormente, dende o IIM deseñarase unha árbore de decisión para categorizar o risco nos lotes comerciais e os puntos críticos de control.

Por último, dende o Instituto de Investigación tamén se desenvolverá unha nova ferramenta de auto-aprendizaxe dirixida a varios actores da cadea de subministracións de Mercadona.

Máis información: Que medidas aplicar para previr o Anisakis.

O Instituto de Investigacións Mariñas

Dende 2006 o IIM-CSIC liderou e participou en varios consorcios nacionais e internacionais para a xestión de parasitose en produtos da pesca.

En 2013 aplicouse no instituto un servizo de biobancarización como infraestrutura singular que confire trazabilidade, orde e destino ás mostras analizadas e aos datos asociados nos programas de investigación consorciados.

En 2015 a devandita Plataforma conseguiu a norma de calidade ISO 9001. A través deste servizo articúlase a xestión de parasitos en especies de interese comercial, por primeira vez a nivel sectorial, para darlle garantías dunha cadea confiable na xestión do risco.