Fachada do novo supermercado eficiente de Mercadona en Petrer.

Alacante – Mercadona reforma co novo Modelo de Tenda Eficiente un supermercado en Petrer

28 de agosto de 2017
  • Esta tenda reabre após unha reforma integral cun investimento de 2 millóns de euros coa participación de 33 fornecedores, que deron emprego a 87 persoas durante a fase de reforma.
  • Este novo supermercado, completamente conectado tecnoloxicamente, presenta un deseño e unhas seccións totalmente renovadas que melloran a experiencia total de compra dos clientes, cun aforro enerxético de até un 40% respecto dunha tenda tradicional.

Mercadona reabre hoxe un supermercado en Petrer (Alacante), concretamente na avenida do Mediterráneo após unha reforma integral para o adaptar ao novo Modelo de Tenda Eficiente da compañía, cun investimento de 2 millóns de euros e a participación de 33 fornecedores que deron emprego a 87 persoas durante a fase de reforma. O novo supermercado presenta un novo deseño que mellora a distribución, a decoración e a disposición de todas as seccións co obxectivo de mellorar e optimizar a experiencia de compra dos seus "Xefes", como a compañía denomina internamente os seus clientes.

A nova tenda eficiente de Mercadona en  Petrer conta cunha superficie de sala de vendas de 1.800 metros cadrados e dispón dun deseño totalmente renovado respecto do anterior modelo de tenda con novas cores e materiais, quer na fachada exterior de acceso ao supermercado quer na distribución das diferentes seccións. Aposta por amplos espazos diáfanos que facilitan a entrada de luz natural e cores cálidas na delimitación dos diferentes ambientes.

Novidades en todas as seccións

Ademais, presenta novidades en todas as seccións das que se benefician tanto os “Xefes” (clientes) como os traballadores, os fornecedores e a sociedade. Dispón, por exemplo, dunha nova entrada con duplo acristalado que evita correntes de aire, de andeis específicos para o leite fresco e os zumes refrixerados, dunha máquina de zume de laranxa acabado de espremer, dun novo punto de acabado para a carne, dunha góndola central na perfumería para a cosmética especializada e dunha nova exposición na peixería para os produtos de cuncha, entre outras novidades.

Este novo Modelo de Tenda Eficiente de Mercadona tamén procura ofrecer un mellor servizo para facilitar o acto de compra dos clientes mediante a ampliación dos corredores da froita e dos vexetais, dun novo modelo de cesta da compra e de dous modelos de carros, moito máis ergonómicos e lixeiros.

Adicionalmente, co obxectivo de facilitar as tarefas cotiás dos traballadores, este novo supermercado inclúe múltiples medidas para mellorar a ergonomía e eliminar os sobreesforzos. Para o deseño do novo moble de caixa, Mercadona contou coa colaboración do Instituto de Biomecánica de Valencia. Para alén de dispor de zonas comúns para que os empregados gocen dunha maior comodidade nos seus momentos de lecer, así como dunha zona comedor máis equipada e duns armarios persoais máis amplos e cómodos.

Aforro enerxético e xestión totalmente informatizada: tenda eco-eficiente

A nivel medioambiental, tomáronse medidas que permiten reducir até nun 40% o consumo enerxético respecto do modelo de tenda convencional, por mor da mellora do illamento térmico e acústico, optimizando os materiais e o grosor de paredes e teitos e con novas arcas de conxelado máis eficientes enerxeticamente e respectuosas co medio ambiente. Ademais, conta cun sistema de iluminación LED automatizado que se regula segundo as zonas e os momentos do día, para unha xestión enerxética moito máis eficiente. 

Do mesmo xeito, este Novo Modelo de Tenda de Mercadona, completamente conectada tecnoloxicamente, integra unha serie de dispositivos electrónicos e ferramentas colaborativas para os trabajadores, coas que poderen compartir información desde calquera sección da tenda, facilitando a autoxestión de cada supermercado e axilizando os procesos de toda a cadea. Entre os novos dispositivos encóntranse, entre outros, a liña de caixas, as balanzas ou o uso de tabletas electrónicas que substitúen o papel para realizar as xestións administrativas. Todo isto permite optimizar os procesos e coñecer a xestión da tenda en tempo real, facilitando a toma de decisións e contribuíndo a unha maior axilidade, especialmente, na xestión dos produtos frescos. 

O horario de abertura do supermercado é de luns a sábado, de 09h00 a 21h30 horas, e dispón dun aparcadoiro de 195 prazas para facilitarlles o acto de compra a todos os clientes que se movan en vehículo privado. Alén diso, Mercadona habilitou o seu servizo a domicilio e a compra online.

Con esta nova abertura, os clientes de Mercadona beneficiaranse da súa coñecida política comercial S.P.B. (Sempre Prezos Baixos), que a compañía emprega de xeito exclusivo e que consiste en garantir o menor prezo unitario dos produtos, coa mellor calidade, de forma permanente. Grazas a isto, Mercadona pode ofrecerlles aos seus clientes unha variedade eficaz, con independencia de quen fabrique o produto, coa máxima calidade e ao mínimo prezo posible.

Mercadona ten previsto para o exercicio 2017 investir 180 millóns de euros en reformar e renovar con este Novo Modelo de Tenda Eficiente 126 tendas repartidas por toda España, así como investir 5 millóns de euros en I+D+i en novas melloras informáticas.

Mercadona na provincia de Alacante

Mercadona conta con 101 supermercados nos 42 municipios en que está presente na provincia de Alacante que proporcionan emprego estable a máis de 4.864 traballadores. Por outro lado, cómpre destacarmos que Mercadona ten reforzado ao longo do ano pasado a súa responsabilidade social na provincia por medio de diferentes iniciativas, con máis de 20.300 quilos de alimentos doados á Fundación Banco de Alimentos de Alacante. Para alén de ter colaborado en múltiples "Operaciones Kilo" coa Cruz Vermella, Caritas e outras entidades benéficas, e en iniciativas como a do Banco de Alimentos a través da súa campaña "El Gran Recapte", participando cos supermercados que ten en gran parte dos concellos da provincia. Desde o mes de xuño de 2016, Mercadona tamén colabora co Comedor Social da Asociación de Veciños La Prosperidad de San Gabriel en Alacante, doando acotío produtos que retiran da venda mais que están en perfecto estado para o seu consumo.

Imaxe de cabeceira: Fachada do novo supermercado eficiente Mercadona situado en Petrer (Alacante).