Bolsa de rafia de Mercadona.

Albacete – Mercadona abre o seu primeiro supermercado eficiente na cidade

28 de agosto de 2017
  • Esta tenda situada en Albacete capital reabre após unha reforma integral cun investimento de máis de 1,6 millóns de euros coa participación de 40 fornecedores, que deron emprego a máis de 200 persoas durante a fase de reforma.
  • Este novo supermercado, completamente conectado tecnoloxicamente, presenta un deseño e unhas seccións totalmente renovadas que melloran a experiencia total de compra dos clientes, cun aforro enerxético de até un 40% respecto dunha tenda tradicional.

Mercadona reabre hoxe un novo supermercado en Albacete capital, concretamente na avenida Julio Arquitecto Carrilero, 17, após unha reforma integral para o adaptar ao novo Modelo de Tenda Eficiente da compañía, cun investimento de máis de 1,6 millóns de euros e a participación de 40 fornecedores que deron emprego a máis de 200 persoas durante a fase de reforma. O novo supermercado presenta un novo deseño que mellora a distribución, a decoración e a disposición de todas as seccións co obxectivo de mellorar e optimizar a experiencia de compra dos seus "Xefes", como a compañía denomina internamente os seus clientes.

A nova tenda eficiente de Mercadona en Albacete conta cunha superficie de sala de vendas de 1.735 metros cadrados e dispón dun deseño totalmente renovado respecto do anterior modelo de tenda con novas cores e materiais, quer na fachada exterior de acceso ao supermercado quer na distribución das diferentes seccións. Aposta por amplos espazos diáfanos que facilitan a entrada de luz natural e cores cálidas na delimitación dos diferentes ambientes.

Novidades en todas as seccións

Ademais, presenta novidades en todas as seccións das que se benefician tanto os “Xefes” (clientes) como os traballadores, os fornecedores e a sociedade. Dispón, por exemplo, dunha nova entrada con duplo acristalado que evita correntes de aire, de andeis específicos para o leite fresco e os zumes refrixerados, dunha máquina de zumes de laranxa acabados de espremer, dun novo punto de acabado para a carne, dunha góndola central na perfumería para a cosmética especializada e dunha nova exposición na peixería para os produtos de cuncha, entre outras novidades.

Este novo Modelo de Tenda Eficiente de Mercadona tamén procura ofrecer un mellor servizo para facilitar o acto de compra dos clientes mediante a ampliación dos corredores da froita e dos vexetais, dun novo modelo de cesta da compra e de dous modelos de carros, moito máis ergonómicos e lixeiros.

Adicionalmente, co obxectivo de facilitar as tarefas cotiás dos traballadores, este novo supermercado inclúe múltiples medidas para mellorar a ergonomía e eliminar os sobreesforzos. Para o deseño do novo moble de caixa, Mercadona contou coa colaboración do Instituto de Biomecánica de Valencia. Para alén de dispor de zonas comúns para que os empregados gocen dunha maior comodidade nos seus momentos de lecer, así como dunha zona comedor máis equipada e duns armarios persoais máis amplos e cómodos.

Aforro enerxético e xestión totalmente informatizada: tenda eco-eficiente

A nivel medioambiental, tomáronse medidas que permiten reducir até nun 40% o consumo enerxético respecto do modelo de tenda convencional, por mor da mellora do illamento térmico e acústico, optimizando os materiais e o grosor de paredes e teitos e con novas arcas de conxelado máis eficientes enerxeticamente e respectuosas co medio ambiente. Ademais, conta cun sistema de iluminación LED automatizado que se regula segundo as zonas e os momentos do día, para unha xestión enerxética moito máis eficiente. 

Do mesmo xeito, este Novo Modelo de Tenda de Mercadona, completamente conectada tecnoloxicamente, integra unha serie de dispositivos electrónicos e ferramentas colaborativas para os traballadores, coas que poderen compartir información desde calquera sección da tenda, facilitando a autoxestión de cada supermercado e axilizando os procesos de toda a cadea. Entre os novos dispositivos encóntranse, entre outros, a liña de caixas, as balanzas ou o uso de tabletas electrónicas que substitúen o papel para realizar as xestións administrativas. Todo isto permite optimizar os procesos e coñecer a xestión da tenda en tempo real, facilitando a toma de decisións e contribuíndo a unha maior axilidade, especialmente, na xestión dos produtos frescos. 

O horario de abertura do supermercado é de luns a sábado, de 09h00 a 21h30, e dispón dun aparcadoiro de 26 prazas para facilitarlles o acto de compra a todos os clientes que se movan en vehículo privado. Alén diso, Mercadona habilitou o seu servizo a domicilio e a compra online.

Con esta nova abertura, os clientes de Mercadona beneficiaranse da súa coñecida política comercial S.P.B. (Sempre Prezos Baixos), que a compañía emprega de xeito exclusivo e que consiste en garantir o menor prezo unitario dos produtos, coa mellor calidade, de forma permanente. Grazas a isto, Mercadona pode ofrecerlles aos seus clientes unha variedade eficaz, con independencia de quen fabrique o produto, coa máxima calidade e ao mínimo prezo posible.

Mercadona ten previsto para o exercicio 2017 investir 180 millóns de euros en reformar e renovar con este Novo Modelo de Tenda Eficiente 126 tendas repartidas por toda España, así como investir 5 millóns de euros en I+D+i en novas melloras informáticas.

Mercadona en Castela-A Mancha: 1.379 millóns de euros en compras a fornecedores castelán-manchegos

Mercadona conta en Castela-A Mancha con 78 supermercados e creou no último ano 40 postos de traballo fixos, até atinxir a cifra de 3.495 persoas, todas elas con contrato estable e de calidade. Con isto, a compañía reforzou o compromiso que mantén coa xeración de emprego estable na rexión.

Ademais, a aposta de Mercadona por Castela-A Mancha viuse reflectida nun volume de compras a fornecedores castelán-manchegos por valor de 1.379 millóns de euros, un 3% máis que o ano anterior. Un ano máis, o efecto dinamizador da compañía volveu ser unha constante, grazas á relación comercial que a empresa mantén con máis de 554 pemes castelán-manchegas e que, xunto aos seus fabricantes interfornecedores, se investiron máis de 61 millóns de euros en Castela-A Mancha xerando un total de 14.977 empregos directos e indirectos.