Mercadona e a Associació Celíacs elaboran unha guía sobre a etiquetaxe dos produtos sen glute

A Associació Celíacs de Catalunya e Mercadona editan unha guía para facilitar a comprensión da etiquetaxe dos produtos sen glute

25 de marzo de 2019
  • O novo Manual axudaralles ás persoas celíacas, aos seus familiares e amigos, e aos restauradores a dispoñer da información adecuada sobre a presenza ou a ausencia de glute nos alimentos.

Unha das preocupacións máis frecuentes que expresan as persoas celíacas é a dificultade de encontrar a información adecuada sobre a presenza ou a ausencia de glute nos alimentos que desexan consumir. Por iso, a Associació Celíacs de Catalunya, en colaboración coa cadea de supermercados Mercadona, editou o "Manual para facilitar a comprensión da etiquetaxe dos produtos sen glute". Esta guía ten o propósito de ofrecer a información necesaria para que as persoas celíacas entendan mellor a etiquetaxe dos produtos alimenticios e lles sexa máis fácil comprar de forma segura, con confianza e tranquilidade.

No manual infórmase sobre o seguinte:

  • A lexislación actual en materia de etiquetaxe dos alimentos
  • A contaminación cruzada en establecementos alimentarios
  • A clasificación dos alimentos segundo o seu contido en glute
  • O glute en medicamentos
  • O glute en cosméticos
  • O glute en material escolar

Ser conscientes do que comemos é importante para todos, pero as persoas que deben ter un control especial sobre un alimento concreto que prexudica a súa saúde deben estar moi alerta cando len e interpretan a etiquetaxe. Hoxe en día, o único tratamento para as persoas celíacas é seguir unha estrita dieta sen glute durante toda a vida. Polo tanto, é clave empoderalas para que poidan seguir a dieta correctamente, xa que o 40% a transgride e, nun 75% destes casos, fano de forma involuntaria. A transgresión da dieta, sexa voluntaria ou involuntaria, pódelle carrear graves problemas de saúde a longo prazo.

Por iso, é fundamental que as persoas celíacas dispoñan de toda a información posible para poder seguir a dieta sen glute correctamente e gozar así de boa saúde. “Dentro deste obxectivo enmárcase a edición do novo Manual para facilitar a comprensión da etiquetaxe dos produtos sen glute” sinala Olga Cuesta, presidenta da Associació Celíacs de Catalunya, que afirma que “a edición desta guía foi posible realizala grazas ao compromiso de Mercadona co colectivo celíaco”.

Associació Celíacs de Catalunya

Entidade constituída en 1977, somos a primeira organización creada en España en defensa dos intereses das persoas celíacas.

Dende a asociación apoiamos e asesoramos a persoa celíaca proporcionándolle información e formación que lle axude a conseguir unha mellor calidade de vida, e tamén á súa familia.

Traballamos para que a persoa celíaca teña cada vez maior acceso a produtos sen glute e máis opcións para comer fóra da casa con seguridade. Ademais, financiamos a investigación en patoloxías relacionadas coa inxestión de glute, traballando con profesionais médicos para mellorar o diagnóstico, a atención médica e o seguimento da enfermidade coa finalidade de coidar a súa saúde e evitar desenvolver enfermidades asociadas coa celiaquía.

Representamos o colectivo ante entidades e organismos públicos e privados.

Declarada Entidade de Utilidade Pública en 1982, representamos ás 525.000 persoas (75.000 celíacos e os 450.000 sensibles ao glute) que se estima que hai en Cataluña e Menorca afectadas por algunha patoloxía relacionada coa inxestión de glute, pero tamén somos o organismo referente para fabricantes, distribuidores, restauradores e empresas de servizo do sector.

Mercadona e o colectivo celíaco

Dende hai anos, Mercadona mantén un compromiso firme coas persoas celíacas. Actualmente ten unha ampla oferta de produtos libres desta proteína. Concretamente, dispón de 1250 produtos sen glute, claramente identificados na etiquetaxe. A relación da compañía co colectivo dos celíacos iníciase hai máis de 19 anos e nace como resposta á demanda de produtos sen glute por parte dos clientes celíacos ante a dificultade, tanto económica como xeográfica, de dispoñer deles. Como co resto da oferta, o obxectivo é ofrecer produtos de gran calidade e ao menor prezo posible.

Para poder ofrecer produtos sen glute coas maiores garantías, os provedores de Mercadona realizan constantes controis dos produtos e das materias primas coas que se elaboran. Nalgúns casos incluso se deseñan liñas ou fábricas específicas, e defínense procesos exclusivos para garantir a ausencia de glute. De feito, todos os provedores están certificados por empresas externas acreditadas nas normas de Seguridade Alimentaria máis estritas, onde se contempla a correcta xestión de alérxenos.

Cabe destacar o esforzo realizado no último ano nas seccións de forno e bolos frescos e conxelados, produtos lácteos e bebidas, nas que se introduciron novas referencias sen glute. Así mesmo, froito da innovación conxunta tanto cos clientes como cos provedores, a compañía segue traballando na definición dunha oferta para que os clientes celíacos poidan encontrar as mellores opcións nos lineais de todas as categorías de produtos.

Documento en español

 

Guía etiquetado de productos sin gluten

Descargar