Infórmate sobre os beneficios ou inconvenientes de darlle á túa mascota diferentes nutrientes.

Sabías que os cans e os gatos necesitan diferentes nutrientes?

04 de decembro de 2020

A alimentación do teu can ou gato debe ser completa e equilibrada segundo as súas necesidades. Existen unha serie de nutrientes e ingredientes que son fundamentais para o seu desenvolvemento e boa saúde. Descubre aqueles nutrientes fundamentais para o teu can e gato, contámoscho todo neste artigo.

Sabías que os gatos necesitan taurina?

Imagen Nutrientes mascotas 1

A taurina é un aminoácido fundamental para o correcto funcionamento da vista, o corazón ou o aparato reprodutor.

A maioría dos mamíferos pódena producir no seu organismo de maneira natural. Non obstante, os gatos e outros felinos non son capaces de sintetizar as cantidades suficientes de taurina para cubrir as súas necesidades.

Unha deficiencia de taurina na alimentación do gato está relacionada con problemas de saúde do corazón. No caso dos gatiños, asóciase con problemas de visión e audición e en gatas en período de cría poden xurdir problemas relacionados co feto.

Por isto, aínda que os ingredientes cárnicos poidan incorporar taurina na dieta, a mellor maneira de asegurar que o alimento leva a cantidade correcta de taurina é utilizar pensos enriquecidos en taurina.

A importancia dos Ácidos graxos Omega 3 e Omega 6

Imagen Nutrientes mascotas 2

Os ácidos graxos omega 3 e omega 6 xogan un papel fundamental tanto nos cans como nos gatos e son os responsables, entre outras cousas, do bo aspecto do pelo e da pel do animal. Ademais, contribúen ao correcto funcionamento da resposta antiinflamatoria. Tamén en cachorros, algúns destes ácidos graxos como o DHA contribúen ao seu desenvolvemento e colaboran na función cognitiva.

Algúns dos ácidos graxos Omega-3 e Omega-6 teñen que achegarse co alimento xa que os cans e gatos non poden producilos. Por esta razón denomínanse esenciais.

As mellores fontes de ácidos graxos Omega-6 encontrámolas na graxa de polo e de porco e nos aceites vexetais como o aceite de millo, xirasol ou soia.

Os ácidos graxos Omega-3 encóntranse principalmente no aceite de peixe, no aceite de soia e liñaza.

Beneficios da biotina no pelo de cans e gatos

Imagen Nutrientes mascotas 3

A biotina tamén chamada vitamina do pelo, é unha vitamina do grupo B e unha das vitaminas máis importantes á hora de coidar o pelo e a pel das nosas mascotas: Axuda á rexeneración das capas externas da pel e favorece o mantemento das almofadiñas e uñas.

Aínda que as necesidades nutricionais de biotina sexan baixas, é ben coñecido que enriquecer os pensos con esta vitamina é fundamental para axudar a manter un pelo san, sedoso e brillante.

Beneficios das principais vitaminas que leva o alimento

As vitaminas e os minerais son micronutrientes imprescindibles tanto para a vida humana como animal. Non obstante, a maioría das vitaminas non poden ser sintetizadas polo organismo, polo que é necesario obtelas a través dos alimentos. Por esta razón, as vitaminas e os minerais deben formar parte dunha dieta equilibrada nas nosas mascotas, que lles permita gozar dunha boa saúde.

Cada unha delas cumpre unha función específica e a súa carencia pode causar graves problemas de saúde.

Clasifícanse en diferentes grupos e algunhas das súas funcións son: Vitamina A (importante para unha correcta visión, desenvolvemento do esqueleto e fertilidade), Vitamina D (importante para os ósos e dentes), Vitamina E (antioxidante natural que axuda á resposta do sistema inmunitario), Vitamina C (importante para os ósos, fígado e formación do coláxeno), etc.

É importante ter en conta que, tan malo é un déficit de vitaminas como un exceso destas, aínda que un exceso de vitaminas a través da dieta adoita ser moi pouco frecuente, sobre todo cando se inxiren alimentos nutricionalmente equilibrados. Polo que é importante non utilizar suplementos cando se está usando un alimento completo xa que este achega todas as vitaminas necesarias para a nosa mascota.

Que achegan os minerais no alimento? De onde se obteñen?

Texto 4 Imagen Nutrientes mascotas

Os minerais son uns elementos inorgánicos esenciais para o adecuado funcionamento do organismo, que están presentes na maioría dos alimentos. Algúns deles son o calcio, fósforo, magnesio, sodio, potasio, ferro, cobre, iodo, etc.

Os minerais interveñen en diferentes procesos dentro do organismo, xa que forman parte de estruturas como os ósos ou os dentes, interveñen na transmisión do impulso nervioso, participan en reaccións encimáticas, na formación de hormonas e tamén en procesos metabólicos.

Outras recomendacións

Coñeces as funcións dos diferentes compoñentes na alimentación de cans e gatos?