Descubre as características do alimento húmido para a túa mascota e como podes combinalo co seco.

O alimento húmido na dieta da túa mascota

12 de novembro de 2020

O teu can ou gato prefire o alimento húmido ao seco? Sabes como debes engadilo á súa dieta e que cousas importantes debes ter en conta antes de darllo? Contámoscho todo neste artigo!

Que se entende por alimento húmido?

Considérase alimento húmido aquel que ten un contido en humidade igual ou superior ao 60 %.

Pode alimentarse o meu can ou gato só con alimento húmido?

Texto 1 Imagen alimento húmedo

A resposta é si, pero só se o alimento húmido que imos utilizar é un alimento completo. É dicir, unicamente se se dá esta condición poderemos alimentar a nosa mascota de forma exclusiva con este tipo de penso húmido, xa que un alimento completo cobre todas as súas necesidades nutricionais.

Podemos saber que un alimento húmido é un alimento completo revisando a etiqueta do produto. Se no envase se indica que é un alimento complementario, non se pode usar exclusivamente para a ración diaria, a menos que se utilice en combinación con outro alimento completo, ben húmido ou seco.

Polo que, se queremos que a nosa mascota utilice só alimentos húmidos, debemos usar aqueles que sexan considerados alimentos completos.

Diferenzas na achega nutricional fronte ao alimento seco

En xeral, se os alimentos húmidos e os secos son alimentos completos, a achega será, en ambos os dous casos, a adecuada para a correcta alimentación das nosas mascotas.

Non obstante, os alimentos húmidos son menos calóricos debido ao seu alto contido en auga e, polo tanto, deberemos darlle máis cantidade para achegar as mesmas calorías que cun alimento seco. Polo que a ración dun alimento húmido será maior que a dun alimento seco.

Tamén nos pode chamar a atención o menor contido en proteína, graxa ou fibra deste tipo de produtos se os comparamos co penso seco. Isto é debido ao elevado contido en humidade, xa que encontramos estes nutrientes máis diluídos no alimento. Por iso, é necesario inxerir unha maior cantidade de alimento húmido que dun seco para achegar a mesma cantidade de nutrientes.

Pódese combinar o alimento húmido co seco?

Texto 2 Imagen alimento húmedo

Alternar alimentos secos e húmidos na alimentación pode achegar máis variedade e gozo ás nosas mascotas e, en determinadas situacións, pode resultar positivo para a súa saúde.

Se queremos usar unha alimentación mixta, podemos ir alternando alimentos secos durante unha tempada e logo usar alimentos húmidos durante outro período de tempo. O recomendable é realizar estes cambios de maneira progresiva para evitar problemas dixestivos no caso de animais sensibles ou que non estean acostumados aos cambios de alimentación frecuentes.

É recomendable mesturar no mesmo comedeiro alimento húmido e seco?

Texto 3 Imagen alimento húmedo

Non é recomendable, sobre todo se son dous alimentos completos xa que, se non controlamos adecuadamente as doses de ambos os dous produtos, o que estamos facendo é sobrealimentar o animal.

Ademais, mesturalos nun mesmo cunco fai que se alteren as características do alimento seco. Humedécese a croqueta e faise máis branda, polo que vai perder o efecto beneficioso que pode ter na mastigación, ademais de poder producirse problemas de crecemento microbiano nas croquetas se non se limpa adecuadamente o comedeiro da nosa mascota.

A conclusión é que podemos facer unha alimentación mixta, alternando as dúas clases de alimento, húmido e seco, pero non mesturalos, xa que desta maneira poderemos beneficiarnos das vantaxes de ambos os dous tipos de alimentación.

Vantaxes e inconvenientes do alimento húmido fronte ao seco

Texto 4 Imagen alimento húmedo

Vantaxes

  • Adoitan ser alimentos moi apetecibles, polo que poden resultar moi útiles para estimular a comer a animais convalecentes e tamén a mascotas con problemas de apetito ou caprichosas coa comida.
  • Son máis brandos que un alimento seco, así que adoitan ser alimentos de elección para os cans ou gatos que perderon pezas dentais ou teñen algún problema na boca que lles impide mastigar correctamente.
  • Ao tratarse de envases pequenos e monodose, adoitan ser máis cómodos de transportar e ideais para viaxar.
  • Este tipo de alimentos son unha fonte extra de hidratación. No caso dos gatos, que adoitan ser animais remisos a beber auga, podemos conseguir que á vez que comen inxiran auga, dado o alto contido en humidade deste alimento

Inconvenientes

  • Dado o seu alto contido de auga, a dose diaria necesaria para cubrir os requirimentos nutricionais adoita ser bastante máis elevada que a dun alimento seco.
  • Unha vez abertos, hai que prestar especial atención á súa conservación e deben conservarse en frío, xa que o seu alto contido en auga pode facilitar o crecemento de microorganismos.
  • Ao seren alimentos brandos e fáciles de mastigar non exercen un efecto de limpeza sobre a superficie dos dentes como se consegue cun alimento seco.

Outras recomendacións

Infórmate ben sobre o papel dos alimentos completos e complementarios na dieta da túa mascota.