Coñeces os compoñentes nutricionais da comida da túa mascota? Explicámosche o que achega cada un deles.

Compoñentes da alimentación de cans e gatos. Cales son as súas funcións?

06 de outubro de 2020

Cada un dos nosos envases de pensos para cans e gatos leva impresa unha táboa de compoñentes analíticos, que é conveniente que teñamos en conta á hora de adquirir calquera destes produtos.

Que significa a táboa de compoñentes analíticos?

Esta táboa indica a composición analítica do penso, de forma moi similar á información nutricional que conteñen os envases de alimentos destinados para a alimentación humana.

Segundo a lexislación vixente, no caso de alimentos “completos” e “complementarios” para cans e gatos, deben aparecer reflectidos os niveis de:

  • Proteína
  • Contido de graxa
  • Fibra bruta
  • Materia inorgánica (minerais)

Pola súa parte, o contido en humidade é necesario que apareza en alimentos se este é superior ao 14%.

Así pois, esta táboa indícanos a cantidade expresada en porcentaxe dos diferentes compoñentes nutricionais do alimento. Analizamos a continuación cada un deles:

Proteína

Texto 1 Imagen Componentes alimentación

A proteína é importante para o mantemento das funcións vitais e da musculatura das nosas mascotas, xa que é fonte de aminoácidos esenciais e de nitróxeno.

Un alimento con maior porcentaxe de proteína é mellor?

Un maior contido de proteína non quere dicir que un penso sexa mellor dende o punto de vista nutricional, xa que cada tipo de alimento está deseñado para una clase de animal ou estado fisiolóxico específico. Por exemplo, non ten a mesma necesidade de proteína un cachorro, que está en fase de crecemento e, polo tanto, necesita un nivel maior deste nutriente, que un animal adulto ou en etapa sénior.

A calidade da proteína tamén é moi importante, xa que canto maior sexa a dixestibilidade da proteína, é dicir, canta realmente absorbe o organismo tras ser consumida, menor será a cantidade que necesitaremos para satisfacer todas as necesidades do animal.

Problemas causados por un exceso de proteína

En xeral, o equilibrio é clave para unha nutrición saudable das nosas mascotas, polo que se aconsella que a alimentación estea baseada en alimentos balanceados. Así, dietas cun exceso de proteína non son recomendables, xa que ao aumentala pode ocasionar carencias doutros nutrientes esenciais.

Ademais, a diferenza do que acontece coas graxas e os hidratos de carbono, o organismo non almacena o exceso de aminoácidos para o seu uso futuro. Todos os animais de compañía teñen a capacidade de metabolizar o exceso de proteínas. Polo tanto, achegar un contido de proteínas superior ao que a nosa mascota pode asimilar, supón que este exceso se perda mediante a urina a través da urea.

Por outra parte, en animais que teñan algún tipo de patoloxía específica, como enfermidades renais e hepáticas, un exceso de proteína pode producir unha superabundancia de amoníaco no sangue, potencialmente moi perigosa para eles.

Tamén hai certas razas, como pode ser a dálmata que, debido a un problema xenético, non metabolizan adecuadamente o ácido úrico, o que ocasiona problemas de formación de cristais de urato na urina. Neste tipo de animais, o recomendable é utilizar dietas especiais cun contido de proteína reducido.

Non obstante, en animais sans o organismo é capaz de eliminar o exceso de proteína, principalmente a través da urina.

É certo que os gatos necesitan maior proteína que os cans?

Así é. Isto é debido a que os gatos teñen unha capacidade limitada para adaptar o seu metabolismo aos alimentos baixos en proteína.

Os gatos necesitan unha grande achega de proteína, porque o seu metabolismo baséase no emprego desta como fonte principal de enerxía grazas á alta actividade das encimas hepáticas. Ademais, os gatos teñen escasa capacidade para reter e conservar o nitróxeno e os aminoácidos esenciais, e teñen abundantes perdas de nitróxeno na urina.

Se a cantidade de proteínas na dieta do gato é insuficiente ou de baixa calidade, o resultado é unha perda de masa corporal magra que pode reducir a capacidade do organismo para responder ante axentes infecciosos, moi especialmente ante situacións de estrés. Así mesmo, existen algúns aminoácidos esenciais como a taurina, que non pode ser sintetizada polo gato e ten que ser achegada a través da dieta.

Graxa

Texto 2 Imagen Componentes alimentación

Cales son os beneficios e inconvenientes da graxa do alimento? A graxa actúa como fonte de enerxía e ademais facilita a absorción, o almacenamento e o transporte de vitaminas liposolubles, como as A, D, E e K. Tamén é fonte de ácidos graxos esenciais, que manteñen a integridade funcional das membranas celulares e interveñen na coagulación sanguínea, no crecemento e desenvolvemento do sistema nervioso, no mantemento da integridade da pel e do pelo e na reprodución e fertilidade.

Unha achega excesiva de graxa na dieta, leva consigo unha maior inxestión de enerxía e pode provocar obesidade no animal e ocasionar outras patoloxías asociadas.

Fibra

Texto 3 Imagen Componentes alimentación

Respecto aos beneficios da fibra, esta actúa como unha fonte fermentable de hidratos de carbono e contribúe á actividade intestinal e a unha boa calidade das deposicións.

Ademais, contribúe ao control do azucre e colesterol no sangue, axuda ao mantemento do peso corporal (xa que o seu consumo diminúe a sensación de fame e, polo tanto, diminúe a inxestión do animal). Tamén é coñecido o efecto sobre a poboación microbiana do colon, favorecendo o seu crecemento e axudando desta maneira a minimizar outro tipo de bacterias patóxenas no intestino.

De que ingredientes se obtén a fibra?

A fibra achegada nos alimentos procede principalmente de cereais, vexetais, tubérculos, legumes e froitas incluídas no penso.

Materia inorgánica

Texto 4 Imagen Componentes alimentación

Tamén se coñece como “cinza bruta” e representa principalmente o contido en minerais do alimento. Estes son elementos inorgánicos esenciais para os procesos metabólicos do organismo. Divídese en:

  • Macroelementos, que son os que se encontran en cantidades apreciables no organismo, e inclúen o calcio, fósforo, magnesio, xofre, sodio, potasio e cloro.
  • Microelementos ou oligoelementos, que se encontran en cantidades moi pequenas no organismo, como son o zinc, manganeso, selenio...

Cales son as súas funcións e os seus beneficios? As principais funcións dos minerais poden clasificarse en 4 grupos:

  • Estrutural: constituíndo o esqueleto, músculos e os dentes dos animais.
  • Fisiolóxica: como electrólitos en distintos tecidos e fluídos.
  • Catalítica: como catalizadores encimáticos e hormonais.
  • Reguladora: interveñen na replicación celular e na regulación do organismo.

Outras recomendacións

Aprende a alimentar a túa mascota dependendo da súa etapa vital.