Logos Mercadona, Unión Xeral de Traballadores (UGT) e Comisións Obreiras (CCOO)

Mercadona implanta a xornada laboral de 5 días para o persoal dos seus supermercados

07 de xullo de 2020

Co obxectivo de continuar mellorando as medidas de conciliación laboral e familiar, nas que Mercadona é pioneira, e tras realizar unha proba en 31 das súas tendas.

  • Esta medida, que entrará en vigor o 3 de agosto, supón un fito para a compañía e para o sector da distribución, xa que as traballadoras e os traballadores poderán descansar 2 días completos á semana, así como gozar de 8 fins de semana longas ao ano.
  • O traballo levado a cabo dende o Observatorio do Convenio Colectivo, que a representación social e a empresa crearon en 2019 para impulsar medidas deste tipo, foi clave para axilizar a posta en marcha desta iniciativa.

Mercadona asinou co Comité Intercentros de Empresa, formado polos sindicatos Unión Xeral de Traballadores (UXT) e Comisións Obreiras (CCOO), a implantación en todos os seus supermercados da xornada laboral 5+2, que entrará en vigor o 3 de agosto de 2020.

Esta xornada laboral reforza o compromiso de Mercadona co emprego estable e de calidade. Así mesmo, consolida o seu compromiso coa posta en marcha de medidas pioneiras de conciliación laboral e familiar, que a compañía leva a cabo dende hai máis de 25 anos, cando decidiu iniciar o proceso de converter en fixo todo o cadro de persoal, instaurando unha forte aposta polo emprego estable e de calidade que, ano a ano, xunto coas achegas das traballadoras e dos traballadores, así como da representación sindical, continúa reforzando.

A nova medida, que se incorpora tras realizar unha proba de horarios en 31 supermercados da compañía, permitiralle a todo o persoal das tendas traballar 5 días á semana e gozar de 2 días de descanso. Pero, ademais, esta nova xornada laboral introduce unha iniciativa pioneira no sector, xa que todos os traballadores dos supermercados de Mercadona dispoñerán de 8 fins de semana longas ao ano (sábado, domingo e luns).

Esta medida de innovación laboral e social en Mercadona, que será unha realidade en todos os seus supermercados, é froito do compromiso da empresa coa creación de valor para o seu cadro de persoal; así como do labor de impulso realizado dende o Observatorio, cuxo diálogo fluído permite estudar e aplicar propostas como as hoxe acordadas entre Mercadona e os sindicatos.   

Ana Micó, Secretaria do Sindicato Sectorial de Comercio da FeSMC da UXT, recalcou que “dende a Unión Xeral de Traballadores valoramos positivamente o acordo de modificación substancial de condicións de traballo que hoxe rubricamos e que se revelou, dende o primeiro momento, como un referente no sector de comercio e en concreto no sector supermercados. Estamos ante a materialización do compromiso que asumiu UXT coas traballadoras e cos traballadores de Mercadona e que foi levado á negociación do convenio e concretado a través do Observatorio creado para articular a participación de todas as partes que, durante un ano e medio, traballamos para a consecución deste acordo, ao posibilitarlles ás persoas que traballan en Mercadona o gozo de 2 días de descanso semanais e de 8 fins de semana de calidade ao ano, compostas por sábado, domingo e luns. Na UXT contamos cun traballo de campo intenso e exhaustivo por parte dos nosos delegados e delegadas de Mercadona, que nos permitiu expoñer as necesidades do cadro de persoal de forma rigorosa e argumentada”.

Por outro lado, Ángeles Rodríguez, Responsable Estatal de Comercio da Federación de Servizos de CCOO valora positivamente esta iniciativa xa que este acordo supón un fito para o sector de supermercados en España. “O cadro de persoal de Mercadona vai ser o primeiro do sector en poder gozar de tres días libres seguidos: sábado, domingo e luns. Dende o Observatorio do Convenio Colectivo vimos analizando outras posibilidades de distribución da xornada laboral. Con este acordo, o cadro de persoal de Mercadona gozará de 5 días de traballo á semana e 2 días libres coa garantía de ter 8 fins de semana libres ao ano. Para CCOO este acordo é un exemplo do que se pode conseguir dende unha negociación con visión de futuro, e demostra que no sector de comercio se poden aplicar medidas que permitan unha mellor conciliación da vida laboral e persoal”.

Segundo a Directora de Relacións Laborais de Mercadona, Ruth García, “hoxe é un día moi especial para Mercadona porque a xornada laboral 5+2 representa un paso moi importante na mellora continua das condicións laborais que caracteriza á compañía dende hai máis de 25 anos. Durante todo este tempo, moitas foron as iniciativas incorporadas, dende apostar polo emprego estable e de calidade, a facelo de forma decidida pola igualdade; ou compartir o 25 % do beneficio xerado co cadro de persoal, reforzar as medidas de conciliación e que o salario mínimo en Mercadona sexa un 50 % superior ao Salario Mínimo Interprofesional cando unha persoa leva 4 anos na nosa empresa, algo que actualmente sucede co 90 % do cadro de persoal. Estamos convencidos de que este é o camiño para seguir mellorando. E tamén, de que ningunha destas medidas sería hoxe unha realidade sen o noso Modelo de Calidade Total e as achegas das traballadoras, dos traballadores e dos seus representantes sindicais. Son eles, sen dúbida, as persoas que formamos Mercadona, as que contribúen a que continuemos avanzando para estar á vangarda e ser pioneira en aspectos laborais e sociais”. 

Logo EActiVate