AVISO DE COOKIES

Este sitio web utiliza cookies propias e de terceiros coa finalidade de facer que a súa navegación sexa segura, facer análise estatística das visitas á web, así como coñecer o seu comportamento. Se desexa máis información pode consultar a nosa POLÍTICA DE COOKIES. Pode aceptar o uso de cookies pulsando "ACEPTAR" ou Configurar/Rexeitar o seu uso pulsando pulsando "CONFIGURAR/REXEITAR".

O Presidente da República Portuguesa visita o primeiro supermercado

Juan Roig recibe ao Presidente da República Portuguesa, Marcelo Rebelo de Sousa, no primeiro supermercado de Mercadona en Portugal

08 de xullo de 2019
  • Juan Roig, Presidente de Mercadona, recibiu esta tarde ao Presidente da República Portuguesa, Marcelo Rebelo de Sousa, para explicarlle de primeira man o proxecto da compañía en Portugal.
  • A visita tivo lugar no primeiro supermercado de Mercadona en Portugal, inaugurado o pasado día 2 de xullo en Canidelo, Vila Nova de Gaia.

Mercadona, empresa de supermercados físicos e de venda en liña, recibiu esta tarde a visita do Presidente da República Portuguesa, Marcelo Rebelo de Sousa, para presentarlle de primeira man e darlle a coñecer os detalles do proxecto de Mercadona en Portugal.

A visita tivo lugar no supermercado Canidelo en Vila Nova de Gaia, que abriu as súas portas ao público o pasado martes día 2 de xullo e que, ao longo da súa primeira semana, tivo unha grande afluencia de “xefes” (clientes). A esta visita asistiron ademais o Presidente da Cámara de Vila Nova de Gaia, Eduardo Vítor Rodrigues, e a Presidenta da Junta Parroquial de Canidelo, María José Gamboa.

Juan Roig, Presidente de Mercadona, agradeceulle ao Presidente da República, Marcelo Rebelo de Sousa, a súa visita ao supermercado Canidelo e destacou que "a apertura deste supermercado no noso país irmán e veciño, Portugal, supuxo un fito histórico para a compañía". Tamén lles agradeceu a todos os empregados do supermercado o gran traballo que están realizando para ofrecer un excelente servizo aos "xefes” (clientes).

Durante a visita, o Presidente Marcelo Rebelo de Sousa mostrouse sorprendido polo investimento realizado pola empresa en tan pouco tempo, referíndose ao traballo creado e á perspectiva de abrir tendas para os próximos anos.

Mercadona en Portugal

Dende que anunciou a súa entrada en Portugal en 2016, a premisa da compañía sempre foi: "Ser unha empresa co Modelo de Calidade Total portuguesa, de orixe española e con sede en València; e en Portugal, somos portugueses”. O primeiro paso importante foi a creación da empresa Irmãdona Supermercados SA, con domicilio fiscal en Portugal. A compañía ten a súa sede en Porto, onde se encontran as oficinas centrais, ademais das que xa existen en Lisboa.

En 2019, Mercadona planea investir 100 millóns de euros no seu proxecto en Portugal, aos que se suman os máis de 160 millóns de euros investidos ata o momento, de modo que o investimento total do proxecto da compañía superará os 260 millóns de euros dende que anunciou a súa entrada en Portugal en 2016. O investimento está dirixido principalmente á construción de supermercados; dun bloque loxístico situado na Póvoa de Varzim (Porto), recentemente completado sobre unha parcela de máis de 50.000 m2 e con dúas naves de 12.000m2, que servirán para desenvolver a actividade loxística en Portugal; e o desenvolvemento do Centro de Coinnovación situado en Matosinhos, un gran laboratorio de ideas de 1.000m2 que axuda ao equipo de Mercadona a definir, xunto cos clientes portugueses, a oferta de produtos en Portugal, totalmente adaptada ás necesidades deste mercado. Neste centro, os equipos de traballo estudan en detalle os gustos e hábitos de consumo do “xefe” portugués.

Ademais, Mercadona, para quen a figura do provedor é moi, moi, moi importante, colabora con 300 provedores portugueses dende hai anos. Neste sentido, realizou compras por valor de 203 millóns de euros dende que anunciou o seu proxecto en 2016, e ten previsto unhas compras en 2019 por valor de máis de 90 millóns de euros. Así mesmo, a compañía, que conta actualmente cun cadro de persoal de 900 traballadoras e traballadores portugueses, ten previsto alcanzar os 1.100 en 2019, continuando cos procesos de selección de todos os postos inicialmente previstos.

Imaxe de cabeceira: Presidente da República, Marcelo Rebelo de Sousa, Presidente de Mercadona, Juan Roig, Membros do Comité de Dirección de Mercadona e resto de membros do equipo de Mercadona.