Compra online
Ahora más sencillo y rápido
Quixera compartir con todos vós como se enfrontou Mercadona a 2022, a estes doce meses de incerteza que permaneceu entre nós. Atrás quedaron os escenarios predicibles e estables que, ata agora, como empresa, xestionabamos. Tivemos que reaccionar a un contexto cada vez máis complexo, aínda coa resaca da COVID-19 presente e, ademais, co conflito da guerra de Ucraína e os seus efectos, como o incremento do prezo da enerxía ou o das materias primas, escaseza incluída, que nos crearon unhas altas taxas de inflación.
A complexidade do contexto descrito provocou que, unha vez máis, cantos formamos Mercadona mostrásemos a nosa capacidade de adaptación ás circunstancias do ámbito. Porque se algo nos demostraron estes últimos anos é que non hai vantaxe competitiva fixa nin posición que non se poida cambiar.
A pesar de todo iso, e das situacións excepcionais afrontadas, Mercadona superouse novamente. Logrouno grazas ao esforzo, traballo, axilidade e capacidade de autocrítica do conxunto do seu cadro de persoal, comprometido cun modelo de empresa propio, que nos serve de guía en cada decisión que tomamos e que nos axuda a seguir avanzando como empresa nun propósito común: a satisfacción dos cinco compoñentes. Os meus máis sinceros parabéns ás 99.000 persoas que formamos Mercadona, porque, ante situacións excepcionais, superámonos cada día máis.
É no esforzo mental de todas elas, así como no dos 3.000 provedores de produto cos que colaboramos, onde radica o éxito do noso modelo de empresa, que nos permite adaptarnos con axilidade: detectar os problemas, pivotar para ter outra perspectiva, asumir os retos e aplicar solucións de forma conxunta. Grazas a esta forma de actuar, coa aplicación de distintas iniciativas, logramos mellorar a nosa xestión un ano máis.
Ademais deste avance, en 2022 realizamos un importante esforzo investidor, de 923 millóns de euros para seguir construíndo e consolidando Mercadona. Abrimos 63 novos supermercados entre España e Portugal, o que nos permitiu finalizar o exercicio con 1.676 tendas. Igualmente, inauguramos dúas novas Colmeas, almacéns destinados exclusivamente á preparación e repartición de pedidos para a venda en liña, en Alacant e Sevilla; e impulsamos a sección de Listo para Comer. Tamén seguimos avanzando na construción, reforma e adaptación dos bloques loxísticos e na innovación e no desenvolvemento de novas ferramentas informáticas, ao tempo que a primeira fase das novas oficinas en Albalat del Sorells (Valencia) se puxo en marcha e se reforzou o desenvolvemento do noso proxecto internacional en Portugal.
A todas esas iniciativas debemos engadir o extraordinario traballo dos provedores para desenvolver e mellorar produtos que, cunha calidade contundente, nos permiten ofrecer unha oferta eficaz. Un traballo de colaboración e captación que reforzou a Mercadona como o supermercado de confianza para os máis de 5,7 millóns de fogares que compran diariamente nalgún dos nosos supermercados. Sen esta confianza dos nosos “Xefes”, que como cada ano agradezo, o crecemento de Mercadona e a evolución das súas vendas, que se elevaron un 11,6 %, ata os 31.041 millóns de euros, non serían posibles.
Porque se de algo estamos moi orgullosos todos os que formamos Mercadona é, precisamente, da evolución e achega da nosa compañía á prosperidade do noso país. Unha empresa que xera riqueza, tal e como reflicte a nosa contribución directa e indirecta: 2.263 millóns de euros, un 12 % máis que en 2021. Ou a cifra de impostos directos, que superou os 390 millóns de euros, incrementándose un 13 % máis que o pasado exercicio. Así mesmo, Mercadona obtivo un beneficio en 2022 de 718 millóns, un 5,6 % máis. Este beneficio dá unha rendibilidade de 2 céntimos por euro, polo que somos conscientes do moito que podemos mellorar para avanzar na consolidación do Proxecto Mercadona.
A compañía non só está inmersa na creación de riqueza e benestar, tamén o está na creación de emprego estable e de calidade, como reflicten as cifras de 2022, ano en que incrementou o seu cadro de persoal entre España e Portugal en 3.200 persoas. Un equipo de 99.000 traballadoras e traballadores aos que Mercadona lles garantiu o mantemento do seu poder adquisitivo co anuncio dun incremento salarial en liña coa inflación, e cos que Mercadona compartiu, unha vez máis, os seus beneficios: 405 millóns de euros en concepto de prima por obxectivos, un 8 % máis que en 2021.
O noso modelo de prosperidade sostible tamén forma parte da relación que a compañía mantén coa sociedade. Moitas foron as iniciativas levadas a cabo centradas no desenvolvemento e benestar das persoas, dende a doazón de 1,5 millóns de euros para os refuxiados procedentes de Ucraína ata a de 25.100 toneladas de alimentos entregadas a entidades sociais, un 22 % máis que en 2021. Igualmente, Mercadona, consciente do moito que pode seguir contribuíndo unha xestión sostible a preservar e protexer o planeta, seguiu inmersa no seu compromiso medioambiental, que aborda a través da implantación da súa política de residuos, pegada de carbono e hídrica.
Finalizado 2022, iniciamos un novo exercicio no que, ademais do xa consabido ámbito de incerteza e da nosa preocupación pola alta inflación, debemos superar un novo reto: o derivado dos elevados tipos de xuro, que traerán como consecuencia unha perda do poder adquisitivo dos nosos “Xefes” e un impacto evidente na cesta da compra. Conscientes diso, en Mercadona xa trazamos o camiño, para o que o noso modelo de empresa, honestidade, autocrítica e esforzo diario son factores clave. Superar estes retos dependerá exclusivamente do noso esforzo individual e colectivo; da nosa capacidade para avanzar cara a Totaler Radical, ofrecendo sempre produtos cunha calidade contundente que lles dea aos nosos “Xefes” a posibilidade de acertar. Estamos seguros de que se todos e cada un de nós cumpre os obxectivos marcados, Mercadona vai seguir indo moi ben.
Grazas un ano máis: a todos, polo voso compromiso; ao Consello de Administración, pola súa confianza no Comité de Dirección, determinante para afrontar os retos vindeiros; e aos nosos accionistas, polo seu apoio constante, como sempre o foi o do noso accionista e amigo Juan Carlos Gómez, falecido o pasado mes de decembro. Dende aquí, agradezo a súa implicación e o seu apoio e únome á dor da familia Gómez Gómez.