Camións 100 % eléctricos en probas en Mercadona

Mercadona, primeira empresa en facer distribución urbana de mercadorías con tractoras eléctricas

09 de xaneiro de 2023
  • En colaboración con Disfrimur e Acotral, inicia probas en Murcia e Madrid con estes vehículos de 33 palés de carga, que permiten reducir en 102 t as emisións de CO2.
  • Tamén incorporou á súa frota propia dous camións eléctricos ríxidos de 21 palés, os primeiros camións cero emisións (etiqueta DXT) da empresa e cunha redución anual de 111 t de CO2, para o abastecemento das súas tendas de Alacant.
  • Dispón dunha frota de camións “nova”, o que lle permitiu, dende 2015, deixar de emitir máis de 85.000 tCO2 e lograr unha redución por palé transportado do 27 %.
  • Para seguir avanzando no seu compromiso coa loxística verde e reforzar a súa sostibilidade.

Mercadona, en colaboración cos provedores loxísticos Disfrimur e Acotral, converteuse na primeira empresa do seu sector en realizar probas en España con tractoras cen por cen eléctricas, o que supón un avance pioneiro no seu proceso de descarbonización do transporte en 2050, en liña cos compromisos recollidos co Pacto Verde Europeo de emisións neutras.

En concreto, a compañía está testando a eficiencia dos tráileres eléctricos tras analizar os retos presentados polas súas características, fundamentalmente a súa reducida autonomía para unha loxística que traballa 24 horas e a escasa infraestrutura de recarga existente. Para iso, deseñou, con axuda dos seus provedores loxísticos, as rutas máis adecuadas para estas probas, que se están realizando en Madrid xunto coa empresa de transportes Acotral en Getafe (capacidade de recarga de 43 kW); e en Murcia, neste caso dende as instalacións de Disfrimur en San Isidro (proxecto con Iberdrola con potencias de ata 180 kW). En conxunto, dende ambas as dúas rutas lograron abastecer eficientemente un total de 6 supermercados, 1 na Comunidade de Madrid e 5 na Región de Murcia e Alacant.

Os vehículos eléctricos probados son tractoras de ata 44 t que, grazas á súa incipiente tecnoloxía, alcanzan unha autonomía de ata 300 quilómetros, cunha capacidade de carga de 33 europalés.

Con estas tractoras redúcese anualmente un total de 102 t da súa pegada de carbono que permite á empresa seguir avanzando nos obxectivos no seu modelo de loxística verde, coa que persegue previr posibles riscos ambientais minimizando as súas emisións. Neste sentido, cabe destacar que a compañía logrou alcanzar en 2021 unha redución do 27 % e que ten previsto, no marco da Lei de Cambio Climático de maio de 2021, certificar unha redución do 30 % das súas emisións loxísticas á atmosfera en 2023. Así mesmo, estes camións reducen igualmente a contaminación acústica, ao emitir aproximadamente uns 56dB, o que permite a Mercadona seguir garantindo con este tipo de transporte unha descarga nocturna silenciosa e responsable cos veciños.

Dous primeiros camións eléctricos ríxidos de 21 palés na súa propia frota

Ademais desta iniciativa pioneira, Mercadona incorporou á súa frota os seus dous primeiros camións cero emisións (etiqueta DXT). Para iso, contou coa colaboración de Disfrimur, que instalou nas súas bases de Alacant e Murcia, co soporte de Iberdrola, 2 cargadores ultrarrápidos de ata 180 kW para poder recargalos en apenas dúas horas e cuarto.

As primeiras probas con estes vehículos, que foron fabricados por SCANIA, realizáronse en Alacant, en rutas que permitiron á compañía abastecer a modo de probas un total de 4 supermercados. Os novos camións incorporados á frota propia de Mercadona teñen unha capacidade de carga de 21 palés, unha autonomía de 200 quilómetros con equipo de frío e xeran unha redución anual das emisións de CO2 de 111 t.

Segundo Jose Ángel Llop, Director de Transporte de Mercadona, “formamos parte dunha empresa responsable que sempre apostou pola innovación como panca de crecemento e sostibilidade. Grazas a este compromiso fomos capaces de poñer en marcha este proxecto pioneiro en España tras demostrar a viabilidade das rutas deseñadas para tal efecto. Con este paso, non só contribuímos, como empresa, a reducir a nosa pegada de carbono e a protexer o medio ambiente, senón que reforzamos o noso compromiso con facer máis con menos recursos, reducindo os efectos sobre o ámbito e impulsando a ecoeficiencia”.

Tractora eléctrica en probasTractora eléctrica.

Compromiso por ter unha frota eficiente e nova

Mercadona mantén un profundo compromiso co coidado e coa protección do medio ambiente e persegue, en todo momento, realizar a súa actividade co mínimo impacto posible. Para iso, a compañía impulsa políticas ambientais específicas en materia de residuos, pegada de carbono e pegada hídrica, a través dun Sistema de Xestión Ambiental propio, co que persegue facer cada vez máis con menos recursos, en liña cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) promovidos pola Organización das Nacións Unidas (ONU). 

Na súa senda cara á descarbonización constante dos seus procesos, a compañía renova a frota constantemente cuns vehículos que son maiormente os modelos EURO 6 D e E, que ademais de seren os máis eficientes reducen emisións de CO2 e outros contaminantes. Neste sentido, tamén seguiu incorporando combustibles alternativos máis sostibles, o que sumado aos seus plans de descarbonización lle permitiron deixar de emitir dende 2015 máis de 85.000 tCO2, logrando unha redución por palé transportado do 27 %.

Ríxido eléctrico cero emisiónsRíxido eléctrico cero emisións.