Puntos de recarga para vehículos eléctricos en Mercadona

Mercadona inviste 21 millóns de euros en puntos de recarga para vehículos eléctricos

02 de febreiro de 2023
  • En colaboración con Iberdrola e Repsol, a compañía busca ofertar un servizo de recarga de calidade a un prezo moi competitivo.
  • A recarga poderá ser ata 6 veces máis rápida, pasando de dar 3,7 a 22 kW.
  • A previsión é finalizar en 2024 con máis de 5.000 puntos de recarga semirrápida implantados, creando unha das maiores redes de recarga para vehículos eléctricos de España.

Mercadona, compañía de supermercados físicos e de venda en liña, renova e amplía a súa rede de puntos de recarga para vehículos eléctricos co obxectivo de mellorarlle o servizo ao “Xefe” (cliente). Para iso, a previsión é investir 21 millóns de euros e implantar aproximadamente 5.000 puntos de recarga semirrápida, convertendo a rede de recarga de Mercadona nunha das maiores redes privadas de España e do sur de Europa.

Do total dos 2.000 puntos de recarga cos que conta a compañía actualmente, 100 xa teñen este novo servizo mellorado que se irá estendendo ao resto das tendas da cadea de forma progresiva. O obxectivo é que a finais de 2024 todas as tendas que teñan o Novo Modelo de Tenda Eficiente implantado e que conten con aparcadoiro, teñan instalado este novo sistema.

Entre as principais melloras destes novos puntos de carga, destaca que se multiplica por 6 a velocidade de recarga pasando de ofrecer 3,7 kW a 22kW.

En colaboración con Iberdrola e Repsol, que serán os que xestionarán o servizo e a atención ao cliente destes puntos de recarga, a compañía vai empezar a ofrecerlles este servizo aos seus “Xefes”, que poderán recargar os seus vehículos eléctricos mentres realizan a súa compra. O cliente poderá realizar todas as xestións a través da aplicación móbil destes provedores (Recarga Pública Iberdrola e Waylet de Repsol), tales como realizar o pagamento de forma sinxela, encontrar o seu cargador máis próximo e saber se se encontra dispoñible.

Ángela Clemente López, responsable do Servizo de Recarga para Vehículos Eléctricos en Mercadona, destaca a importancia de todos os colaboradores nacionais implicados neste movemento. “Da man de Iberdrola e Repsol como operadores do punto de recarga e de Circutor como fabricante dos cargadores, estamos creando unha rede de recarga para vehículos eléctricos de calidade, que contribúe a fomentar o uso do vehículo eléctrico e descarbonizar o transporte privado en todo o país, non só nas grandes cidades. Ademais, os usuarios de vehículo eléctrico que recarguen nestes cargadores poderán reducir aproximadamente ata a metade o custo de realizar un traxecto respecto ao seu equivalente tradicional”, explica.

“Iberdrola leva anos impulsando a mobilidade eléctrica en múltiples ámbitos, dende a recarga pública ao sector residencial ou empresarial. É por iso polo que hoxe podemos dicir que somos a rede de recarga pública líder en España. Este acordo con Mercadona permitiranos achegar aínda máis a mobilidade eléctrica aos cidadáns ao ofrecer servizos de recarga semirrápida nos seus supermercados. Así, os clientes de Mercadona poderán cargar os seus vehículos mentres realizan a súa compra e, ademais, poderán utilizar a App de Recarga Pública de Iberdrola, e cargar e pagar facilmente dende ela, como xa fan máis de 100.000 usuarios. Sen dúbida, supón unha gran noticia de cara a lograr a descarbonización da economía a través da mobilidade eléctrica”, sinala Raquel Blanco, directora Global de Smart Mobility de Iberdrola.

Pola súa parte, Carlos Bermúdez, xerente de Mobilidade Eléctrica de Repsol, afirma que “esta alianza con Mercadona é un paso máis da aposta de Repsol pola mobilidade eléctrica en España. Grazas a este acordo Repsol incrementa a súa rede de puntos de recarga de acceso público, o que coloca a compañía multienerxética como un dos actores de mobilidade eléctrica máis relevantes do país. Ademais, este fito consolida a nosa posición como empresa líder en mobilidade e entregada no obxectivo de lograr cero emisións netas no ano 2050, é a primeira empresa do sector en adoptar esta ambiciosa meta”.

Este movemento é un paso importante de Mercadona cara a unha estratexia de desenvolvemento para a transición enerxética, que xa está en marcha, e que vai ligada á implantación de enerxías renovables e de medidas de aforro enerxético nos seus centros.

Coñece os supermercados onde a compañía dispón de prazas de aparcadoiro con recarga para coches eléctricos aquí (actualizado).

Puntos de recarga para vehículos eléctricos nunha tenda de MercadonaPuntos de recarga para vehículos eléctricos nunha tenda de Mercadona.

Vehículo recargando no aparcadoiro dunha tenda de MercadonaVehículo recargando no aparcadoiro dunha tenda de Mercadona.