Camión 100 % eléctrico realizando un percorrido para Mercadona no centro urbano de Madrid

Mercadona inicia unha proba cun novo camión 100 % eléctrico e libre de emisións GEI, PM e NOx

02 de decembro de 2021
  • A súa nova tecnoloxía contribúe a diminuír o impacto da actividade diaria da compañía, a mellorar a calidade do aire das cidades e a minimizar o ruído.
  • Cunha capacidade para 21 palés e 26 toneladas de Masa Máxima Autorizada, o novo vehículo 100 % eléctrico de Scania ten unha autonomía teórica aproximada de 200 km e as súas características convérteno nunha solución óptima para a distribución no ámbito urbano.
  • En colaboración con Scania, Acotral, Frigicoll e ThermoKing.

Mercadona, en colaboración cos provedores Scania, Acotral, Frigicoll e ThermoKing, iniciou unha proba de laboratorio nos seus procesos loxísticos coa incorporación á súa frota dun novo modelo de camión 100 % eléctrico. Este novo proxecto permitirá a Mercadona reducir aínda máis o impacto da súa actividade nas distintas cidades nas que a compañía ten presenza, e reforzar, desta maneira, o seu compromiso cos obxectivos do Pacto Verde Europeo e coa Lei de Cambio Climático.

O novo vehículo non desprende emisións de Gases Efecto Invernadoiro (GEI) durante o transporte, coas consecuencias positivas que iso ten na protección e conservación do medio ambiente. Ademais diso, este novo motor contribúe a mellorar a calidade do aire das cidades, ao eliminar igualmente os gases máis prexudiciais para a saúde das persoas, como por exemplo aqueles que xeran partículas menores de 10 micrómetros e Óxido de Nitróxeno (NOx).

Este proxecto de Mercadona e os seus provedores tamén contribúe a reducir a contaminación acústica, cunha diminución moi relevante do ruído que, grazas a este tipo de motor, así como ao deseño do vehículo, alcanza un nivel sonoro apenas perceptible para o oído humano.

Dotado dun motor Scania 300 kWh, o novo camión é multitemperatura, dispón dun motor eléctrico alimentado por baterías de ións de litio cunha autonomía máxima de 220 km e un tempo de recarga completa a 230 kW en corrente continua de 90 minutos. Durante o período de probas, que se realizará cunha unidade xa incorporada á frota de Acotral, Mercadona ten previsto optimizar os procesos de recargas, que realizará nun dos peiraos do seu bloque loxístico de Ciempozuelos (Madrid) co obxectivo de aproveitar ao máximo os tempos de descanso dos condutores e os horarios de carga de mercadorías.

Deseñado para ámbitos urbanos, tanto para descargas diúrnas como nocturnas, o vehículo é un camión ríxido con capacidade para 21 palés e unha Masa Máxima Autorizada de 26 T. O seu equipo de frío, tamén 100 % eléctrico e conectado á mesma batería que o motor, é a versión Frigoblock de ThermoKing, permítenos non só eliminar as emisións de Gases do equipo de frío senón tamén poder circular co equipo acendido nos núcleos urbanos grazas a unha importante redución da contaminación acústica.

Este novo proxecto de transporte urbano con motores 100 % eléctricos e libres de emisións GEI, Partículas e NOx confirma o compromiso que Mercadona e os seus provedores loxísticos teñen co transporte sostible e a convivencia cos veciños. A compañía leva anos apostando non só por transportar máis con menos recursos e optimizar cada ruta, senón por reducir ao máximo o impacto da súa actividade con iniciativas como a que está probando nestes momentos, totalmente aliñada cos obxectivos medioambientais que marca Europa.

Mercadona di si a seguir coidando o Planeta, o que implica importantes esforzos, como por exemplo o Plan de Redución de Emisións que a compañía puxo en marcha apoiándose na iniciativa Lean & Green, promovida en España pola AECOC, Asociación de Fabricantes e Distribuidores, e acreditando unha redución superior ao 20 % nas emisións de CO2 dos seus procesos loxísticos, concretamente do 27 %, no período 2016 – 2020.

Loxística sostible: comprometidos co ámbito

Mercadona seguiu revisando os seus procesos loxísticos e introducindo melloras que, no seu conxunto, permitiron optimizar a cadea de subministración para facela cada vez máis sostible. Para iso incorporou solucións como, por exemplo, o uso de combustibles menos contaminantes como son o gas natural licuado (GNL) ou o gas natural comprimido (GNC), melloras nos gases utilizados nos equipos de refrixeración dos vehículos, a renovación da frota cara a estándares de motor máis avanzados e eficientes ou reparticións de última milla en núcleos urbanos realizadas por camións coas normas de control de emisións máis restritivas do mercado. Ademais, seguiu impulsando a súa Estratexia do Oito, con diversas iniciativas combinadas que permiten mellorar o comportamento ambiental da súa frota, tales como a aposta polas “Compras sobre Peiraos”, que reducen a pegada de carbono; o aproveitamento de “Loxística Inversa” para optimizar os traxectos de retorno; a utilización dun pool de envases reutilizables, facilmente reparables e reciclables ou o fomento do ecodeseño de envases e embalaxes para aproveitar ao máximo o espazo de carga e evitar así “transportar aire”.

Grazas a todos estes movementos e ao esforzo constante e conxunto do seu departamento de loxística e dos Provedores Totaler cos que colabora, no momento do peche de 2020 a compañía certificou importantes avances, tal e como reflicten estes datos: o 99 % da súa frota responde ao estándar Euro VIc e Euro VId, dispón de 103 camións propulsados con GNL e GNC, implantou a loxística silenciosa en horas val en máis de 700 tendas e alcanzou unha taxa de enchido de camións do 85 %, a pesar da complexidade dos cambios loxísticos que houbo que realizar en 2020 e 2021 por causa da pandemia.

En canto ás frotas de Servizo a Domicilio e Mercadona Online, estanse introducindo furgonetas Bifuel e, en paralelo, estanse realizando probas con furgonetas eléctricas.

Ademais, nos Bloques Loxíticos de Mercadona estanse realizando importantes melloras de aforro e eficiencia enerxética como son a introdución da iluminación Led e a instalación de paneis solares fotovoltaicos nalgúns deles, como Villadangos e Vitoria-Gasteiz.

Camión eléctrico en probas nas instalacións do Bloque Loxístico de Mercadona en CiempozuelosCamión eléctrico en probas nas instalacións do Bloque Loxístico de Mercadona en Ciempozuelos.

Camión 100 % eléctrico realizando un percorrido para Mercadona no centro urbano de MadridCamión 100 % eléctrico realizando un percorrido para Mercadona no centro urbano de Madrid.