Logos Mercadona e a UPF Barcelona School of Management

Mercadona e a UPF Barcelona School of Management crean unha cátedra para potenciar a economía circular

26 de septembro de 2020

Mercadona, compañía de supermercados físicos e de venda en liña, e a UPF Barcelona School of Management selan un acordo de colaboración para crear a “Cátedra Mercadona de economía circular”, que terá como obxectivo encontrar fórmulas para aproveitar o aforro de recursos derivado da aplicación dos principios da economía circular.

A cátedra, que terá unha duración de tres anos (2020-2023), estará centrada na industria agroalimentaria e no sector da distribución. Co fin de axudar na busca de solucións para maximizar a eficiencia e minimizar o impacto ambiental, durante o primeiro ano perseguirase a identificación dos principais retos para mellorar a incorporación de material reciclado en determinadas familias de envases, así como a súa reciclabilidade ao final da súa vida útil.

As análises deben permitir achegar argumentos sólidos para favorecer o debate responsable e extraer aprendizaxes para a toma de decisións estratéxicas nun ámbito, o da economía circular, que persegue un uso racional dos recursos e evitar a xeración de residuos nos procesos produtivos, de xeito que as materias primas e os recursos naturais se poidan reincorporar a un ciclo material ou biolóxico tantas veces como sexa posible.

“As cátedras son unha ferramenta idónea para estreitar a colaboración entre a UPF Barcelona School of Management e o tecido empresarial co obxectivo de impulsar a investigación en ámbitos específicos, desenvolver ideas que o mercado reclama ou innovar en produtos e metodoloxías competitivas”, afirma o decano da UPF BSM, Oriol Amat.

Pola súa parte, o director de Relacións Institucionais de Mercadona en Catalunya, Bernat Morales, sinala que con esta cátedra “Mercadona dá un paso máis no seu compromiso por ser socialmente responsables co medioambiente”. Neste sentido, Morales apunta que o impulso da cátedra se “complementa co resto das iniciativas que a compañía puxo en marcha como, por exemplo, a denominada Estratexia 6.25, que pretende reducir un 25% o plástico en todos os supermercados da cadea, favorecer que todos os envases de plástico sexan reciclables e reciclar todo o residuo plástico que se xere nas nosas tendas de aquí ao 2025”.

O equipo da cátedra

Por parte da Universitat Pompeu Fabra (UPF), a cátedra recae en profesores especializados nas temáticas e actividades do sector da economía circular procedentes da UPF, a UPF Barcelona School of Management e a ESCI UPF.

A súa dirección corre a cargo de Carolina Luis Bassa, directora do Departamento de Business and Management Strategy da UPF Barcelona School of Management; Llorenç Bagur, vicedecano de Profesorado; José Fernández Cavia, director do Departamento de Comunicacións da UPF, e Pere Fullana, director da Cátedra UNESCO de ciclo de vida e cambio climático.

Dende Mercadona, os responsables da cátedra son Margarita Muñoz, directora de Responsabilidade Social; Adela Torres, xerente de Medio Ambiente e Alba Cabañas, consultora independente.

Representantes da UPF Barcelona School of Management e MercadonaRepresentantes da UPF Barcelona School of Management e Mercadona.

Logo EActiVate