Exterior tenda de Mercadona

O Comité de Dirección de Mercadona aproba incrementar o soldo do cadro de persoal de acordo co IPC

30 de decembro de 2022
  • Esta medida entrará en vigor a partir da nómina de xaneiro para as 96.000 traballadoras e traballadores de España e Portugal, segundo o IPC do mes de decembro de cada país.

O Comité de Dirección de Mercadona, empresa de supermercados físicos e de venda en liña, acorda, por coherencia co Modelo de Calidade Total da compañía, incrementar o soldo de todo o seu cadro de persoal de acordo co IPC, non só sobre o salario base como indica o Convenio de Empresa, senón sobre o total salario do cadro de persoal incluídos os complementos correspondentes.

Esta medida entrará en vigor a partir da nómina de xaneiro dos máis de 96.000 traballadores que Mercadona ten en España e Portugal, segundo o IPC do mes de decembro de cada país. O obxectivo é manter o poder adquisitivo de todas as persoas que forman parte de Mercadona, porque eles son o mellor activo dos clientes; canto máis satisfan “O Xefe”, como internamente a compañía chama ao cliente, máis avanza Mercadona.

A compañía incrementa a súa produtividade un 9 %

A compañía, na seguridade de que incrementar os salarios en 2022 un 6,5 % en España e un 2,7 % en Portugal ía supoñer un incremento dos seus custos fixos, puxo en marcha unha serie de medidas. Entre elas, melloras na dixitalización dos seus procesos e no compromiso de concienciación de todo o cadro de persoal en analizar os custos nos que incorrían, movementos que deron como resultado, a expensas do peche do exercicio, un incremento do 9 % da súa produtividade e uns aforros de custos de máis de 200 millóns de euros.