- O Institut Cerdà valora este espazo como un “megacentro de innovación”, pioneiro no sector Gran Consumo en Europa, por innovar dende o cliente “cara a atrás”.
- O estudo destaca tamén as Minibarriñas de Chocolate Hacendado, elaboradas polo provedor totaler Dulces Olmedo, por introducir no mercado unha alternativa saudable dentro da categoría de snacks de chocolate.
O Centro de Coinnovación de El Jarro de Mercadona , situado no municipio de Paterna (València) é, segundo o Observatorio de Innovación en Gran Consumo en España 2019, elaborado polo Institut Cerdà e presentado esta mañá na sede da Fundación Cotec (Madrid), unha das principais innovacións do seu sector. A segunda edición deste Observatorio, formado por un panel de expertos independentes, recoñece o labor en materia de innovación deste espazo, e destaca ademais produtos como as Minibarriñas de Chocolate Hacendado con crocante de sementes, fabricadas polo provedor totaler Dulces Olmedo, pola súa nova e saudable mestura de ingredientes.
Para o Institut Cerdà, o Centro de Coinnovación de El Jarro de Mercadona, posto en marcha a mediados de 2017 tras un investimento inicial de 3,5 millóns de euros, supón unha innovación no sector porque está ao servizo da innovación cunha visión “cara a atrás”, contando co cliente e co resto de elos da cadea. Sobre unha superficie de 5.700 metros cadrados, este espazo consta de varias dependencias, onde destaca a recreación dun supermercado con todos os produtos para realizar “laboratorios” (probas), e un conxunto de centros de coinnovación que reproducen unha cociña, asador e paelleiro e unha zona de limpeza.
Segundo o Observatorio, este espazo, único no sector Gran Consumo de Europa, destaca por conseguir crear “un espazo híbrido” onde os seus traballadores interactúan cos produtos na súa situación natural e realizan todo tipo de probas, e onde realizan formacións internas sen interferir na actividade diaria dunha tenda. Nun único punto pódese realizar e xestionar todo o proceso de desenvolvemento do produto, dende o inicio ata o seu lanzamento definitivo nas tendas reais, e aplicar decisións sobre a oferta e sobre o espazo de venda.
Ademais do recoñecemento a este centro de coinnovación, as Minibarriñas de Chocolate Hacendado con crocante de sementes son exemplo, para o Institut Cerdà, dunha das mellores iniciativas de innovación en Gran Consumo en 2019. Este produto, elaborado polo provedor totaler Dulces Olmedo no municipio de Estepa (Sevilla), destaca principalmente por ampliar a categoría de snacks de chocolate cunha alternativa máis saudable. Así mesmo, o desenvolvemento deste produto levou consigo “un grande esforzo de investigación e desenvolvemento”, ao conseguir unha mestura nova e atractiva entre ingredientes de distinta densidade como o son o chocolate, as sementes (de sésamo e liño marrón), os cereais e a galleta.
Unha rede de 19 centros de coinnovación de Mercadona.
Este centro de coinnovación forma parte da rede de centros de coinnovación que a compañía ten en España e Portugal, a gran maioría especializados en categorías de produtos. Actualmente, a compañía conta cun total de 19 centros onde realiza sesións de coinnovación cos seus “xefes” (clientes), o que lle permite captar necesidades concretas e dar resposta, tanto por medio de melloras, como a través de novas referencias en todas e cada unha das seccións. Nestes centros traballan especialistas en categorías de consumo, responsables de captar e observar, “co mandil posto”, as preferencias e necesidades dos “Xefes” para que a compañía poida ofrecerlles solucións acertadas.
Este Modelo de Coinnovación, que se puxo en marcha en 2011 mediante a Estratexia Mandil baseada en compartir cos clientes experiencias e costumes de consumo, permítelle á compañía desenvolver unha Oferta Eficaz, produtos da máxima calidade ao mellor prezo posible, conxuntamente cos provedores totaler.
Minibarriñas de Chocolate Hacendado no lineal de Mercadona