Novo logo de Mercadona sobre unha das novas portas verdes dun supermercado.

Navarra – Mercadona inaugura o seu novo Modelo de Tenda Eficiente na avenida Sancho el Fuerte de Pamplona

18 de agosto de 2017
  • Esta nova tenda, completamente conectada tecnoloxicamente, presenta un deseño e unhas seccións totalmente renovadas que melloran a experiencia total de compra dos clientes, cun aforro enerxético de até un 40 % respecto dunha tenda tradicional.
  • O novo supermercado eficiente supuxo un investimento de máis de 700.000 euros e conta cun cadro de persoal de 40 traballadores con emprego estable e de calidade.
  • Na súa construción participaron unha media de 73 fornecedores, que deron emprego a 195 persoas durante a fase de obra. 

Mercadona inaugura hoxe un novo supermercado en Pamplona, concretamente no número 22 da avenida Sancho el Fuerte, na zona de Iturrama Nuevo. Este supermercado, que abre co novo Modelo de Tenda Eficiente de Mercadona, supuxo un investimento de máis de 700.000 euros e conta cun cadro de persoal de 40 persoas, con emprego estable e de calidade.

Na súa construción participaron 73 fornecedores, que deron emprego a 195 persoas durante a fase de obra, e presenta un novo deseño que mellora a distribución, a decoración e a disposición de todas as seccións co obxectivo de mellorar e optimizar a experiencia de compra dos seus "Xefes", como a compañía denomina internamente os seus clientes.

A nova tenda eficiente de Mercadona en Pamplona conta cunha superficie de sala de vendas de 1.500 metros cadrados e dispón dun deseño totalmente renovado respecto do anterior modelo de tenda con novas cores e materiais, quer na fachada exterior de acceso ao supermercado quer na distribución das diferentes seccións. Aposta por amplos espazos diáfanos que facilitan a entrada de luz natural e cores cálidas na delimitación dos diferentes ambientes.

Novidades en todas as seccións

Presenta novidades en todas as seccións das que se benefician tanto os “Xefes” (clientes) como os traballadores, os fornecedores e a sociedade. Dispón, por exemplo, dunha nova entrada con duplo acristalado que evita correntes de aire, de andeis específicos para o leite fresco e os zumes refrixerados, dun novo punto de acabado para a carne, dunha góndola central na perfumería para a cosmética especializada, dunha nova exposición na peixería para os produtos de cuncha e dunha máquina de zume de laranxa acabado de espremer.

Este novo Modelo de Tenda Eficiente de Mercadona tamén procura ofrecer un mellor servizo para facilitar o acto de compra dos clientes mediante a ampliación dos corredores da froita e dos vexetais, dun novo modelo de cesta da compra e de dous modelos de carros, moito máis ergonómicos e lixeiros.

Adicionalmente, co obxectivo de facilitar as tarefas cotiás dos traballadores, este novo supermercado inclúe múltiples medidas para mellorar a ergonomía e eliminar os sobreesforzos. Para o deseño do novo moble de caixa, Mercadona contou coa colaboración do Instituto de Biomecánica de Valencia. Para alén de dispor de zonas comúns para que os empregados gocen dunha maior comodidade nos seus momentos de lecer, así como dunha zona comedor máis equipada e duns armarios persoais máis amplos e cómodos.

Aforro enerxético e xestión totalmente informatizada: tenda eco-eficiente

A nivel medioambiental, tomáronse medidas que permiten reducir até nun 40 % o consumo enerxético respecto do modelo de tenda convencional, por mor da mellora do illamento térmico e acústico, optimizando os materiais e o grosor de paredes e teitos e con novas arcas de conxelado máis eficientes enerxeticamente e respectuosas co medio ambiente. Ademais, conta cun sistema de iluminación LED automatizado que se regula segundo as zonas e os momentos do día, para unha xestión enerxética moito máis eficiente. 

Do mesmo xeito, este novo Modelo de Tenda de Mercadona, completamente conectada tecnoloxicamente, integra unha serie de dispositivos electrónicos e ferramentas colaborativas para os traballadores, coas que poderen compartir información desde calquera sección da tenda, facilitando a autoxestión de cada supermercado e axilizando os procesos de toda a cadea. Entre os novos dispositivos encóntranse, por exemplo, a liña de caixas, as balanzas ou o uso de tabletas electrónicas que substitúen o papel para realizar as xestións administrativas. Todo isto permite optimizar os procesos e coñecer a xestión da tenda en tempo real, facilitando a toma de decisións e contribuíndo a unha maior axilidade, especialmente, na xestión dos produtos frescos. 

O horario de abertura do supermercado é de luns a sábado, de 9h00 a 21h30 e Mercadona habilitou o seu servizo a domicilio e a compra online.

Con esta nova abertura, os clientes de Mercadona beneficiaranse da súa coñecida política comercial S.P.B. (Sempre Prezos Baixos), que a compañía emprega de xeito exclusivo e que consiste en garantir o menor prezo unitario dos produtos, coa mellor calidade, de forma permanente. Grazas a iso, Mercadona pode ofrecerlles aos seus clientes unha variedade eficaz, con independencia de quen fabrique o produto, coa máxima calidade e ao mínimo prezo posible.

Mercadona ten previsto para o exercicio 2017 investir 180 millóns de euros en reformar e renovar con este Novo Modelo de Tenda Eficiente 126 tendas repartidas por toda España, así como investir 5 millóns de euros en I+D+i en novas melloras informáticas.

Mercadona en Navarra

Mercadona mantén a súa aposta decidida por Navarra, onde xa conta con 11 tendas situadas: 3 en Pamplona (na Avda. Gipuzkoa, Avda. San Jorge e, a partir de hoxe, na Avda. Sancho el Fuerte) e unha en Ansoáin, Aranguren, Barañáin, Burlada, Valle de Egüés, Estella, Tafalla e Tudela. Todas as tendas suman un cadro de persoal de 456 persoas, con emprego estable e de calidade.

Para alén diso, a compañía mantén relación comercial con 667 pemes desta comunidade e en 2016 realizou compras a fornecedores navarros por valor de 270 millóns de euros, un 25 % máis que no ano anterior. Exemplos dos seus fornecedores agroalimentarios e da súa aposta polo produto local son a compra de 1 millón de quilos de alcachofa en Tudela, o que supón un incremento do 42 % respecto da campaña anterior, así como a compra de  4.000 quilos de espárrago branco con IXP Navarra, 4,2 millóns de quilos de cebola e máis de 400.000 quilos de pemento vermello e verde.

Dentro da súa responsabilidade social corporativa doou 227,9 toneladas de produtos de primeira necesidade grazas á súa colaboración co Banco de Alimentos de Navarra, a Fundación Ilundáin Haritz Berri, as Hermanitas de los Pobres de Pamplona e o comedor solidario Paris 365.