Traballadores na Colmea de Madrid de Mercadona

Mercadona e os sindicatos asinan un novo Plan de Igualdade que reforza a transparencia na súa política retributiva

14 de decembro de 2021
  • O novo Plan de Igualdade entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2022 e terá unha vixencia de dous anos, ata 2023, coincidindo coa nova renovación do Convenio Colectivo.
  • O novo Plan de Igualdade actualiza o vixente dende 2019, adáptase así ao recente desenvolvemento normativo en materia de igualdade, reforzando o compromiso da compañía pola equidade retributiva.

Mercadona, compañía de supermercados físicos e de venda en liña, asinou cos representantes da Unión Xeral de Traballadores (UXT) e de Comisións Obreiras (CCOO) o novo Plan de Igualdade que entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2022 e que terá unha vixencia de dous anos, ata 2023, coincidindo coa nova renovación do Convenio Colectivo.

Este novo plan, que reforza o compromiso da compañía pola transparencia na súa política retributiva, actualiza o vixente dende 2019 e adáptase, así, ao recente desenvolvemento normativo en materia de igualdade que pon a énfase no rexistro dos Plans de Igualdade e no Principio de Igualdade Retributiva.

Mercadona, que conta cun Plan de Igualdade ratificado polos representantes sindicais dende hai máis de 12 anos, consolida con esta actualización o seu compromiso por unhas relacións laborais baseadas na igualdade, e reforza feitos conseguidos co anterior plan, como que en 2020 o 45 % dos postos directivos e o 62 % dos do Consello de Administración fosen mulleres; ou ben, o feito de que a equidade retributiva sexa un valor irrenunciable no Modelo da compañía, que aplica dende 1997 e de maneira transversal: o principio de “a igual responsabilidade, mesmo soldo”. 

Rosa Enríquez, membro da Comisión de Seguimento do Plan de Igualdade por UXT: “dende UXT valoramos moi positivamente o acordo alcanzado en Mercadona para a actualización e adaptación do Plan de Igualdade. Consolídase o traballo feito durante estes últimos anos por esta comisión, garantindo unha igualdade de oportunidades para todas as persoas traballadoras da empresa”.

Silvia Yankowich, Secretaria Xeral da Sección Sindical de CCOO, considera que “a transparencia é totalmente relevante nunha aposta decidida pola igualdade, polo que en Mercadona abordámolo co obxectivo de adaptarnos aos novos tempos e utilizando a perspectiva de xénero como a óptica coa que avaliar todos e cada un dos factores que afectan ás condicións laborais do cadro de persoal”.

Pola súa parte, Ruth García, directora de Relacións Laborais de Mercadona, mostrou a súa satisfacción tras o acordo alcanzado e indicou que “podemos sentir orgullo da compañía, do seu Modelo e de como este se centra na mellora continua das relacións laborais para seguir afianzando o seu compromiso coa equidade, o emprego de calidade e o respecto á diversidade”.

Imaxe de cabeceira: Traballadores na Colmea de Madrid de Mercadona.