Vista aérea do bloque loxístico de Mercadona en Huévar del Aljarafe (Sevilla)

Mercadona investirá 35 millóns de euros na ampliación do seu bloque loxístico de Huévar

13 de agosto de 2018
  • A cadea de supermercados inicia as obras para a construción dunha nova nave de 36.700 m2 de edificabilidade sobre unha parcela de máis de 88.000 m2 de superficie.
  • O obxectivo é implantar un sistema innovador de almacenamento e preparación de produtos frescos que permitirá eliminar sobreesforzos dos traballadores e avanzar en eficiencia nos procesos loxísticos.

Mercadona comezou as obras para a ampliación do seu bloque loxístico no municipio sevillano de Huévar del Aljarafe, onde proxecta a construción dunha nova nave de 36.700 m2 de edificabilidade sobre unha parcela de máis de 88.000 m2 de superficie. Na súa construción participarán unhas 150 empresas, a maior parte delas pemes andaluzas. Tal actuación suporá un investimento por parte da compañía de 35 millóns de euros que se executará en varias fases, xa que a nova nave, que se dedicará ao almacenamento, preparación e expedición de produtos frescos, estará operativa no ano 2021.

As novas instalacións de Mercadona contarán co denominado PPG (Picking Ponte Grúa), un sistema innovador de almacenamento e preparación automática de palés de carne, froita e verdura. A parte principal será un sistema de robots que serán os encargados de realizar o traballo duro en todo o proceso, dende a recepción da mercancía ata a formación dos palés que serán expedidos ás tendas; isto eliminará sobreesforzos por parte dos traballadores. Ademais, garantirá unha maior eficiencia nos procesos, clave para cumprir o obxectivo da compañía de garantirlles a máxima calidade e frescura aos clientes.

Esta nova nave virá sumarse ás instalacións xa operativas en Huévar del Aljarafe, onde a compañía dispón de máis de 83.000 m2 de superficie construída. Dende este bloque loxístico, que conta cun cadro de persoal de máis de 800 traballadores con emprego estable e de calidade, subminístrase actualmente a 167 supermercados das provincias de Sevilla, Cádiz, Huelva, Badajoz e Canarias.

Mercadona implantou por vez primeira este sistema innovador (PPG) no seu bloque loxístico de Guadix, en Granada, que iniciou a súa actividade en outubro de 2013. Naquel momento a compañía xa contaba con dous bloques loxísticos en Andalucía, situados en Antequera (Málaga, ano 2000) e Huévar del Aljarafe (Sevilla, ano 2004). O compromiso de Mercadona é avanzar na eliminación de sobreesforzos na súa rede loxística andaluza. Só en 2017, a compañía destinou máis de 13,6 millóns de euros a melloras nos seus bloques loxísticos andaluces.

Mercadona en Andalucía

A cadea de supermercados conta con 350 establecementos en Andalucía e un cadro de persoal que supera os 18.280 traballadores con emprego estable e de calidade. As compras de Mercadona a provedores andaluces alcanzaron en 2017 os 2.859 millóns de euros, 36 millóns de euros máis que en 2016, cifra que reflicte a aposta da compañía polo sector agroalimentario andaluz.

Para impulsar a estratexia de realizar o investimento necesario para transformar a empresa, Mercadona abordou distintos movementos. En canto á innovación nas tendas, en concreto, no caso de Andalucía destináronse en 2017 máis de 88,5 millóns de euros á apertura de 4 novos supermercados (2 deles polo peche de dúas tendas que non cumprían os estándares esixidos pola compañía) e a reforma doutros 29 establecementos, todos baixo o Novo Modelo de Tenda Eficiente, que ademais de reducir o consumo enerxético, contribúe a optimizar o acto de compra dos clientes e a facilitar as tarefas diarias dos traballadores. Na provincia de Sevilla, onde Mercadona conta actualmente con 69 supermercados, a compañía investirá este ano 27 millóns de euros para reformar doce supermercados, polo que no momento do peche de 2018 contará con 15 tendas adaptadas ao seu Novo Modelo Eficiente.

Imaxe de cabeceira: Vista aérea do bloque loxístico de Mercadona en Huévar del Aljarafe, Sevilla.