Carro cesta de Mercadona con produtos.

Mercadona inicia a súa colaboración cotiá cos comedores sociais de Ibiza

27 de septembro de 2017
  • Mercadona, que xa colabora con outros comedores sociais nas Illas Baleares,  comeza a entregarlles produtos acotío aos tres comedores sociais de Cáritas Diocesana en Ibiza.
  • A compañía doou no pasado exercicio 107 toneladas de alimentos a diversas entidades sociais de Baleares.

Mercadona iniciou a súa colaboración cos tres comedores sociais de Ibiza, Sant Antoni de Portmany e Santa Eulària des Riu, xestionados por Cáritas Diocesana de Ibiza, mediante a entrega cotiá de produtos de primeira necesidade como froitas e vexetais, lácteos, carne e peixe empaquetados, embutidos, conservas, pan ou pastas co obxectivo dos comedores poderen preparar as comidas das persoas e familias usuarias dos centros.

Os comedores sociais, abertos desde hai máis de 20 anos e xestionados por Cáritas Diocesana de Ibiza, atenden diariamente ao redor de 90 persoas e reparten 30.000 menús anuais de comida consistentes nun primeiro e nun segundo prato, pan, sobremesa, así como menús adaptados a usuarios con necesidades alimentarias específicas, das que se benefician unhas 200 persoas cada ano. Para alén de entregaren friameiras cos mesmos menús a familias en situación de vulnerabilidade sen posibilidade de cociñar.

A doazón realízase a primeira hora da mañá, de luns a sábado, grazas aos recursos loxísticos e humanos de Mercadona que achegan até os comedores os produtos, que son completamente aptos para o consumo mais non para a venda, e entréganos nas mellores condicións de calidade e seguridade alimentaria para que os voluntarios preparen as comidas.

A responsable de Relacións Externas de Mercadona nas Illas Baleares, Bárbara Ordás, asegura que “estamos moi satisfeitos de colaborar con estes comedores sociais, e sentímonos orgullosos de podermos achegar alimentos para axudar a completar a dieta das persoas e familias que acoden aos centros".

Pola súa parte, o presidente de Cáritas Diocesana de Ibiza, Joan Marí, manifestou a súa satisfacción por este tipo de colaboracións "que nos axudan a aumentar os nosos recursos cotiáns con produtos que están en perfectas condicións para o seu consumo".

Mercadona tamén colabora nas Illas Baleares, coa doazón de 107 toneladas de alimentos en 2016, co Banco de Alimentos de Mallorca, cos Bancos Municipais de Maó e Ciutadella en Menorca, con Cáritas Diocesana de Ibiza e Formentera, co Comedor Social de Inca xestionado por Cáritas Diocesana de Mallorca e co Comedor Social de "Ca l'Ardiaca" xestionado pola Asociación Altruista Es Refugi de Palma (Mallorca). Para alén de colaborar coa participación de supermercados en accións benéficas como as "Operaciones Kilo" ou as campañas como a “Gran Recogida” organizadas polos Bancos de Alimentos de Mallorca e de Ibiza.

Dentro das accións de compromiso social, Mercadona colabora desde hai anos con diferentes institucións e organizacións sociais de toda España como Bancos de Alimentos, Cáritas Diocesana, Cruz Vermella e máis de 120 comedores sociais. En 2016, Mercadona doou 6.500 toneladas de alimentos, o que equivale a máis de 108.000 carros de compra.